Meirás e San Simón, protexidos como 'lugares de Memoria Democrática' a partir de agosto

Pazo de Meirás e Illa de San Simón © Montaxe: Praza.gal

A declaración levarase a cabo no mes de agosto. A Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) celebra a nova pero lamenta non ter recibido comunicación ningunha e coñecer o feito a través da prensa

O Goberno Central vai incorporar o Pazo de Meirás e a Illa de San Simón ao Inventario de Lugares de Memoria Democrática, unha demanda realizada nos últimos meses pola Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), plataforma que coordina á meirande parte das asociacións memorialistas do país, e que permitirá unha maior protección destes espazos, ademais de afondar na divulgación da súa historia.

A declaración levarase a cabo no mes de agosto, previsiblemente a través dun acto público, como se deu a coñecer a través da publicación do programa da iniciativa España en libertad. 50 años, que este martes presentou o presidente do Goberno central, Pedro Sánchez. O movemento memorialista galego criticou este venres que non recibiu ningunha comunicación oficial da decisión adoptada, que unicamente coñeceu a través da súa publicación nos medios de comunicación. A entidade "lamenta que a única comunicación dende o Estado central "foi o requerimento en outubro de traducir ao castelán as solicitudes que o colectivo enviara en galego".

Acto da Iniciativa Galega pola Memoria en San Simón, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Iniciativa Galega pola Memoria

A entidade denuncia que malia a recuperación do Pazo de Meirás por parte do Estado "na actualidade segue tendo o acceso restrinxido". Así mesmo, alerta de que en San Simón a Xunta "permite que a illa sexa continuamente utilizada en beneficio de empresas privadas"

En calquera caso, a Iniciativa Galega pola Memoria "celebra" que o Estado "aceptase a súa solicitude" de declarar San Simón e Meirás lugares de memoria, unha petición realizada o pasado mes de xullo. A plataforma, que engloba a medio cento de asociacións do país, entende que os dous espazos "simbolizan non só a memoria da represión senón tamén da loita contra o esquecemento e contra a impunidade dos crimes franquistas levada a cabo polo pobo galego".

A IGM espera que a declaración permita "afondar na divulgación" do sucedido nos dous lugares e que, ademais, sirva para "garantir a súa protección, evitando a continua utilización para fins contrarios á memoria histórica democrática que se levan a cabo en ambos lugares". A entidade denuncia que malia a recuperación do Pazo de Meirás por parte do Estado "na actualidade segue tendo o acceso restrinxido". Así mesmo, alerta de que en San Simón a Xunta "permite que a illa sexa continuamente utilizada en beneficio de empresas privadas que se dedican a realizar nela actividades contrarias ao seu carácter público e a súa condición de ben de interese cultural".

Que implica ser 'Lugar de Memoria'?

A declaración como lugar de memoria obriga ás administracións "a asegurar a súa perdurabilidade, identificación, explicación e sinalización axeitada"

Esta figura está recollida na Lei de Memoria Democrática de 2022 e abrangue espazos nos que "se desenvolveron feitos de singular relevancia pola súa significación histórica, simbólica ou pola súa repercusión na memoria colectiva" vencellados principalmente á represión da ditadura e á loita contra o franquismo, mais non só. Na actualidade figuran no inventario un total de 18 espazos, entre os que destacan a vila de Gernika -bombardeada pola aviación nazi-, o Val de Cuelgamuros ou a Antiga Prisión Provincial de Murcia, onde morreron cando menos 500 presos republicanos.

A declaración como lugar de memoria obriga ás administracións "a asegurar a súa perdurabilidade, identificación, explicación e sinalización axeitada" (artigo 52 da lei). A norma engade que "as administracións públicas evitarán a remoción ou desaparición de vestixios erixidos en lembranza e recoñecemento de feitos representativos da memoria democrática e da loita da cidadanía española polos seus dereitos e liberdades en calquera época".

O Pazo de Meirás, nunha imaxe de Turismo de Galicia © Turismo de Galicia

Nos lugares nos que se cometeron crimes de lesa humanidade ou contrarios aos dereitos humanos ou onde se realizaron traballos forzosos "se sinalará un punto de recoñecemento das vítimas indicando cantos datos sexan de interese para o coñecemento público dos feitos"

No artigo 53, ademais, destácase a obriga das administracións para a "difusión, interpretación e promoción cidadá" dos lugares obxecto de declaración. Neste senso a Administración Xeral do Estado "impulsará a realización de recursos audiovisuais e dixitais explicativos dos lugares de memoria democrática e promoverá a instalación de placas, paneis ou algún distintivo memorial interpretativo nos mesmos"

Así mesmo, nos lugares nos que se cometeron crimes de lesa humanidade ou contrarios aos dereitos humanos ou onde se realizaron traballos forzosos "se sinalará un punto de recoñecemento das vítimas indicando cantos datos sexan de interese para o coñecemento público dos feitos". "Particularmente, potenciarase o coñecemento e protección dos campos de exterminio ou traballo forzoso nos que foron confinados miles de exiliados ou disidentes, en coordinación cos estados nos que se atopen situados", engade este artigo 53.

A entidade espera que a declaración de Meirás e San Simón non sexa a derradeira e que no futuro a lista "poida ser ampliada con outros lugares de memoria do país"

Na solicitude remitida o pasado mes de xullo, a IGM destacaba que en Meirás se practicaran "abusos tanto na súa adquisición como durante o seu funcionamento como residencia de verán do ditador". No caso de San Simón, o escrito enviado lembraba que durante o tempo en que funcionou como campo de concentración (outono de 1936- primavera de 1943) estiveron retidos na illa centos de republicanos e que "para algúns dos presos, San Simón foi a última paisaxe pois as sacas eran continuas e tamén foron moitos os sacados da illa para ser levados ante un pelotón de fusilamento".

Ambos enclaves destacan ademais "como símbolos da loita cidadá pola memoria democrática e en contra da impunidade dos crimes franquistas".

A entidade espera que a declaración de Meirás e San Simón non sexa a derradeira e que no futuro a lista "poida ser ampliada con outros lugares de memoria do país".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.