Corpos ocultos "para tapar a magnitude dos crimes": a tese gaña forza nas fosas galegas dos golpistas

O equipo de Histagra, traballando na escavación na fosa do Val, en Narón © Histagra

Os últimos catro anos non foron, nin de lonxe, os primeiros en Galicia con intervencións en fosas comúns cavadas polos golpistas para guindar os cadáveres das súas vítimas tras a sublevación de 1936. Pero si foron os primeiros en que eses traballos contaron con aval e financiamento público, o do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática do Goberno de España 2021-2024.

O Plan Cuadrienal de Memoria Democrática permitiu, por primeira vez, intervir en fosas comúns de vítimas dos golpistas con aval e financiamento público

O funcionamento económico deste plan, baseado en achegas do Executivo estatal ás autonomías, deu lugar ao paradoxo de que formalmente as pescudas estivesen financiadas pola Xunta, aínda que en rigor o Goberno galego se limitou a transferir o recibido do Estado ao grupo de investigación Histagra da Universidade de Santiago, que lidera o catedrático Lourenzo Fernández Prieto. En total, algo máis de 396.000 euros dende 2021 que permitiron intervir nunha decena de fosas e fortalecer unha significativa tese: a da ocultación de cadáveres "para tapar a magnitude dos crimes" cometidos.

Restos humanos achados na fosa de Cabreira (Salvaterra) polo equipo de Histagra © Histagra

A historiadora Conchi López é a responsable das imprescindibles investigacións históricas que acompañan estes traballos. Conversa con Praza.gal tras a conclusión da intervención na fosa do cemiterio vello de Cabreira, en Salvaterra do Miño, na que todo apunta que foron soterrados os corpos de cinco veciños de Moaña "dados por desaparecidos" en 1936. Alí traballou o equipo tras facelo no cemiterio naronés do Val, onde se atopa unha das maiores fosas comúns onde os golpistas deixaron as súas vítimas en Galicia.

A historiadora Conchi López, membro do equipo de Histagra que interveu nas fosas, explica que os traballos acrecentan "os indicios" de que os cadáveres "foron ocultados á mantenta" mediante prácticas recorrentes como construírlles nichos por riba

Alén das circunstancias concretas de cada asasinato e enterramento, explica Conchi López, os achados nas fosas nestes catro anos levan o equipo a "traballar coa hipótese da ocultación" dos corpos. "Debido a que pasou tantísimo tempo e a que a xestión dos enterramentos estivo nas mans dos propios verdugos" non semella casual que o equipo de Histagra atope elementos recorrentes, como a "construción de nichos nun período cronolóxico moi concreto" por riba de onde foran soterradas as vítimas.

Vistas "en contexto", os "indicios que nos levan a pensar que foron ocultados á mantenta" encaixan aínda máis. Cómpre situar os feitos "despois da Segunda Guerra Mundial", nun tempo en que o réxime franquista tiña especial interese en embazar as súas ligazóns cos nazis e tamén en executar "determinadas prácticas para ocultar a magnitude dos crimes" que cometera tras o golpe.

Traballos na fosa de Cabreira (Salvaterra), onde foron guindados os restos de cinco persoas asasinadas polos golpistas © Histagra

Que "a fosa estaba por baixo dos nichos" era, por exemplo, "o que nos dicían de forma reiterada as fontes orais", as veciñanza, no cemiterio do Val, en Narón. As catas e o xeorradar tamén o apuntaban e nos traballos deste outono puideron "constatalo". Unha escavación de arredor dun metro de ancho na parte frontal dos nichos deixou á vista restos humanos e outras probas dos enterramentos que procuraban, os de case medio cento de persoas asasinadas no lugar "dende agosto de 1936 a comezos de 1938".

Malia ás construcións que limitaron o seu labor, na fosa do Val (Narón) o equipo atopou restos de pés, pernas e cranios e diversos obxectos. O traballo continúa agora no laboratorio.

