"A xeración máis activa e capaz de achegar cousas novas quedou anulada en 1936"

Representantes municipais asasinados na provincia da Coruña, por concello © Deputación da Coruña

A Coruña contaba con 94 concellos en 1936. Nos días e semanas que seguiron ao Golpe de Estado, 14 dos alcaldes foron asasinados (máis outras catro persoas que foran rexedores nos anos anteriores) e outros 32 tiveron que fuxir ou exiliarse, foron encarcerados ou sancionados. 72 concelleiros foron igualmente asasinados. Son as cifras que atopamos no proxecto Xeración Perdida. Representatividade institucional republicana e represión na provincia da Coruña, impulsado pola Deputación e levado a cabo polo grupo HISPONA (USC) baixo a dirección do profesor Emilio Grandío.

Os primeiros resultados desta investigación foron presentados este mércores na sede da Deputación pola súa vicepresidenta, Goretti Sanmartín Rei, e polo propio director do proxecto. Goretti Sanmartín lembrou que a iniciativa continúa o ronsel aberto pola homenaxe ás corporacións democráticas que a institución levou a cabo o verán pasado. "Manexabamos unha primeira listaxe mais detectamos a ausencia dun estudo profundo e rigoroso que botase luz sobre as corporacións que foran asoladas pola represión fascista”, explicou a vicepresidenta, que sinalou que espera que o proxecto se converta nunha “importante ferramenta que se pon a disposición dos concellos para que poidan facer homenaxes e restituír a memoria de quen nos precedeu nas corporacións municipais que merecen ser lembrados e recoñecidos despois de décadas de silencio”. 

Sanmartín fixo especial mención á figura da concelleira de Boiro, Brígida Muñiz, a única muller que aparece na listaxe mais que convida a reflexionar “sobre unha represión aínda máis oculta que é a de todas as mulleres que, coma ela, foron rapadas e humilladas e viron a súa vida truncada despois do golpe militar”.

Na web da Deputación pode consultarse esta primeira base de datos, cos nomes dos 300 alcaldes e concelleiros que sufriron a represión franquista (entre eles Enrique Rajoy Leloup, avó de Mariano Rajoy), 90 deles directamente asasinados. "Tivemos que baleirar arquivos de toda a provincia. O primeiro problema a resolver consistía en saber quen eran os concelleiros en 1936, algo que en moitos concellos era descoñecido ata agora", destaca Grandío subliñando as dificultades que o equipo que dirixe atopou para identificar as corporacións municipais republicanas, sobre todo nas localidades máis pequenas. A base de datos completarase, ao final do proxecto, coa reconstrución completa das 2.500 persoas que compuñan as corporacións municipais anteriores a 1936 e coas fotografías de moitas delas, nun arquivo para o que se recompilaron xa 150 imaxes.

"Neses primeiros meses, unha parte da represión busca sobre todo a anulación de toda resistencia"

"Queríamos contestar o tópico de que a represión se facía exclusivamente por motivos ideolóxicos. Estes eran moi importantes, por suposto, pero tamén había motivos militares e de control social. Neses primeiros meses, unha parte da represión busca sobre todo a anulación de toda resistencia. O obxecto da represión son sobre todo as corporacións municipais da Fronte Popular, que sofren o 80% de todos os actos de represión contra representantes públicos. Pero ese outro 20% non se pode entender sen outras explicacións", explica Grandío. "Os representantes municipais eran un elemento simbólico da República, do sistema anterior, daquilo contra o que se dá o Golpe. Despois dos Gobernadores Civís, o símbolo máis importante eran os alcaldes, e despois os concelleiros", di.

Analizando os datos, vemos como a represión foi especialmente dura en determinadas comarcas, sobre todo do norte da provincia. "Nas comarcas de Eume, Ortegal e Ferrol a represión foi especialmente forte [10 alcaldes ou ex-alcaldes asasinados]. En xeral, a costa sofre máis a represión que o interior, pero hai que ter en conta un feito engadido: a provincia da Coruña foi dividida en tres subdelegacións de orde pública, unha con centro en Santiago, outra con centro na Coruña e outra con centro en Ferrol, e nesta última a represión contra os representantes democrático tivo moita maior intensidade e cremos que isto foi debido a unha intervención determinada desa estrutura de orde pública", destaca Grandío.

