A península da Torre e a Casa Cornide aspiran tamén a ser Lugares de Memoria Democrática na Coruña

Monumento aos fusilados no Campo da Rata, na Coruña © Concello da Coruña

O Concello da Coruña demanda ao Estado a declaración da contorna da Torre de Hércules, da Casa Cornide e da Casa Casares Quiroga como Lugares de Memoria Democrática. A administración local tramita a petición para recoñecer estes espazos relacionados na cidade coa resistencia antifranquista, a represión e figuras destacadas da época democrática e republicana de principios do século XX. 

A península do faro romano e o palacete dos Cornide, aínda en mans dos Franco, únense así na Coruña á xa sabida reclamación para a casa onde residiu o político republicano Santiago Casares Quiroga. Todos estes lugares acompañarían en Galicia, polo momento, a Illa de San Simón e o Pazo de Meirás, que segundo avanzou o Executivo central, terán este recoñecemento e protección oficial a partir de agosto, logo de que o Estado atendese as demandas feitas pola Iniciativa Galega pola Memoria, plataforma que coordina a meirande parte das asociacións memorialistas do país. 

Antigo cárcere provincial da Coruña, coa Torre de Hércules ao fondo © Concello da Coruña

O Concello da Coruña tramitará a petición ao Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática a través de informes elaborados polo Instituto José Cornide, tal e como adiantou La Opinión e confirmou este diario con fontes da propia entidade de estudos coruñeses. Así, a cidade, de fonda tradición republicana e liberal e vítima de importante represión fascista, aspira a incluír tres espazos nesta listaxe estatal de Lugares de Memoria Democrática. 

O Concello tramita a petición ao Ministerio a través de informes elaborados polo Instituto José Cornide

Localizacións, segundo define o Ministerio, onde se "desenvolveron feitos de singular relevancia pola súa significación histórica, simbólica ou pola súa repercusión na memoria colectiva". Espazos, di, "vinculados á memoria democrática, á loita da cidadanía española polos seus dereitos e liberdades, a memoria das mulleres, así como coa represión e violencia sobre a poboación como consecuencia da resistencia ao golpe de Estado de xullo de 1936, a Guerra, a Ditadura, o exilio e a loita pola recuperación e afondamento dos valores democráticos". 

Serían, en lugar, máis espazos, xa que a península na que se sitúa a Torre de Hércules inclúe diferentes localizacións relevantes no ámbito da memoria democrática: a prisión provincial, os monumentos Menhires pola paz e aos fusilados da Guerra Civil, o memorial Xermolos da Paz e Liberdade, o ceminterio de Santo Amaro e Punta Herminia e a extensión ata o Campo da Rata, lugar onde foron paseadas e fusiladas arredor de 200 persoas, a meirande parte delas republicanas e sindicalistas.  

A bandeira da República, pendurada na fachada da Casa Museo Casares Quiroga da Coruña © Concello da Coruña

O cárcere provincial, a poucos metros tamén da Torre, foi o lugar onde moitos dos represaliados polo franquismo foron encarcerados e outro dos espazos que aspira a ser recoñecido. Unha infraestrutura abandonada, en ruínas e pendente dunha rehabilitación que non chega e que un litixio entre Concello e Estado mantén paralizada. 

A Casa Casares Quiroga, no número 12 da rúa Panaderas e hoxe museo en homenaxe de Santiago Casares Quiroga e da Segunda República, aspira tamén a ser Lugar de Memoria Democrática. Ao igual que a Casa Cornide, palacio aínda en poder dos herdeiros do ditador Francisco Franco, que se negan a abrir ás visitas —razón pola que foron sancionados pola Xunta— e para o que o Concello impulsou un proceso que pretende recuperar a titularidade para o uso público. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.