A historiadora Conchi López detalla a complexidade de intervencións como a que o grupo Histagra realiza estes días no cemiterio naronés do Val, escenario dunha das maiores matanzas colectivas dos golpistas en Galicia
"Estamos atopando pequenas evidencias que nos axudan a seguir na senda de confirmar a hipótese da localización da foxa por baixo dos nichos". "Polas pequenas bolsas de ósos que se atoparon" o que xa é posible afirmar é que "está todo moi revolto" e que, con toda probabilidade, a foxa está "totalmente alterada".
Quen fala é a historiadora Conchi López. Atende a Praza.gal dende o cemiterio do Val, en Narón. Alí o equipo liderado polo grupo de investigación Histagra, que encabeza o catedrático de historia contemporánea da Universidade de Santiago Lourenzo Fernández Prieto, volve traballar dende o pasado día 4 á procura dos lugares exactos do camposanto onde foron soterradas medio cento de persoas asasinadas polos golpistas "en ata sete ocasións distintas" dende agosto de 1936 e ata comezos de 1938.
As explicacións de López, responsable da imprescindible investigación histórica que requiren estas intervencións, amosan a complexidade e enormes atrancos que atopan uns labores moi alén de escavar nun determinado lugar. Porque xa transcorreron case noventa anos. E porque durante practicamente a metade deles, xa sen o ditador vivo e en democracia, existiu un desleixo oficial case total para dar apoio material á busca, recuperación e dignificación dos restos das vítimas.
No Val foron asasinadas medio cento de persoas, a maioría mariños fieis á II República, en ata sete fusilamentos distintos. Os traballos tentan aclarar "se sería posible exhumar" mantendo os nichos construídos por riba nos anos 60
Ese desleixo oficial só foi paliado nos últimos anos, co actual Goberno de España e os fondos do seu Plan Cuadrienal de Memoria Democrática do Goberno de España 2021-2024, que no caso galego son os únicos porque a Xunta non ten partida orzamentaria ningunha na materia -limítase a recibir por obriga os fondos estatais e transferilos a Histagra-. Ata hai apenas catro anos, evidencia López, as únicas iniciativas nesta liña partían de asociacións como Memoria Histórica Democrática de Ferrol, que colabora activamente nestas pescudas. Accións da sociedade civil con moitos avances e vontade, pero tamén con limitacións que non ten un plan con soporte estatal.
Unha foxa común por baixo dos nichos
O cemiterio naronés onde estes días traballa o equipo de Histagra é unha boa mostra das décadas de esquecemento para abordar o acontecido nun lugar onde as 51 vítimas das sete matanzas foron dobremente ocultadas. A maioría eran mariñeiros, oficiais e suboficiais que se mantiveron leais á II República do acoirazado España, do buque de transporte Contramaestre Casado e dun vapor chamado Dómine. Primeiro guindáronos a foxas comúns e arredor de tres décadas despois, contra os anos 60, no lugar erguéronse nichos do cemiterio.
Por ese motivo, as catas e escavacións en marcha estes días céntranse, detalla a historiadora a Praza.gal, en "obter información sobre se a foxa estaría por baixo dos nichos, cal sería o seu grao de conservación" e a clave de "se sería posible exhumar sen prexudicar a estrutura dos nichos". Se non fose así, para recuperar os restos só cabería "derrubar ou trasladar" os nichos, unha operación moi sensible, "moito máis complexa, que necesitaría o apoio e a participación doutros organismos" e un amplo "diálogo cos veciños". "Escaparíase das lóxicas" das actuacións que Histagra vén acometendo grazas ao Plan Cuadrienal.
Mentres tentan responder ao principal interrogante, se sería ou non tecnicamente posible acometer unha exhumación cos nichos construídos, os achados no lugar suxiren que poden estar próximos á foxa que procuran. Algúns restos de ósos atopados, sinala Conchi López, "poden ter sinais de violencia, por como fracturaron", en opinión do doutor Fernando Serrulla, antropólogo forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) que participa nos traballos como parte do equipo liderado por Histagra e quen, non obstante, someterá eses restos a análises máis detalladas.
Unha bala, unha moeda, unha sola
Tamén apareceu nos traballos destes días unha bala que, non obstante, "sen contexto non nos di gran cousa" e que "non pode asociarse coa vaina do fusil Mauser que aparecera" na anterior intervención do equipo deste cemiterio, porque "é dunha arma diferente". "Tamén atopamos unha moeda" e mais unha sola sobre a que "tamén estamos procurando contexto", coma o ano de fabricación que permita ligala a un tipo de calzado concreto.
"O paso do tempo xoga na nosa contra; para buscar os restos e testemuña", detalla a historiadora minutos despois de entrevistar unha veciña de 105 anos de idade para tentar obter máis datos sobre os asasinatos cometidos en Narón
Así, detalle a detalle, palmo a palmo, avanzan unhas pescudas nas que "o paso do tempo sempre xoga na nosa contra". Para "buscar os restos que puidesen quedar", mais tamén "para buscar testemuñas", evidencia a historiadora minutos despois de entrevistar "unha veciña de 105 anos" para tentar obter máis datos dos asasinatos cometidos polos golpistas en Narón e dunhas vítimas nas que "a maioría non eran naturais de Galicia" e, se vivían pola contorna, "pola súa profesión vivían cara ao Arsenal" de Ferrol e "non facían moita vida civil", polo que "a pegada que deixaron na comunidade" é menor e a busca de descendentes, moito máis difícil.
Polo momento, tres familias das persoas asasinadas no Val manifestaron ao equipo a súa vontade de recuperaren os restos. Para chegar a ese punto é imprescindible o traballo do equipo de Histagra, que confía en continuar ao abeiro da segunda edición do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática. "Temos rexistradas en torno a 80 foxas en Galicia e levamos intervido nunha ducia", polo que o traballo restante é aínda inxente mentres o tempo segue pasando.