Bernardo Máiz: "Amada García foi represaliada pola súa militancia política, non por bordar unha bandeira"

Dominio Público Praza Pública

Amada García non foi nin unha "pobre muller" nin unha heroína. Senón unha militante de esquerdas, defensora da República e da democracia. Unha vítima máis da represión franquista. Iso conta, e demostra, o historiador Bernardo Máiz en 'Amada García e os seus arredores', (edicións Embora), a súa biografía sobre a muller de Mugardos á que, segundo a lenda popular, mataran só por exercer un rol tan "feminino" como bordar unha bandeira. Mais, -insiste Máiz-, dicir que foi por iso é minimizala. Restarlle importancia como a activista que foi.

Xa levabas tempo traballando neste libro. Foron meténdose polo medio outros proxectos ou foi que tiveches dificultades para atopar documentación?

Si que me ocupei doutos proxectos polo medio. Empecei a matinar en facer este libro nos anos 90. Por iso entrevistei o marido de Amada García, -que despois faleceu-, Gabriel Toimil, en dúas ocasións. Fun acumulando material mentres escribía outros libros. Xuntei un enorme carpetón, ademais do que tiña no ordenador… e comecei a escribir en serio no 2012. Pero tiven mala sorte, porque me entrou un virus no ordenador que me borrou a metade do disco duro e tiven que volver escribir o libro. Iso tamén me permitiu engadir cousas, remodelalo…

Por que dis no libro que se frivoliza a historia, quedando no anecdotario épico e no sensacionalismo?

A literatura deu relatos magníficos sobre feitos históricos, e a min paréceme moi ben, mais ás veces eses relatos manipulan a verdade. E dígoo con todo o respeto á literatura: hai escritores que o fixeron moi ben, con moito rigor. Pero tamén hai certa tendencia ao sensacionalismo, como se a realidade non superase xa calquera ficción. Refírome á busca do sórdido, o morboso… que, moitas veces con boas intencións, parece buscar aumentar a dor para que nos decatemos do tremendo que foi todo.

“Hai certa tendencia ao sensacionalismo, como se a realidade non superase xa calquera ficción”

Iso é o que pasa cando se di, por exemplo, que aprazaron a aplicación da sentenza de morte de Amada ata despois do nacemento do seu fillo. Incluso houbo quen dixo que a política natalista dos golpistas non podía permitir que se matase a unha muller embarazada… Mais non, non houbo tal espera por ese motivo. Amada estivo primeiro baixo arresto domiciliario. Foi rapada ao cero e obrigada a cargar pedras nas obras do peirao de Mugardos. En abril do 37 foi detida por terceira vez e trasladada ao cárcere de mulleres de Ferrol.

O auto de procesamento por “rebelión militar” é do 14 de maio do 37. En setembro foi trasladada ao Hospital de Caridad de Ferrol, embarazada. Díxose que as monxas a trataran mal e non é verdade. Dáballes tanta pena a situación que mesmo a tiveron alí máis tempo, o que lles permitiron, ata 20 días. O 31 de outubro naceu o fillo de Amada, Gabriel Toimil García. En novembro volve co fillo para o cárcere. Ese mesmo mes é trasladada ao castelo de San Felipe, e uns días despois, entre o 1 e o 3 de decembro, celébrase o consello de guerra. É condenada a morte, volve ao cárcere e o día 27 de xaneiro de 1938 execútana no castelo de San Felipe. Xa é abondo duro como para aengadirlle que a maltrataban…

“Xa é abondo dura a realidade como para engadirlle que a maltrataban as monxas…”

Comeza o libro contextualizando o tema: a II República en Galicia e as mulleres e a II República. En que sentido tomou Amada conciencia dos seus dereitos, en igualdade cos homes, nese período?

Amada era unha muller casada á que xa lle morrera unha filla, e que tiña outra. O pai, un home extraordinario, era anticlerical. O irmán era cenetista. O marido era sindicalista, de UGT, próximo primeiro ao PSOE e despois do PC. Mais todo isto non era raro, porque Mugardos era nesa época unha sociedade virada para a esquerda. O seu activismo empezou, probablemente, animada por Juan Prieto Balsa, que fora membro do PC cubano e do Sindicato Único da Industria da Pesca en Cuba, e que ao volver aquí presidiu o Sindicato de Marineros y Pescadores de Mugardos e é militante do PC e da CNT, ademais de organizador da célula comunista do PC en Mugardos e despois alcalde de Mugardos e coordinador do comité de defensa da República, ata que o pasearon o día 24 de xullo do 1936. 

Amada participou no 33-34 no comité pro presos de outubro do 34 e no Socorro Rojo, no 35 está afiliada ao “radio” de Mugardos do Comité Regional Gallego do Partido Comunista de España e no 36 intégrase na Agrupación de Mujeres contra la Guerra y el Fascio de Ferrol-Mugardos. En Mugardos había un activismo político enorme e ela toma conciencia nese contexto colectivo. Non foi a única, pero tivo peor sorte.

