'Luz, cinza e pedra': unha serie documental repasa a brutal represión franquista na Coruña

Presentación de 'Luz, cinza e pedra' na Coruña CC-BY-SA Concello da Coruña

Luz, cinza e pedra. Cartografía da memoria coruñesa é o título dunha nova serie documental producida e realizada por Nós Televisión, co apoio do Concello da Coruña, que afonda na memoria democrática e antifranquista da cidade. 

Dirixida por Iago Prada, a serie de tres capítulos conta coa participación de asociacións e persoas que traballan pola recuperación da memoria na cidade e serve tamén para reivindicar e arroupar a petición para que a Casa Museo Casares Quiroga: a zona da península da Torre, Punta Herminia e Campo da Rata; e a Casa Cornide sexan declarados Lugares de Memoria Democrática polo Goberno de España.

Avance de 'Luz, cinza e pedra', que se estrea o mércores 26 de novembro na Coruña

A serie reivindica a memoria democrática da cidade, repasa a represión e arroupa a petición para que a casa de Casares Quiroga, a Casa Cornide ou a península da Torre sexan Lugares de Memoria 

Nos vinte minutos que dura aproximadamente cada capítulo, diferentes persoeiros destacados polo seu activismo ou investigación da memoria democrática e mais polo seu coñecemento sobre a brutal represión levada a cabo na Coruña e na súa área explican o proceder dun franquismo que na cidade "non tiña apoio popular". "Fixéronse co poder pola forza", "quixeron facelos desaparecer para sempre, que as xeracións futuras non soubesen que existiron; borralos da historia", contan Ana Romero, Carlos Babío, María Lopo, Gonzalo Castro, Rubém Centeno ou Xosé Alfeirán na produción. 

A serie poderá verse en primicia o día 26 de novembro ás 19 horas na Sala Marilyn do Fórum Metropolitano da Coruña, con entrada aberta para todos os públicos ata completar a capacidade, sen necesidade de reserva previa. Ademais da proxección dos tres capítulos, terá lugar unha presentación e coloquio por parte das persoas responsables da serie audiovisual e participantes no proxecto.

Na presentación do proxecto, o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, asegurou que o Concello busca "dar voz a aquelas persoas que loitaron pola restitución da memoria democrática e potenciar a divulgación de aqueles feitos para evitar que algo así poida repetirse algún día". 

Dispoñible en Nós TV e Movistar Plus

A serie, coa produción executiva de Rosabel Candal e Diego Frey, estará dispoñible tamén nas próximas semanas na canle de YouTube de Nós Televisión, no canle 9 de R para toda Galicia e en Movistar Plus para España. O Concello da Coruña di que co apoio a esta serie audiovisual  reforza o seu "compromiso coa recuperación da memoria democrática" cando vén de facer medio século da morte do ditador Francisco Franco, "documentando os crimes e a represión sufrida na cidade durante a guerra civil e o Franquismo.

Cartel da serie documental 'Luz, cinza e pedra' CC-BY-SA Nós TV

Segundo a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña, unha terceira parte das persoas asasinadas polo fascismo na comarca da Coruña continúan aínda desaparecidas. Na cidade hai constancia de 45 enterramentos colectivos só no cemiterio de Santo Amaro, onde se levaron a cabo 272 soterramentos clandestinos e só 37 destas persoas foron exhumadas pouco despois da guerra civil. 

A cifra oficial de represaliados sen localizar entre A Coruña e Ferrol supera as 1.600 persoas e a CRMH denunciou que a maior parte das foxas que aínda hai na comarca coruñesa non están recollidas no mapa elaborado pola Secretaría de Estado de Memoria Democrática

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.