O historiador destaca o fondo efecto social que tiveron os asasinatos e outro tipo de castigos infrinxidos aos representantes públicos republicanos, así coma as consecuencias que o golpe dado a esta xeración tivo para o futuro das súas localidades: "Hai que ter en conta que as persoas represaliadas nestas corporacións pertencen a unha franxa de idade moi nova, entre os 20 e os 40 anos. Máis aló de cuestións ideolóxicas, era a xeración máis activa, con maior capacidade de traballo, de innovación, de achegar cousas novas. E esa xeración quedou anulada, ben totalmente, a través da súa morte, ben a través doutras fórmulas de represión, contra eles e as súas familias. E, ademais, provocouse un efecto paralizante no resto da sociedade. A consecuencia foi que a compoñente de modernización que lograra a República quedou totalmente castrada".

"As persoas represaliadas nestas corporacións pertencen a unha franxa de idade moi nova, entre os 20 e os 40 anos. Máis aló de cuestións ideolóxicas, era a xeración máis activa, con maior capacidade de traballo, de innovación, de achegar cousas novas"

O traballo, coordinado por Emilio Grandío, foi realizado por un equipo formado por Eliseo Fernández Fernández, Alfonso Iglesias Amorín, Rosalía Regueiro Méndez e Manuel Pérez Lorenzo e que contou tamén coa colaboración de destacados coñecedores da historia local como Juan Sobrino (Eume), Manolo Pazos (Ordes), Henrique Sanfiz (Fene), Carlos Castro (Neda), Bernardo Máiz (Ferrolterra), Xoán Hermida (Barbanza), Xesús Torres (zona de Betanzos), Xosé Luís Rivas (Boimorto) e Luís Lamela (Costa da Morte). O grupo destaca que as persoas que queiran achegar máis información sobre este tema poden empregar o enderezo electrónico xeracionperdida@dacoruna.gal.

 

Representantes municipais asasinados

"Nas comarcas de Eume, Ortegal e Ferrol a represión foi especialmente forte [10 alcaldes ou ex-alcaldes asasinados]"

Alcaldes asasinados: Juan Manuel Vidal García (Arzúa), Tomás López Datorre (Betanzos), Álvaro Puentes Antón (Cabanas), Manuel Fernández Freijeiro (Cedeira), Alfredo Suárez Ferrín (A Coruña), Ramón Souto González (Fene), Cipriano Fernández Brage (Fisterra), Jesús Castaño Galdo (Mañón), Pablo Rico Couceiro (Monfero), Juan Prieto Balsa (Mugardos), Antonio Fernández Pita (Sada), Ángel Casal Gosende (Santiago), Alejandro Porto Leis (Serantes), Antonio Iglesias Corral (Vilasantar).

Ex-alcaldes asasinados: José López Lourido (Ares), José Novo Rodríguez (Betanzos), Jaime Quintanilla Martínez (Ferrol), Alfonso de Cal y Fernández (Valdoviño).

Alcaldes represaliados doutro xeito: Benito Feijóo Seguín (Ares, exiliado), Eduardo Martínez Palleiro (Arteixo, encarcerado), Ramón Beade Méndez (Betanzos, encarcerado), Pedro López Bodelo (Boimorto, encarcerado), Andrés Arnoso Calvo (A Capela, procesado), José Monteagudo Rodríguez (Carballo, encarcerado), Eduardo Valdés Pardo (Carral, sancionado), Arturo Vila Moure (Coristanco, exiliado), José Louzán Martínez (Culleredo, exiliado), Benjamín Núñez Sanmartín (Curtis, procesado), Antonio Santamaría López (Ferrol, exiliado), Ramiro Suárez Moreno (A Laracha, exiliado), José Filgueira Pérez (Lousame, fuxido), José Sande Lois (Malpica, fuxido), Antonio Gómez Carneiro (Mesía, encarcerado), Ricardo Pérez Medín (Miño, exiliado), Manuel Tobío Romaní (Muros, procesado), José Veloso Mayo (Muros, procesado), José Agrelo Puertas (Muxía, sancionado), Germán Vidal Barreiro (Noia, exiliado), Severino Iglesias Siso (Noia, procesado), Avelino Rico Suárez (Oroso, encarcerado), Alfredo Rebollar Martínez (Ortigueira, encarcerado), Marcial Villaverde Viqueira (Oza dos Ríos, encarcerado), Antonio Pérez Gómez (A Pobra do Caramiñal, fuxido), Joaquín Cousillas Collazo (Ponteceso, exiliado), Manuel López Seijo (Pontedeume, procesado), José Fernández Bermúdez (Ribeira, procesado), Jesús Mariño N. (Porto do Son, encarcerado), Frutos Burgos Ramos (Valdoviño, exiliado), José Alborés Gándara (Vimianzo, encarcerado), Jorge Varela Rial (Zas, encarcerado).

