O grupo Histagra da USC, xunto a Serrulla do Imelga e o grupo de Medicina Xenómica de Carracedo, encárgase da exhumación das foxas documentadas en Galicia
Oitenta e cinco anos despois do golpe de Estado á II República española a reparación vai chegando. Este mércores comezou en Vilagarcía de Arousa a exhumación da primeira foxa de asasinados polos golpistas que seguirá un protocolo de actuación ditado xa no ano 2009 polo grupo de Historia agraria e política do mundo rural (Histagra) da Universidade de Santiago de Compostela co apoio do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) e do grupo de Medicina Xenómica da USC.
″É a primeira vez que o Estado se ocupa dunha forma coordenada de atender e orientar, dunha forma o máis profesional posible, a cuestión das foxas″, salienta o catedrático de Historia Contemporánea da USC Lourenzo Fernández Prieto, coordinador do equipo que está a levar a cabo a exhumación das dezaoito persoas que foron asasinadas entre os anos 1936 e 1937 e que foron enterradas de xeito irregular no recinto do cemiterio de Vilagarcía. Este mércores, algún dos familiares das vítimas puido estar presente nos inicios da escavación.
"Hai que facer ese recoñecemento e dignificación pública convertendo ese espazo nun lugar de memoria", di Lourenzo Fernández Prieto
″Hai unha parte fundamental en todo isto que é a dignificación. Non se trata soamente de localizar, exhumar e identificar. Esas persoas teñen que ter un recoñecemento, polo menos do lugar onde están enterradas. Non me gusta moito a palabra dignificación porque dignos foron sempre, pero si hai que facer ese recoñecemento e dignificación pública convertendo ese espazo nun lugar de memoria″, debulla Fernández Prieto.
O modelo galego de colaboración entre historiadores, arqueólogos, antropólogos forenses e xenetistas vaise aplicar nas exhumacións de todo o Estado
Esta iniciativa, polo tanto, pertence ao proxecto da Secretaría de Estado de Memoria Democrática, que xa contara co grupo Histagra da USC debido ao protocolo de actuación que desenvolvera no seu día a través da investigación ′Nomes e Voces′. ″Construímos un equipo coordinado polos historiadores e historiadoras de Histagra no que participan arqueólogos –que comezaron coas primeiras catas sobre o terreo– liderados polo profesor Sánchez Pardo da USC, o Imelga a través do recoñecido antropólogo forense Fernando Serrulla e o grupo de Medicina Xenómica de Ángel Carracedo, que se ocupará das análises de ADN″.
En Galicia avanzouse máis rápido coas exhumacións, pois é o modelo galego de colaboración interdisciplinar entre historiadores, arqueólogos, antropólogos forenses e xenetistas o que se vai aplicar agora no Estado nos catro anos que dure o proxecto das foxas. ″O que é asombroso é que en España non se aplicase isto antes. O cal demostra, unha vez máis, que temos un problema co noso pasado incómodo″, asegura Fernández Prieto, quen lembra que nun informe do Comisionado da ONU de memoria, reparación, xustiza e verdade do ano 2013 xa se recollía ″a necesidade de pasar dunha situación na que eran particulares os que se ocupaban das foxas da Guerra Civil, a un procedemento máis experto″.
"Temos que recoñecer o que pasou, que foi o que fixeron os golpistas e por que tiveron que matar a tanta xente para facelo", afirma Fernández Prieto
″Por fin″, celebra Fernández Prieto, que xunto ao seu grupo ten moito traballo feito na documentación sobre as persoas que están nas foxas galegas pola investigación ′Nomes e voces′. ″Temos un ficheiro onde están identificadas case todas as vítimas, pero aínda así aparecen vítimas novas″, explica. As fontes orais seguen a ser chave neste proceso, como tamén o é o traballo de colectivos como O Faiado da Memoria, que leva anos loitando para que se exhume esta foxa de Vilagarcía.
Moi preto da foxa que pretenden exhumar está enterrado o contraalmirante de Ferrol Azarola Gresillón, que foi fusilado o 7 de agosto do 1936. ″Unha proba de a que nos estamos enfrentando –destaca Lourenzo Fernández Prieto–. Os golpistas fusilaron á máxima autoridade militar de Ferrol para tomar o poder″. Os seus restos si están nunha tumba, pero non en Ferrol, onde resultou imposible enterralos. ″No mesmo cemiterio acabo de atoparme cunha placa dun falanxista de dezanove anos, dos poucos voluntarios que houbo, que morreu na fronte de Asturias″, engade.
″Todo isto nos identifica, precisamente, un pasado complicado que intentamos coñecer, contextualizar, explicar e recoñecer. Non só no sentido de dignificar, senón no de recoñecer o que pasou, que foi o que fixeron os golpistas e por que tiveron que matar a tanta xente para facelo", conclúe o coordinador da exhumación.
"É complicado porque pasaron oitenta e cinco anos e porque os propios verdugos tomaron decisións sobre estes espazos″, di o coordinador da exhumación
Lourenzo Fernández Prieto insiste en que os corpos ″poden aparecer, ou non″. ″É complicado porque pasaron oitenta e cinco anos e porque os propios verdugos tomaron decisións sobre estes espazos″, di. Non hai garantías, pois os datos que manexan en Histagra é que só o 40% das escavacións nos camposantos rematan con éxito. De momento, pensando en atopar os corpos, xa hai dez familiares dos asasinados cos que cotexar os restos de ADN.
Comezaron pola foxa do cemiterio de Vilagarcía porque a tiñan moi ben documentada, pero a continuación seguirán por Crecente. ″O problema nese caso é que son corpos que viñeron polo río Miño, probablemente foron fusilados en Arnoia. Pero o tempo foi desvirtuando o rastro e os corpos acabaron depositados nunha zona pola que hoxe pasa o río a consecuencia dun encoro″, describe o historiador. Porén, hai outro corpo máis, o dunha persoa moi coñecida de Arnoia, que se atopa noutro sitio de Crecente e que buscarán ao remate da exhumación de Vilagarcía.