Mil fotos do partido único da ditadura para "poñer cara aos represores" na provincia de Pontevedra

Acto da Falange en Vilagarcía en 1952, nunha das imaxes publicadas pola Deputación © Deputación de Pontevedra

"Cando chegamos ao Arquivo e vimos esta marabilla dixemos: hai que facelo público". Quen fala é Montse Fajardo, técnica de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra. Ilustra as sensacións do persoal investigador ao atopar, no Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, máis de 4.000 fotografías que recollen múltiples actos do partido único da ditadura na provincia, o denominado Movimiento Nacional, que agrupaba á Falange -como partido en sentido estrito-, o sindicato vertical e outras entidades creadas polas autoproclamadas como autoridades tras o golpe de Estado.

A Deputación de Pontevedra comeza a publicar en internet centos de fotografías da 'Jefatura do Movimiento Nacional' achadas nos seus arquivos para contribuír a "poñer luz na memoria"

O goberno provincial (PSdeG-BNG) vén de publicar en internet -a través do seu servizo Atopo- case un milleiro destas imaxes, xa dixitalizadas, documentadas e catalogadas. O obxectivo, explica a deputada de Memoria Histórica da Deputación pontevedresa, María Ortega, é "poñer luz na nosa memoria" e permitir que ese material, "gardado en caixas" durante décadas e que chegou a estar a piques de ser destruído a comezos do presente século XXI, sirva para "poñer cara a personaxes que formaron parte da cúpula franquista do Goberno represor" e non coñecer só "as caras das vítimas".

Evento da Falange en Pontevedra, nunha das imaxes dixitalizadas pola Deputación © Deputación de Pontevedra

As fotografías do fondo da Jefatura del Movimiento, organismo da ditadura que en cada provincia estaba dirixido polo gobernador civil, retratan múltiples actos desenvolvidos en todos os concellos da provincia de Pontevedra entre 1951 e 1959, mentres ocuparon o goberno civil Elías Palao (1951-56), Alberto Martín (1956) e Rafael Fernández, que sería gobernador ata 1961. Poder acceder a elas, relatan, foi sinalado como unha "prioridade" polas asociacións pola recuperación da memoria histórica cando a Deputación con elas.

Nesas imaxes, destaca a técnica, é posible comprobar "como calquera pequeno acto se convertía nunha loa ao réxime, con toda a súa parafernalia". Abranguen dende actos internos do Movimiento Nacional como "visitas de cargos ministeriais, nomeamentos ou xefes locais co brazo en alto", ilustran, ata celebracións de marcado carácter fascista. Tamén destacan visitas dos gobernadores civís a diversos concellos para inaugurar obras ou infraestruturas.

Gala da Memoria, o 5 de novembro

A presentación do acceso público a este fondo documental celebrouse en vésperas da Gala da Memoria que a Deputación celebrará o vindeiro 5 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra como "homenaxe a todas as persoas asasinadas e represaliadas" durante a ditadura. A data foi elixida por ser na que foron asasinadas na Caeira (Poio) diversas persoas "defensoras da República e da liberdade", entre eles dous antigos presidentes da propia Deputación, Amancio Caamaño e José Adrio.

Acto polo 22 aniversario das 'Falanges gallegas' en Vilagarcía © Deputación de Pontevedra

O espectáculo está dirixido por Uxía Senlle e está concibido como un evento "musical e audiovisual" con "colaboracións únicas" entre diversos artistas. Así, estarán no escenario a propia Uxía, Sheila Patricia, Su Garrido Pombo, Eladio Santos, Pedro Pastor, Woyza e García MC. María Lado e Lucía Aldao (Aldaolado) e Lois Pérez presentarán a gala, que tamén contará cun traballo de videocración de Juanma Lodo. O evento é de balde e cómpre inscribirse a través do formulario web creado para poder asistir.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.