"Puidemos ver o perímetro en superficie que abarcaba a fosa, pero non puidemos escavar todo o que quereriamos para comprobar a que profundidade estaba o límite da fosa", explica López. Facelo implicaría risco de derruba dos nichos construídos por riba. O atopado é, aquela, "a punta do iceberg". Dun iceberg de morte. "Atopamos varios restos de pés e pernas" e ao seu carón, "algún cranio", o que reforza a información dos "distintos enterramentos, de varios individuos e en posicións distintas", nalgúns casos "uns por riba dos outros".

Todas estas hipóteses, en calquera caso, deben ser agora "contrastadas co traballo no laboratorio". Unha investigación coidadosa, meticulosa e na que tamén entran en xogo algúns obxectos achados no lugar. Dende algúns cadeados ata a vaina dunha bala ou "moitos cravos"

Traballos á procura dos restos de persoas asasinadas polos golpistas no cemiterio do Val (Narón), o pasado 7 de novembro durante unha visita institucional do Goberno de España e representantes municipais

A fosa de Narón é das máis grandes, máis propias de cidades -neste caso, pola súa proximidade a Ferrol-. Pero en Galicia o máis habitual é que fosen de menor dimensión, como a estudada en Salvaterra. Están, dalgún xeito, "máis virxes", menos alteradas, explica a historiadora, e mesmo sen construcións por riba. Pero iso non as afasta da estratexia da ocultación.

No caso de Salvaterra, como en tantos outros, as vítimas "non foron xulgadas por un tribunal militar", polo que nin sequera existe documentación dun xuízo simulado para matalos "que nos dese datos sobre como e onde foron asasinados". Foi un dos denominados "paseos, moito máis difíciles de documentar" e no que as fontes orais son clave. "Atopámola onde todos os indicios da fonte oral nos indicaban", "máis intacta" ca outras e respondendo ao "patrón" de non deixala moi á vista, situándoa "no fondo do cemiterio".

"Moito por facer" e a Xunta fuxindo da foto

O traballo destes catro anos foi moi significativo para coñecer máis "dos espazos" da represión, e "da xestión que se fixo deles durante a ditadura, por iso a investigación e exhumación das fosas é importantísima", sinala Conchi López. Pero "queda moitísimo por facer", tanto para culminar traballos xa iniciados, caso da análise xenética dos restos achados en Narón, como sobre todo para intervir noutras fosas -o equipo ten unhas 90 rexistradas en toda Galicia.

Inauguración do Tótem da Memoria Democrática no cemiterio de Vilagarcía, o 18 de decembro de 2024, coa presenza de representantes estatais e municipais, de Histagra e colectivos memorialistas © Delegación do Goberno de España en Galicia

Neste punto é clave que o Goberno de España aprobe outro Plan Cuadrienal de Memoria Democrática, algo que "todo parece indicar" que fará, aínda que polo momento "non temos confirmación oficial". Se así sucede todo apunta a que o funcionamento será semellante e o papel da Xunta seguirá limitándose a cumprir coa transferencia, pero evitando aparecer na foto da memoria histórica. 

O Goberno galego límitase a cumprir coa transferencia dos fondos enviados polo Goberno de España, pero nin Rueda nin ningún conselleiro asistiron á sinatura dos convenios nin atenderon ningún dos convites para visitar as escavacións ou secundar os actos de memoria das vítimas

Nin o presidente, Alfonso Rueda, nin os conselleiros de Presidencia e Cultura, departamentos encargados da xestión dos fondos, acudiron ás sinaturas dos convenios nin atenderon os convites para visitar os traballos nas fosas. Tampouco houbo representación ningunha da Xunta na inauguración, o pasado 19 de decembro no cemiterio de Vilagarcía, do primeiro Tótem da Memoria Democrática, peza escultórica de Uqui Permui concibida para sinalizar todas as intervencións en fosas de vítimas do franquismo ao abeiro do Plan Cuadrienal.

A ausencia da Xunta en todos estes eventos é confirmada pola historiadora Conchi López, en cuxa opinión a decisión de non asistir contrasta co feito de que, sobre todo a nivel local, o equipo de Histagra non atopase "ningún problema" por parte das alcaldías, con independencia da cor política, para realizar as súas pescudas. O Goberno galego, matiza, tampouco pon "ningún tipo de atranco", pero prefire non aparecer.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.