O 3 de marzo de 1981 o pleno do Concello de Ferrol aprobaba o cambio de denominación de 61 rúas e prazas da cidade, eliminando todas aquelas que facían referencia a persoeiros relacionados coa ditadura. Así, a Avenida del Generalísimo recuperou o nome de Estrada de Castela ou a rúa dedicada a José Antonio Girón pasou a chamarse rúa Ricardo Carvalho Calero. A proposta foi aprobada cos votos a favor de PSOE, PCG e Unidade Galega e cos votos en contra de UCD e Coalición Democrática.
A decisión non gustou na cúpula militar, chea de nostálxicos da ditadura, que acordou bautizar dez rúas interiores do Arsenal da cidade, instalacións sobre as que o Concello non tiña competencia, dándolles os nomes doutros tantos heroes militares ou líderes do réxime, como Carrero Blanco ou Salvador Moreno, ou de elementos relacionados coa vitoria franquista, coma o Crucero Baleares.
Estes militares solicitan que se eliminen as denominacións que exaltan a ditadura e se substitúan polos nomes doutros dez militares que se significaron pola súa defensa da democracia
Agora o colectivo de militares (ao redor dun cento, a maior parte na reserva) que hai uns meses fixo público o Manifesto en contra do franquismo nas Forzas Armadas vén de solicitar que o Arsenal de Ferrol elimine estas denominacións que seguen a exaltar a ditadura e as substitúa polos nomes doutros dez militares que se significaron pola súa defensa da democracia. Este xoves veñen de entregar a súa reclamación no propio Arsenal e no rexistro do Ministerio de Defensa, un texto que acompañan dun dossier encargado ao historiador Bernardo Máiz que detalla as razóns que fan merecedores deste recoñecemento aos dez militares demócratas.
Nas cartas entregadas este luns e asinadas por Arturo Maira Rodríguez, Capitán de Navío do Corpo de Enxeñeiros Electricistas da Armada (retirado) e portavoz do Manifesto en Contra do franquismo nas Forzas Armadas, proponse a supresión das rúas Almirante Vierna, Crucero Baleares, Soldado Lois, Almirante Honorio Cornejo, Cándido Pérez, González Llanos; tamén das avenidas Almirante Fernández Martín e Salvador Moreno: e da praza Marqués de Alborán. A placa da rúa Carrero Blanco foi retirada no ano 2014. Ademais, suxírese que sexan substituídas polos seguintes militares, que en moitos casos morreron defendendo a orde legal republicana:
- Condestable Dionisio Mouriño González
- Contralmirante Antonio Azarola Gresillón. Xefe do Arsenal.
- Cabo de Artillería Naval Ramiro Corredeguas Castro
- Tenente de Navío Luís Sánchez Pinzón. Dotación Cervera.
- Capitán de Navío Sandalio Sánchez Ferragut, Comandante do Cervera.
- Condestable Vicente Peña Tarrasa, guerrilleiro antifranquista
- Condestable Carlos Allegue Caruncho
- Tenente Coronel maquinista Benito Sacaluga Rodríguez. Xefe de Máquinas do Jaime I
- Coronel Médico da Armada Luís Pérez Carballa
- Capitán de Corbeta Antonio Sanjuán Cañete
Críticas á "simbiose Armada-Franquismo"
A proposta deste grupo de militares, que nos vindeiros días será entregada ao alcalde de Ferrol, á Deputación da Coruña, á Delegación do Goberno e á Xunta de Galicia, comeza apelando á necesidade de cumprir coa Lei de Memoria Histórica, que ordena "a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos e mencións conmemorativas da exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura".
Maira Rodríguez denuncia que os "simpatizantes co anterior réxime non son infrecuentes nas nosas Forzas Armadas, sobre todo nos seus niveis superiores"
Na carta, Arturo Maira Rodríguez destaca que "a Armada debe procurar por todos os medios posibles recuperar a súa harmonía coa cidadanía española, soberana de acordo coa Constitución, e democrática nos seus sentimentos, valores e sentido histórico". Unha harmonía que se "rompeu brutalmente coa sublevación militar do ano 1936 e non foi recuperada como debera, debido a certa simbiose Armada - Franquismo que tristemente nos lembran algunhas declaracións de mariños e militares inimigos da democracia que exaltan e louban o ditador Franco", sinala o militar retirado.
Maira Rodríguez pide que non se repita "outra manipulación histórica manexada por persoas simpatizantes co anterior réxime" que, di, "desgraciadamente, como a experiencia recente nos demostra, non son infrecuentes nas nosas Forzas Armadas, sobre todo nos seus niveis superiores".
Cómpre lembrar que algúns dos militares en activo asinantes do Manifesto en contra do franquismo nas Forzas Armadas están a sufrir sancións da Armada por este motivo, recibindo por exemplo expedientes disciplinarios por falta grave, que poden supoñer ata 30 días de arresto. O Exército non tomou medidas, en cambio, contra os 144 altos mandos asinantes doutro manifesto anterior que exaltaba ao ditador Francisco Franco. O Ministerio de Defensa si abriu un expediente disciplinario a varios dos asinantes deste manifesto franquista.
As razóns do cambio
Hai uns meses o historiador Bernardo Máiz recibiu deste grupo de militares o encargo de redactar un informe que xustificase a demanda de supresión das denominacións franquistas e que, ao tempo, fixese unha proposta doutros militares que si merecerían un recoñecemento. Máiz entregoulles unha lista coas biografías de vinte persoas, que a continuación foi debtaida e votada polos asinantes do Manifesto, que escolleron dez.