“En Mugardos había un activismo político enorme e ela toma conciencia nese contexto colectivo. Non foi a única, pero tivo peor sorte”

Era unha militante moi activa. En febreiro do 36 está presente no escenario nun mitin de Dolores Ibarruri e Juan Prieto Balsa no Teatro Jofre de Ferrol e despois, coas mesmas persoas, nunha asemblea no Salón Pelayo de Mugardos. Non me consta que falase nese mitin de Ferrol, pero si o fixo despois, en dous mitins máis. Falei con tres mulleres que a viron falar a Amada neses mitins e todas coincidían en que impresionaba. Parecía “una llama viva”, contábame unha. Tiña unha capacidade de comunicación enorme. Era vocal do Sindicato General Femenino de Mugardos.

“Despois, sobre as mulleres e a II República tamén hai bastante falacia”

Sobre as mulleres e a II República tamén hai bastante falacia. Certo que houbo moitos avances para as mulleres, pero en realidade case non había mulleres que ocupasen cargos públicos. Amada ía ser parte da lista do Fronte Popular nas eleccións municipais que xa non se celebraron, participara na redacción dunhas coplas de Entroido… Era enxeñosa e moi activa politicamente.

Mais, en xeral, na República, só unha muller foi directora xeral (Victoria Kent, de Prisións), ningunha foi ministra entre abril do 1931 e xullo do 1936 e só unha, Federica Montseny, foi ministra xa durante a guerra. En canto á cámara lexislativa, só tres mulleres foron deputadas no 1931, cinco no 33 e cinco no 36. Con axuda de Aurora Marco repasei as candidaturas galegas nas eleccións do 31, 33 e 36, pero só dei con dúas candidatas. E dos arredor de 4.500 edís dos concellos, só dei cunha alcaldesa e trece, se cadra quince, concelleiras...

O libro detense tamén moito na Ferrolterra e no Mugardos de antes do 36: os estaleiros, o proletariado numeroso e organizado, -a importancia da UGT, a CNT, o agrarismo…- Recolles no libro que Castelao dixera que “valía máis Ferrol que todo Asturias”. Por que?

É que pode dicirse que Ferrol foi onde naceu o movemento obreiro galego. Había unha acumulación de proletarios moi grande, moi sindicados. Só hai dous concellos, no 36, que teñan un alcalde comunista, e Mugardos era un deles. Mais toda a zona está gobernada por distintas organizacións de esquerda. Ao lado diso hai unha clase militar moi importante. Por iso é o único lugar de Galicia onde hai unha verdadeira oposición militar á sublevación. Quero dicir: alí houbo militares que se enfrontaron con outros militares. Do 20 ao 24 de xullo morreron unhas 40 persoas, pero nos tiroteos, e non paseados. A potencia militar de Ferrol era enorme, por iso o comentario de Castelao.

“Pode dicirse que Ferrol foi onde naceu o movemento obreiro galego”

Se ollamos para as cifras da represión, os cálculos dannos 5.000 mortos nos tres anos de guerra. Pois as vítimas de Ferrolterra serían, segundo os cálculos máis conservadores, 750, e segundo os máis aventurados 1.500. E de Mugardos son 70 e tantos. Tamén houbo importantes fuxidas, foi unha zona moi activa na guerrilla antifranquista… E é normal porque era unha sociedade cun grao de militancia moi elevado.

Ademais, explicas no libro, a dereita clásica pensaba que o dereito de gobernar lle correspondía de forma exclusiva e natural.

Igual que pasa agora. Estaban afeitos a mandar e a República só fora, para eles, un período intermedio que houbera que pasar antes de que volvese a orde. É o mesmo que pensa a dereita de Rajoy: consideran que o poder sempre foi deles, que lles é connatural. Despois, unha pequena burguesía, caldo de cultivo do fascismo, que quería mimetizarse coa alta burguesía e que non estaba disposta a que a clase obreira se puxese ao seu nivel en nada. Por iso digo que debían dicir de Amada, “dicen que la hija de Petronila, la redeira, Amadita, quiere ser concejala. Por Dios, una vergüenza!. La mujer de un obrero!”.

“É o mesmo que pensa a dereita de Rajoy: consideran que o poder sempre foi deles, que lles é connatural”

É certo. Imaxinas o que debían pensar os inimigos de Amada e, en xeral, de toda clase obreira que reivindicase os seus dereitos. “Os do goberno aprobaron o divorcio, municipalizaron os cemiterios, España rompe. Os concelleiros estes, un pescador, un carpinteiro, un albanel, un mecánico, non teñen preparación, chámanse camaradas nos plenos, uns anarquistas e comunistas que atacan a propiedade privada, que defenden o amor libre e berran Viva Rusia”.    
           
