Sánchez abre a conmemoración da fin da ditadura alertando fronte a Musk e a internacional ultradereitista

Pedro Sánchez, no acto 'España en libertad' que inaugurou a conmemoración dos 50 anos da fin do franquismo, este 8 de xaneiro en Madrid © Pool Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa

 "A internacional reaccionaria e ultradereitista liderada polo home máis rico do planeta ataca directamente a institucións e chama a apoiar os herdeiros do nazismo", advirte o presidente do Goberno de España

O Goberno de España abre as conmemoracións da fin da ditadura cunha alerta sobre a ultradereita que vén. Baixo o lema España en libertad, Pedro Sánchez inaugurou este mércores o programa de actos que, co fito dos 50 anos da morte de Francisco Franco, pretende "reivindicar, defender e fortalecer a democracia".

Porque "esquecer os erros do pasado é o primeiro paso para que se repitan", Sánchez advirte de que esa defensa do sistema democrático é aínda máis urxente "nun momento no que avanza en todo o mundo "a internacional reaccionaria e ultradereitista liderada polo home máis rico do planeta", en referencia a Elon Musk. Esa internacional, advirte, "ataca directamente a institucións e chama a apoiar os herdeiros do nazismo".

Sánchez, con participantes no acto que abre a conmemoración da fin da ditadura © Pool Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa

Esa advertencia chega despois de semanas nas que o propietario de compañías como a rede social X -antigo Twitter- ou Tesla, tamén cargo da máxima confianza do presidente electo dos Estados Unidos, Donald Trump, realizou movementos como evidenciar o seu apoio á extrema dereita cara ás vindeiras eleccións alemás ou chamar abertamente a derrocar o Goberno laborista no Reino Unido. Entre as súas proclamas incluíu tamén a difusión de teses racistas e contra a inmigración en Catalunya.

Baixo o lema 'España en Liberdade', Sánchez inaugura doce meses de lembranza do remate do franquismo: "Non cómpre ser dunha determinada ideoloxía para mirar con terror eses anos escuros e temer que o retroceso se repita, basta con ser demócrata"

Como informa Antonio Ruiz Valdivia para infoLibre, Sánchez sostén que lembrar o que supuxo a ditadura "ensina que a liberdade non se conquista de forma permanente". "Pódese perder, como hai un século" e por iso "non cómpre ser dunha determinada ideoloxía para mirar con tristeza e con terror os anos escuros do franquismo e temer que ese retroceso se repita. Basta con ser demócrata", sinalou ante un auditorio no que non se atopaba ningún representante do PP, formación que con Alberto Núñez Feijóo á fronte rexeitou participar tanto no evento deste mércores como en todos os demais que programe o Executivo do PSOE e Sumar ao respecto.

Con este pano de fondo, o Goberno de España prevé desenvolver durante todo 2025 actividades como exposicións, publicacións e diversos eventos culturais baixo a dirección da historiadora Carmina Gustrán, nomeada comisionada para esta conmemoración, que xa conta tamén con sitio web de seu. Trátase, detalla, de lembrar e explicar que "en 1975 España iniciou un longo e difícil camiño para recuperar a democracia e a liberdade. En 2025, cincuenta anos despois, queremos lembrar o inicio dese proceso colectivo e celebrar o país próspero, plural e democrático no que nos convertemos".

Acto de inicio das conmemoracións polos 50 anos da fin da ditadura franquista

Entre lembranzas a cifras como unha elevada mortalidade infantil, a prohibición das eleccións libres e democráticas, a censura, o "clasismo institucionalizado" ou as torturas, Sánchez considerou tamén que a conmemoración servirá para amosar como "ninguén vindo de tan atrás chegou tan lonxe en tan pouco tempo como a España democrática".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.