Expulsado do Exército un militar de Redondela por asinar un manifesto antifranquista

Marco Antonio Santos ©

No verán do ano pasado un grupo de militares asinou un Manifesto en contra do franquismo nas Forzas Armadas. O texto era unha resposta a outro manifesto, feito público unhas semanas antes, que supuña unha "declaración de respecto e desagravio" a Francisco Franco e que demandaba a permanencia do seu cadáver no Valle de los Caídos. 

O cabo redondelán Marco Antonio Santos foi o único militar en activo que asinou o manifesto antifranquista

O manifesto demócrata limitábase a sinalar que Franco "non merece respecto nin desagravio ningún, senón a nosa repulsa máis absoluta por encabezar un golpe de estado sanguento e xenocida contra a legal e lexítima II República Española, pola feroz guerra civil posterior, e por unha ditadura opresiva e inclemente durante case corenta anos". Ademais, subliñaba que os militares non teñen "dereito ningún" a "presionar como colectivo ao Estado democrático".

Case a totalidade de asinantes do manifesto democrático eran militares retirados e na reserva. Agás un, o cabo redondelán Marco Antonio Santos Soto. Santos foi inicialmente sancionado con tres faltas disciplinarias graves: a primeira por asinar o manifesto, a segunda por incluír na súa sinatura o engadido "Saúde e República", e a terceira por conceder unha entrevista a eldiario.es. Nesa entrevista denunciaba que "Levo 19 anos oíndo o berro de 'Arriba España' ao romper filas"

Os motivos da expulsión son “a emisión pública de expresións ou manifestacións contrarias ao ordenamento constitucional” e “infrinxir os deberes de neutralidade política”

Agora Santos vén de recibir a súa expulsión do Exército, recibindo a máxima sanción posible da Lei Orgánica 8/2014 de Réxime Disciplinario das Forzas Armadas: “Resolución do seu compromiso coas Forzas Armadas”. Os motivos da sanción, asinada polo Xefe de Estado Maior do Exército, son “a emisión pública de expresións ou manifestacións contrarias ao ordenamento constitucional” e “infrinxir os deberes de neutralidade política”.

O equipo xurídico castrense que o sancionou hai meses xa sentenciou que "coa súa actitude xerou e participou nunha clara controversia de carácter ideolóxico e político cando iso lle está vedado ao manifestar exteriorizando a súa opinión e posición ideolóxica e política". E engadiu que o cabo "non goza dunha plena liberdade de expresión para expresar e manifestar publicamente todo canto lle pareza precisamente pola súa condición de militar".

Concentración de apoio a Marco Santos en Redondela ©

Marco Antonio Santos ingresou no Exército hai 19 anos, cando tiña 22. Afirma que "o franquismo nas Forzas Armadas está xeneralizado"

Ademais do "saúde e república" denunciado, Santos escribiu: "os militares profesionais de tropa, os que estamos traballando día a día, con suor, bágoas, frío, facémolo polo noso país. Non cabe dúbida que os que apoian o escrito a favor do ditador xenocida son os que fixeron das Forzas Armadas o seu xardín particular desde o 36. Non estou disposto a que ese manifesto quede impune pois ataca directamente a esa Constitución coa que tanto se enchen a boca. As Forzas Armadas para servir esa Constitución deben ser totalmente democráticas e como membro activo repudio calquera homenaxe ao asasino". 

Marco Antonio Santos ingresou no Exército hai 19 anos, cando tiña 22. Pasou primeiro por Transmisións e despois por Sanidade e chegou a estar destinado en Kosovo en dúas ocasións. Santos sinala que xa agardaba a súa expulsión, pero que non consideraría que chegaría tan rápido. Na entrevista concedida a eldiario.es afirmaba que "o franquismo nas Forzas Armadas está xeneralizado", algo semellante ao defendido por Arturo Maira Rodríguez, outro dos asinantes do manifesto, que destacaba que "os simpatizantes co anterior réxime non son infrecuentes nas nosas Forzas Armadas, sobre todo nos seus niveis superiores".

"Cuestións coma esta evidencian que o Exército nunca levou a cabo unha ruptura co Réxime franquista, que aniña franquismo nas súas filas e que tolera manifestacións franquistas nos seus mandos", di Antón Sánchez

A asociación de militares demócratas Asociación-Foro Milicia y Democracia (FMD) vén de demandar que sexa revisada a sanción e, igualmente, que se proceda "a modificar a actual lexislación e normativa aplicable aos militares en relación coa súa liberdade de expresión pública fóra do ámbito militar, reducindo o concepto de neutralidade política ás Forzas Armadas como institución e non a todos e cada un dos militares, cidadáns de uniforme ao cabo, que aínda hoxe en día ven minguados os seus dereitos humanos e constitucionais como consecuencia dos residuos autoritarios herdados da pasada ditadura".

Marco Santos recibiu tamén este luns o apoio do Grupo Común da Esquerda. Antón Sánchez sinalou a este respecto que "a defensa dos valores democráticos non pode ser considerada como unha manifestación política partidaria" e que "cuestións coma esta evidencian que o Exército nunca levou a cabo unha ruptura co Réxime franquista, que aniña franquismo nas súas filas e que tolera manifestacións franquistas nos seus mandos. Os militares franquistas están moi cómodos neste Exército, mentres que os antifranquistas se ven constantemente minorizados".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.