Á procura de 56 persoas asasinadas en Narón e Salvaterra ao abeiro do Plan de Memoria Democrática

Inicio dos traballos de procura do restos das vítimas soterradas na fosa do cemiterio naronés do Val © Memoria Histórica Democrática

Este ano finaliza a vixencia do primeiro Plan Cuadrienal de Memoria Democrática, que o Goberno de España activou en 2021. Entre os seus obxectivos destacaba o de cumprir co compromiso de achegar fondos públicos á procura e exhumación de vítimas do golpe de 1936 e a posterior ditadura mentres non estaba en marcha a nova Lei de Memoria Democrática, que dende 2022 ampliou os contidos da Lei de Memoria Histórica de 2007, tamén nesta materia.

A Xunta volve optar por non aparecer na 'foto' da memoria histórica e dous conselleiros limítanse a asinar dixitalmente a transferencia dos fondos do Estado para que o equipo liderado polo grupo de investigación Histagra da USC asuma todos os traballos 

O funcionamento do Plan Cuadrienal baséase na transferencia de fondos ás autonomías para realizar as pescudas e exhumacións en cadanseus territorios. Tamén en Galicia, onde a Xunta opta por dar ao proxecto un baixísimo perfil público mentres o traballo o asume integramente o grupo de investigación Histagra da Universidade de Santiago. O equipo coordinado polo catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto disponse a rematar o vindeiro novembro os labores ligados ao I Plan Cuadrienal en dúas fosas de Narón e Salvaterra á procura de ata 56 persoas asasinadas, culminando así un cuadrienio no que traballaron en 11 fosas.

Traballos de exhumación de vítimas da ditadura coordinados polo grupo Histagra, nunha das fosas incluídas no Plan Cuadrienal de Memoria Democrática © Histagra / USC

O pasado 18 de outubro, outra volta evitando calquera significación pública, os conselleiros da Presidencia e de Cultura, Diego Calvo e José López Campos, asinaron a través de internet co reitor da USC, Antonio López, o convenio para transferir á institución académica a última achega estatal da primeira edición do plan. Son 76.364 euros (aos que se engaden uns 1.300 sobrantes de anos anteriores) que o grupo Histagra recibirá para os seus traballos dende a partida de "actividades de promoción e difusión cultural" dos Orzamentos da Xunta, onde o Goberno galego sitúa estes fondos do Estado ao non contar cunha área orzamentaria específica para a recuperación da memoria histórica.

No cemiterio naronés do Val volverán traballar nunha "das fosas máis grandes de Galicia", onde os golpistas perpetraron "un dos maiores asasinatos colectivos dos que se ten constancia" no noso país. Alí soterraron ata 51 persoas, "a gran maioría mariñeiros, oficiais e suboficiais de Mariña"

Coa Xunta fóra do escenario por vontade propia, o equipo académico e investigador asume en primeira persoa uns labores nos que van da man dos movementos memorialistas e das familias das vítimas. Así, o 4 de novembro volverán intervir no cemiterio naronés do Val, onde xa traballaran en anos previos, para "confirmar a localización da fosa" onde, atendendo á "gran axuda" do informe histórico elaborado pola Asociación Cultural Memoria Histórica e Democrática, inhumaron ata 51 persoas represaliadas. "A gran maioría mariñeiros, oficiais e suboficiais de Mariña", explican.

Neste punto, abonda Histagra, atópase "unha das fosas máis grandes de Galicia" e é tamén "onde tivo lugar un dos maiores asasinatos colectivos dos que se ten constancia". Xa hai cando menos tres familias que "solicitaron ao equipo a procura e entrega de restos dos seus parentes que poden estar nestas fosas do cemiterio do Val".

Visita de estudantes á escavación dunha fosa de fusilados polos golpistas en Vilagarcía en 2021 © Histagra/USC

En Salvaterra o equipo coordinado por Histagra contou coa colaboración da Comisión pola recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña e "outros investigadores locais". Alí porán o foco na fosa de Cabreira, localizada no adro dun cemiterio, onde as pescudas apuntan ao enterramento de cinco persoas asasinadas o 18 de outubro de 1936.

Nos cemiterios de San Breixo (Celanova) e Vilagarcía un tótem deseñado por Uqui Permui explicará quen foron as persoas soterradas en fosas comúns, a represión que sufriron e os traballos para recuperar os seus restos

"Non hai información clara de quen poderían ser, pero a hipótese é que fosen cinco veciños de Moaña dados por desaparecidos". "Tras ser conducidos nun camión ata Curros, alí foron asasinados; posteriormente, os seus cadáveres foron trasladados e enterrados no cemiterio de Cabreira", relatan. Segundo o Rexistro Civil de defuncións, constan como "descoñecidas". Dúas fillas e sobriñas destas persoas "reclaman a procura, recuperación, identificación e entrega dos restos".

Resignificar lugares de memoria

Alén dos traballos centrais nas fosas do Val e Salvaterra, os fondos do Plan Cuadrienal servirán tamén para que Histagra poida realizar a "sinalización e memorialización" doutras dúas nas que interviron en exercicios anteriores. Será no cemiterio celanovés de San Breixo e mais no municipal de Vilagarcía. En ambos espazos un tótem obra da deseñadora Uqui Permui "recollerá información do suceso violento e tamén da propia intervención derivada das actuacións" do plan.

O reitor da USC, Antonio López, flanqueado polos investigadores Antonio Míguez e Conchi López, na presentación dos traballos do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática para este 2024 © Santi Alvite / USC

Asemade, o labor de Histagra inclúe desta volta un traballo de investigación histórica para localizar en Soutelo (Salceda de Caselas) unha fosa "á que remiten os certificados de defunción e determinar que persoas foron alí enterradas", así como a "viabilidade dunha próxima intervención e exhumación". "Organizarase tamén un acto coa familia de César Alberte", represaliado e procurado noutra fosa, en Crecente, "para dar a coñecer os resultados das investigacións".

Todas estas accións volven depender dun equipo multidisciplinar. Con Histagra á fronte, tamén participa o grupo de investigación Aevum da USC. O responsable dos estudos históricos do plan en Galicia é Antonio Míguez Macho xunto coa historiadora Conchi López, que se ocupa da investigación histórica. A vertente arqueolóxica está coordinada por José Carlos Sánchez Pardo e realízana Mario César Vila e Fran Alonso, da empresa Tempos Arqueólogos. Fernando Serrulla, no Instituto de Medicina Legal de Galicia, é o responsable dos labores forenses e as pescudas xenéticas corren a cargo do equipo de Victoria Lareu, do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro, que coordina Ana Mosquera.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.