Máiz conclúe que os nomes de oito das rúas do Arsenal "deben ser suprimidos por corresponder a
responsables directos ou indirectos do masacre de cidadáns civís e militares inocentes". Só exclúe o Soldado Lois, adoptado como heroe polo franquismo, pero do que o historiador conclúe que "non é responsable da sublevación", ao entrar en Infantería de Mariña como soldado de reemprazo. En calquera caso, os militares asinantes do Manifesto votaron a favor de solicitar igualmente a supresión da rúa que o lembra en Ferrol.
Os asinantes do Manifesto demandan que no Arsenal de Ferrol se levante un monumento ou placa conmemorativa na memoria dos militares que loitaron pola legalidade republicana
No escrito presentado esta mañá Arturo Maira lembra que na Punta do Martelo do Arsenal foron fusilados nos meses seguintes ao golpe de Estado de xullo de 1936 "un número moi elevado de mariños e cidadáns cuxo único delito foi cumprir co seu deber, a defensa da legal e lexítima II República Española". No dossier, Máiz detalla que 166 militares foron condenados a morte en Consellos de Guerra e executados e que outros 176 foron paseados ou morreron en enfrontamentos nos primeiros días da sublevación. En total, na comarca de Ferrolterra 714 persoas (militares e civís) foron executadas polos franquistas entre 1936 e 1939.
Os asinantes do Manifesto demandan que se levante un monumento ou placa conmemorativa na súa memoria, "como consolación dos seus descendentes e como exemplo para tódolos presentes ou futuros membros da Armada do que xamais debeu ocorrer".
Os 10 nomes propostos
No dossier elaborado por Máiz afóndase nas biografías destes dez militares. A maioría foron executados entre 1936 e 1939 ou mortos en combate, agás Edmundo Sanjuán. Vicente Peña e Carlos Allegue morreron a disparos da Garda Civil en 1947 e 1951.
- Carlos Allegue Caruncho (Ferrol, 1903). Auxiliar 2º de Artillería, foi detido en 1937 e procesado en 1940. En 1944 organizou en Ferrol unha célula de Unión Nacional Española (UNE) e no 1945 foi responsable do asalto a un depósito de armas e explosivos en Caranza co obxectivo de entregarllos aos guerrileiros. Detido pola Policía en 1947, conseguiu fuxir da comisaría,incorporándose ao Exercito Guerrilleiro de Galicia. En 1951 asistiu disfrazado ao enterro da súa muller no cemiterio de Canido. Con graves problemas de visión, ocultouse na residencia familiar, onde foi descuberto pola Garda Civil, que o asasinou a el e ao seu fillo, de 19 anos.
- Antonio Azarola Gresillón (Tafalla, 1873). Ministro de Mariña entre 1935 e 1936, en xullo de 1936 era o Xefe do Arsenal de Ferrol. Encarcerado polos sublevados e condenado a morte, foi fusilado o 4 de agosto
- Ramiro Isidro Carrodeguas Castro (Ortigueira, 1904). O 18 de xullo de 1936 era cabo de artillería en Ferrol. Xunto con outros oficiais impediu que os sublevados se fixeran co Cuartel Vello e a Escola de Mariñeiros ata o 21 de xullo. Foi fusilado o 5 de setembro na Punta do Martelo.
- Dionisio Mouriño Castro (Vigo, 1893). O 18 de xullo de 1936 era oficial 3º de Artillería no acorazado “España”. Ao berro de "Viva a República" fíxose co control do buque e desembarcou no Arsenal co obxectivo de expulsar os sublevados. Perdeu a vida nesta acción, e os militares fieis á República regresaron ao barco, onde resistiron ata o día 22.
- Vicente Peña Terrasa (Palma de Mallorca, 1904). Foi destinado en 1944 ao Arsenal de Ferrol, onde organizou unha célula de Unión Nacional Española (UNE), pasando á clandestinidade en 1946 e incorporándose ao Exército Guerrilleiro de Galicia. Morreu en 1949 nunha emboscada da Garda Civil en Páramos (Val do Dubra)
- Luís Pérez Carballa (Sanxenxo, 1881). En 1936 era coronel médico da Armada en situación de retiro voluntario. En 1937 foi condenado a morte e executado pola súa fidelidade á República, sendo acusado tamén de masón
- Benito Sacaluga Rodríguez (Cadiz, 1882). Foi codirector da Escola Naval Popular, en Cartagena, onde foi detido polos franquistas, despois de negarse a saír cara ao exilio. Foi executado en 1939.
- Juan Sandalio Sánchez Ferragut (Madrid, 1883). En 1936 era comandante do cruceiro Almirante Cervera, en dique en Ferrol por reparacións. Negouse a apoiar o golpe de Estado e nos días seguintes rexistráronse enfrontamentos no propio buque, resultando ferido. O 21 de xullo aceptou rendir o buque, asinando un acordo no que os militares franquistas se comprometían a non tomar represalias, o que foi incumprido. Foi executado en setembro en Ferrol.
- Luís Sánchez Pinzón (Morón, Sevilla, 1907). Era responsable de Comunicacións do Cervera. Foi executado en agosto en Ferrol.
- Edmundo Sanjuan Cañete (Ferrol, 1888). Coorganizador da Mariña de Guerra Auxiliar de Euskadi e Xefe de Estado Maior da defensa móbil marítima de Cataluña. En 1939 exíliase a Francia, onde é internado nun campo de concentración. Regresou a España, onde foi condenado a 15 anos de prisión e finalmente indultado.