Da anulación do xuízo a Bóveda á reparación do espolio económico franquista: os retos da Lei da Memoria Democrática

Homenaxe a Alexandre Bóveda na Caeira (Poio), onde foi asasinado, nun Día da Galiza Mártir © Fundación Alexandre Bóveda

O Consello de Ministros aprobou este martes o Anteproxecto de Lei de Memoria Democrática, un texto que iniciará o seu percorrido parlamentario e que substituirá a actual norma aprobada no ano 2007. O obxectivo da lei é "o recoñecemento dos que padeceron persecución ou violencia, por razóns políticas, ideolóxicas, de conciencia ou crenza relixiosa, de orientación e identidade sexual, durante o período comprendido entre o golpe de estado de 1936, a Guerra Civil e a Ditadura franquista ata a promulgación da Constitución Española de 1978", buscando "promover a súa reparación moral" e "recuperar a súa memoria", suprimindo "elementos de división entre a cidadanía" e impulsando "lazos de unión ao redor dos valores, principios e dereitos constitucionais".

O obxectivo da lei é "o recoñecemento dos que padeceron persecución ou violencia entre o golpe de estado de 1936, a Guerra Civil e a Ditadura franquista ata a promulgación da Constitución Española de 1978"

O anteproxecto consta de 66 artigos, que inclúen disposicións destinadas a favorecer a procura dos restos mortais das persoas asasinadas polo réxime franquista, que debe der ser impulsada de xeito proactivo polo Estado. Ademais, proponse a creación dun Banco Nacional de ADN de Vítimas da Guerra Civil e a Ditadura, unha Fiscalía de Sala para a investigación dos feitos producidos durante a Guerra Civil e a Ditadura e mais un Censo Nacional de Vítimas

Un dos aspectos máis destacados da norma é a anulación de todas as condenas e sancións ditadas durante a Guerra Civil e a Ditadura polos órganos de represión franquista, que se declaran "ilexítimos". Así mesmo, o Estado levará a cabo unha auditoría do espolio económico levado a cabo pola ditadura franquista e medidas de reparación para as persoas que sufriron represión, traballos forzados ou o exilio.

Amalia Bóveda e Valentín G. Bóveda, filla e neto de Alexandre Bóveda © Deputación de Pontevedra

A norma pode ter efectos moi importantes en ámbitos moi diversos, comezando polos procesos de procura de restos mortais impulsados por numerosas familias nos últimos anos

A norma busca ademais "resignificar" o Valle de los Caídos cunha finalidade pedagóxica, apenas un ano despois da retirada do lugar do cadáver do ditador. Igualmente, procederase a "extinguir" as fundacións e asociacións "entre cuxos fin se atope a apoloxía do franquismo ou a incitación directa ou indirecta ao odio ou a violencia contra as vítimas da Ditadura franquista", comezando pola propia Fundación Francisco Franco. En xeral, inclúense medidas para evitar actos de exaltación ou enaltecemento do alzamento militar, a Guerra Civil ou o réxime ditatorial. E, finalmente, proponse a "revogación de distincións, nomeamentos, títulos e honras institucionais, de condecoracións e recompensas ou títulos nobiliarios que fosen concedidos ou supoñan a exaltación da Guerra Civil e a Ditadura".

 

Dereitos das vítimas

Á espera das modificacións que poida sufrir a lei no seu percorrido parlamentario e das fórmulas definitivas que adopten as súas disposicións, a norma pode ter efectos moi importantes en ámbitos moi diversos, comezando polos procesos de procura de restos mortais impulsados por numerosas familias nos últimos anos. Son moitas as exhumacións realizadas en Galicia, grazas ao traballo desenvolvido por entidades coma a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica, que tivo que superar os obstáculos xerados pola inacción e falta de interese das Administracións públicas, cando non os seus atrancos directos.

Anulación dos procesos xudiciais franquistas

"Ningún goberno na democracia tivo a valentía de anular as sentenzas dos e das condenadas polo Franquismo", denunciaba hai uns meses a neta do presidente da Deputación de Pontevedra asasinado en 1936

Outro dos aspectos que se agarda con máis interese é a devandita anulación das condenas e resolucións aprobadas polos tribunais franquistas. Foron moitos os galegos e galegas que foron sentenciados por estes órganos, tanto durante a Guerra Civil coma nos longos anos da ditadura. A Lei de Memoria Democrática podería anular definitivamente estas condenas, que aínda pesan de xeito simbólico sobre moitas familias. Un dos casos máis coñecido é o do proceso seguido contra Alexandre Bóveda, xulgado e condenado a morte o 13 de agosto de 1936, acusado de traizón.

