Quen foi Salvador Moreno, o militar golpista defendido por Rajoy?

Salvador Moreno Fernández © http://blog.todoavante.es

“Vivín moitos anos a carón da Escola Naval de Marín, na rúa Salvador Moreno de Pontevedra. Agora, non se sabe por que, quitáronlle a rúa ao Almirante Salvador Moreno. Pero, en fin, eu sígolle chamando así”. Mariano Rajoy, durante unha visita a militares españois en Costa do Marfil, laiouse do cambio de nome desta rúa, que hai xa 15 anos pasou a chamarse Rosalía de Castro, por iniciativa do Goberno local da cidade. En outubro de 2002 a decisión foi acordada polo pleno municipal, cos votos favorables de BNG e PSdeG-PSOE e a oposición do PP.

En 2002 o PP votou en contra do cambio de nome desta e doutras catro rúas que homenaxeaban a distintos persoeiros da ditadura 

O daquela concelleiro de Cultura e hoxe deputado no Parlamento Luís Bará defendeu o cambio de nome desta e doutras catro rúas (Calvo Sotelo, Paco Leis, Hermanos Vázquez Lescaille e Bernardino Fondevila) "por estar relacionados co período histórico do levantamento militar da guerra do 36 e a represión daquela tráxica etapa". Pola contra, o concelleiro popular Celestino Lores cualificou os cambios de "acto de irresponsabilidade" do goberno do BNG, que "dividía" a cidadanía pontevedresa "con cuestións que nunca deberon saír á rúa" e acusou a Bará de "enturbiar cos seus xuízos a memoria de persoas que xa non están entre nós" e de "alterar a paz familiar dos seus fillos, netos e bisnetos, que non ofenderon a ninguén, e moito menos a vostedes". O edil do PP mesmo lle esixiu a Bará que lles pedise desculpas aos familiares dos persoeiros franquistas cuxos nomes ían deixar de estar no rueiro municipal. Bará simplemente respondeulle que "a historia hai que coñecela" e que os cambios eran "un exercicio de xustiza e normalidade democrática".

En 1937 comandou o Canarias, que bombardeou a poboación civil que fuxía de Malaga en dirección a Granada (no coñecido como a desbandá), provocando entre 3.000 e 5.000 mortes

Pero quen foi ese Salvador Moreno cuxa memoria vén de reivindicar M. Rajoy e que aínda dá nome a un colexio privado na cidade? Ferrolán de nacemento, participou dende o inicio na sublevación contra o goberno democrático. O 18 de xullo dirixiu a rebelión no Arsenal de Ferrol, apoderándose do cruceiro Almirante Cervera, fondeado no porto e que era protexido por militares fieis á República. Ascendido a Capitán, nas semanas seguintes utilizou ese mesmo barco para bombardear Xixón. Xa en 1937, comandou o Canarias, que bombardeou a poboación civil que fuxía de Malaga en dirección a Granada (no coñecido como a desbandá), provocando entre 3.000 e 5.000 mortes. A actuación do Canarias foi fundamental ademais para que o exército nacional controlase o Estreito de Xibraltar.

En 2008 foi un dos 35 altos cargos do franquismo imputados pola Audiencia Nacional no sumario instruído por Baltasar Garzón, polos delitos de detención ilegal e crimes contra a humanidade

En 1939 foi proclamado Ministro de Mariña, cargo que desempeñou en dúas etapas (1939-45 e 1951-57), sendo ascendido a Almirante en 1950 e morrendo en 1966 aos 80 anos de idade. En 2008 foi un dos 35 altos cargos do franquismo imputados pola Audiencia Nacional no sumario instruído por Baltasar Garzón, polos delitos de detención ilegal e crimes contra a humanidade cometidos durante a guerra civil e nos primeiros anos do réxime. 

 

Salvador Moreno Fernández © http://blog.todoavante.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.