Concelleiros asasinados: Manuel Vidal Pardo (Abegondo), Benito Gómez N. (Ares), Bernardo Miño Abelenda (Betanzos), José Tojo García (Boimorto), Ramón Vázquez Garea (Boimorto), Manuel Espiñeira López (Boimorto), Antonio Felpete Budiño (Boimorto), José Barreiro Pérez (Boimorto), Juan Martínez Bao (Boimorto), Ramón Enjamio Pombo (Boimorto), Ramón Sánchez Rapela (Boimorto), Rodrigo Álvarez Gantes (Boiro), José Caballero Rubio (Boiro), Juan Francisco Outeiral Outeiral (Boiro), Manuel Brión Suárez (Boiro), Joaquín Rodríguez Rodríguez (Cabanas), Manuel Buhigas Novo (Cabanas), Juan Pereira Maceiras (Cabanas), Jacinto Campaña Martínez (Camariñas), Luciano Costa García (Cambre), José Pérez Ferreño (Cambre), José Regueira Vila (Carballo), Jacobo Caramelo Alonso (Carral), José Mosquera Rivas (Carral), José Cipriano Durán Fraguela (Cedeira), Jesús Lourido Arriví (Cedeira), José Vergara López (Cedeira), Nicasio Pérez Senra (Cedeira), José Lago Beceiro (Cedeira), José López Teijeiro (Cedeira), Jesús Chouza Filgueiras (Cee), Martín Ferreiro Álvarez (A Coruña), Andrés Iglesias Garrote (Fene), José Agras Gómez (Fene), Eduardo Barcia Rodríguez (Fene), Eugenio Casal Vila (Fene), José Pita Pita (Fene), Manuel Morgado González del Valle (Ferrol), José López Bouza (Ferrol), Obdulio López Acea (Irixoa), Nicanor Villar Martínez (Mazaricos), José Tenreiro López (Miño), Juan Pico González (Monfero), Benito Souto Corral (Monfero), Andrés García Marcos (Monfero), Antonio Eytor Canizo (Mugardos), Ramón Ríos Sordo (Mugardos), Victoriano Rascado Souto (Mugardos), Juan Rey Pena (Mugardos), José López Leira (Narón), Luis Pita Armada (Ortigueira), Manuel Breijo Lorenzo (Ortigueira), Narciso Polo Paz (Ortigueira), Aureliano Correa Jamardo (Padrón), Eduardo Castroagudín Pérez (Padrón), Luis Nodar Castro (Pontedeume), Manuel Ramos Fernández (As Pontes), Francisco Guerreiro Guerreiro (As Pontes), Manuel Rodríguez Castelao (Rianxo), José Germán Fernández (Santiago), Constante Liste Forján (Teo), Reinaldo Sarria Delgado (Valdoviño), José Ambrós Gordillo (Valdoviño), Albino Dopico Gutiérrez (Valdoviño), Manuel Varela González (Vilarmaior), José María Varela Salido (Vilarmaior), José Caamaño Lema (Vimianzo), Manuel Alborés Gándara (Vimianzo).

Os alcaldes da Coruña, Compostela e Ferrol foron executados no verán de 1936 © Deputación da Coruña
O presidente e a vicepresidenta da Deputación cos voceiros dos grupos xunto aos retratos de López Bouza e Casal © Deputación da Coruña
Emilio Grandío e Goretti Sanmartín na presentación do estudo, esta mañá © Deputación da Coruña
Representantes municipais asasinados na provincia da Coruña, por concello © Deputación da Coruña
Representantes municipais represalidados na provincia da Coruña, por concello © Deputación da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.