Xunto á familia de Bóveda, secundan a querela contra o franquismo os descendentes dos políticos republicanos Amancio Caamaño e Ramiro Paz, tamén asasinados na Caeira polos golpistas en 1936
A finais de 2019, a familia de Alexandre Bóveda decidiu iniciar os trámites para adherirse á querela arxentina contra os crimes do franquismo, o proceso impulsado no país sudamericano polo galego Darío Rivas, fillo do alcalde de Castro de Rei asasinado polos golpistas. Xunto á filla e ao neto de Bóveda apostaban tamén por secundar a demanda os descendentes do médico Amancio Caamaño, membro de Izquierda Republicana que chegara a presidir a Deputación de Pontevedra e que foi asasinado en novembro de 1936 na Caeira (Poio), onde tamén mataran ao líder galeguista.
Algo máis dun ano despois daquela decisión, ambas familias e mais a de Ramiro Paz, presidente da Federación Socialista de Pontevedra, asasinado xunto a Caamaño, xa realizaron todos os trámites precisos para sumárense formalmente á demanda. Farano este 18 de xaneiro no Consulado de Arxentina en Vigo, segundo confirma a Deputación pontevedresa, que axudou ás familias neste proceso.
A revogación das condenas impostas polos tribunais formados polos golpistas e a reparación e compensación polos asasinatos é un dos principais obxectivos da demanda que, explica a Deputación, chega tras un "traballoso proceso de recompilación de documentación, bibliografía e información". Todo, detallan, para poder "explicar e contextualizar" que Bóveda, Caamaño e Paz "foron asasinados polo seu fondo compromiso cos valores democráticos e republicanos e a defensa do país".
"Estas son as primeiras de moitas familias galegas que xa contactaron con CeAqua, a Iniciativa Galega pola Memoria ou a Deputación para amosar o seu interese por sumarse á querela arxentina"
Xunto ao goberno provincial pontevedrés, as familias destes tres represaliados polos fascistas contaron co asesoramento Coordinadora Estatal de apoio á Querela Arxentina contra os Crimes do Franquismo (CeaQua). Tamén co apoio da Comisión de Dereitos Humanos do Grupo de Avogados Novos de Vigo, que traballaron "de xeito totalmente desinteresado", destacan. A Iniciativa Galega pola Memoria e o grupo de investigación Histagra tamén colaboraron nuns traballos que se demoraron máis do previsto por mor da COVID-19.
Deste xeito, por parte da familia de Alexandre Bóveda querelaranse formalmente a súa filla, Amalia Bóveda, e o seu neto, Valentín García Bóveda. Begoña e Olga Caamaño, netas de Amancio Caamaño, querelaranse a prol da memoria do seu avó e Ángel Ramiro e Anxos Paz, netos de Ramiro Paz, formularán a querela polo seu avó. "Estas -destaca a Deputación pontevedresa- son as primeiras de moitas familias galegas que xa contactaron con CeAqua, a Iniciativa Galega pola Memoria ou a Deputación para amosar o seu interese por sumarse á querela arxentina". Nesta liña, avanzan, "concluído este proceso, iniciarase a preparación das querelas de varias familias da comarca da Barbanza".