O pasado 17 de novembro o salón de plenos da Deputación Provincial de Pontevedra acolleu un acto no que os descendentes de Bóveda, Ramiro Paz (presidente da Federación Provincial Socialista de Pontevedra, igualmente asasinado) e de Amancio Caamaño (presidente da Deputación pontevedresa en 1936 e condenado tamén a morte no mesmo proceso) fixeron pública a súa adhesión á causa arxentina contra os crimes do franquismo. Aquel día, no mesmo lugar onde tivera lugar o xuízo contra o seu avó, Begoña Caamaño denunciou que "ningún goberno na democracia tivo a valentía de anular as sentenzas dos e das condenadas polo Franquismo".

A Casa Cornide, na Coruña Dominio Público Zarateman

Retirada de honras e distincións

A norma podería axudar a acelerar a eliminación das moitas "honras" e elementos de homenaxe que aínda persisten nas institucións galegas

O anteproxecto prevé a "revogación de distincións, nomeamentos, títulos e honras institucionais, de condecoracións e recompensas ou títulos nobiliarios" concedidos polo réxime franquista, especialmente os que supoñan "a exaltación da Guerra Civil e a Ditadura". A norma podería axudar a acelerar a eliminación das moitas "honras" e elementos de homenaxe que aínda persisten nas institucións galegas, dende concellos a deputacións provinciais. 

Aínda o pasado mes de abril o investigador Manuel Monge detallou nestes artigo un total de 602 símbolos franquistas que se mantiñan en Galicia, espallados por 87 concellos. Entre elas figuran nomes de rúas, placas e outros elementos físicos ou distincións honoríficas (fillo predilecto, fillo adoptivo...). 

A lei podería levar tamén a supresión de títulos nobiliarios creados pola ditadura

A lei podería levar tamén a supresión de títulos nobiliarios creados pola ditadura, que en moitos casos aluden directamente a militares golpistas ou a feitos relacionados coa Guerra Civil (Condado do Alcázar de Toledo, Marquesado de Queipo de Llano, Ducado de Mola...). Entre estes títulos concedidos polo réxime franquista inclúese o Condado de Fenosa, outorgado en 1955 a Pedro Barrié de la Maza para premiar "a súa intelixente laboriosidade, a súa constante iniciativa creadora de riqueza, desenvolvida principalmente na rexión galega, e pola súa xenerosidade, impregnada de sentimento cristián".

Ao falecer Barrié de la Maza sen descendencia directa en 1971, o título pasou a súa dona, Carmela Arias Díaz de Rábago. Cando esta faleceu en 2009 o título quedou vacante temporalmente, momento no que a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica solicitou a anulación do título, que finalmente en 2011 foi concedido a José María Arias, sobriño da anterior Condesa de Fenosa e que chegou a ser presidente do Banco Pastor. 

Reparación do espolio económico

Ademais do Pazo de Meirás, moitos outros elementos materiais están aínda en poder da familia do ditador, dende a Casa Cornide ás esculturas do Mestre Mateo

A norma inclúe entre os seus obxectivos a investigación dos bens espoliados durante a Guerra Civil e a Ditadura ou o recoñecemento e reparación das vítimas que realizaron traballos forzados. O espolio económico abrangue situacións de moi distinto tipo e unha auditoría pública -así coma o impulso de procesos de devolución e reparación económica- podería ter consecuencias moi importantes. Neste ámbito cómpre citar, por suposto, o caso do Pazo de Meirás, que hai 15 días a xustiza declarou propiedade do Estado e ordenou a súa devolución por parte dos herdeiros do ditador. A existencia dunha norma que favorecese a devolución dos bens roubados polo réxime e de accións por parte do Estado neste senso tería facilitado en gran medida o proceso de retorno do Pazo ás mans da cidadanía.

Hai, ademais, moitos outros elementos materiais están aínda en poder da familia do ditador (dende a Casa Cornide ás esculturas do Mestre Mateo) e moitos máis bens públicos ou privados que foron espoliados polo réxime franquista e que pasaron en moitos casos a mans de empresarios ou de familias afíns á ditadura.

Busto de Franco no Pazo de Meirás Dominio Público @rubencela

Límites á exaltación do réxime franquista

A lei pode axudar a loitar contra os actos de homenaxe e exaltación da ditadura, que nalgúns casos son realizados por entidades coma a Fundación Francisco Franco

Finalmente, a lei pode axudar a loitar contra os actos de homenaxe e exaltación da ditadura, que nalgúns casos son realizados por entidades coma a Fundación Francisco Franco e outras con obxectivos semellantes. Tamén podería servir para supervisar as misas en honor do ditador que aínda se seguen a celebrar nalgunhas localidades (como Ferrol) no aniversario do seu pasamento. E mesmo podería contribuír á eliminación de determinados comportamentos no interior das Forzas Armadas, nas que continúa habendo denuncias da permisividade coa exaltación da ditadura ou da Guerra Civil.

De igual xeito, a norma inclúe accións no plano educativo, "actualizando os contidos curriculares para ESO e Bacharelato", e no plano da investigación e a divulgación "co fin de fomentar, promover e garantir na cidadanía o coñecemento da historia democrática española e a loita polos valores e liberdades democráticas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.