Si, e é a única parte do libro na que me permito non ser científico, fabular, imaxinar o que dirían. Pero é que sei o que pasaba en Ferrol tamén pola miña propia experiencia vital e familiar. O desprezo de clase. A dereita, que xa non é só unha cuestión de recursos económicos, senón de auténtica casta. En Ferrol había banqueiros, militares, bispos, terratenentes… que non estaban dispostos a que nada se movese, a que os de abaixo puidesen mandar.

Ademais, hai que ter en conta cal era o contexto da época: a dereitización de toda Europa. O nazismo en Alemania, a ditadura en Portugal, o partido nazi de Estados Unidos -que non lles gusta nada que lle lo recorden-, en Francia unha organización da dereita ía matando “rojos”... e tamén, polo outro lado, a impaciencia revolucionaria da esquerda, sobre todo no PSOE, que tamén a cito no libro. Largo Caballero estaba á esquerda do PC en moitas cousas...

“A dereita xa non é só unha cuestión de recursos económicos, senón de auténtica casta”

A lenda o que di é que Amada foi asasinada… por bordar unha bandeira. Un rol moi feminino, sen dúbida. Na causa militar contra ela, ademais da súa actividade política, falan de que fixera bocadillos para os revolucionarios.

A xente coa que falei di que efectivamente ela estaba preocupada polo home, que desaparecera, e que andaba preguntando por el. É normal, porque se escoitaban os tiros e Gabriel non volvía. É normal tamén que, nas súas circunstancias, negase a súa militancia e se puxese como unha pobre muller que só buscaba o seu marido. Mais está claro que si foi militante e que si foi ao concello para participar na resistencia contra o golpe. Non foi só para facer bocadillos e para carretar auga, como din algunhas testemuñas e como ela mesmo asegurou na súa declaración.

"É normal que, nas súas circunstancias, negase a súa militancia e se puxese como unha pobre muller que só buscaba o seu marido"

Tamén é verdade que o único que fixeron foi requisar armas e deter algúns dereitistas. Na causa contra ela di que ela dicía que había que tiralos ao pozo, cousa que ela negou. Porque nin os tiraron ao pozo, nin ían envelenalos como tamén se dixo, nin lles fixeron nada. Prendéronos, simplemente. Pois eses foron os “vingadores” que despois os acusaron. O único sitio no que pasou algo foi no pazo de Piñeiro, que era dunha familia moi conservadora que se negou a darlles as armas, e acabaron a tiros, mais foi moito menos do que contou a prensa e non houbo máis incidentes armados. O exército tiña medo de ter máis resistencia en Mugardos, pero nin a houbo, porque xa caera Ferrol e sabían que non tiñan nada que facer.

A cuestión é que foi represaliada pola súa actividade política. Ou, máis ben, como di a súa neta Amada Toimil nun documento que recolles no libro, por ser muller, republicana e de esquerdas. Unha muller de clase obreira que se atrevía a ter e manifestar publicamente ideas avanzadas.

É que dicir que morreu inxustamente por tecer unha bandeira é minimizala. Ademais, todos os asasinados polos golpistas morreron inxustamente. Pero é que Amada nin sabía bordar. A bandeira existiu e Amada levouna, pero bordouna unha bordadora, e o deseño fixérao o seu home, Gabriel Toimil.

"Dicir que morreu inxustamente por tecer unha bandeira é minimizala"

Que pasou con isto? Amada tivo dous defensores. O primeiro foi o tenente de intendencia Octavio Fernández-Herrerín. O segundo, que substitúe ao primeiro cando este marcha para a guerra, foi o capitán de artillería Francisco López de Ayala, que era un home culto que tentou defendela presentándoa como unha Mariana Pineda. É a mesma lenda: a nai que é condenada por bordar unha bandeira a causa da vinganza dun home poderoso namorado dela ao que ela rexeitara. O que di Amada é que fora Manuel Vázquez Fariña, o alcalde de Mugardos, quen quixera vingarse dela tras rexeitar as súas propostas amorosas. Eu entendo que Amada declarase iso, mais é improbable que fose así, porque falei con testemuñas que me indicaron que a orientación sexual de Manuel era outra.

"O capitán López de Ayala era un home culto que tentou defendela presentándoa como unha Mariana Pineda"

Sen ter datos sobre a orientación sexual de Manuel Vázquez, ocórreseme pensar que, nese tempo, ben podías ser homosexual, verte obrigado a finxir que eras heterosexual e ademais comportarte como un machista máis. Acosando mulleres como xeito de mostrar poder. Iso explicaría que teñamos ese documento, tamén incluído no teu libro, no que ela di ser só vítima da vinganza del. Agás que estivese pasando algo máis, que ela descoñecese.

Podería ser, mais eu non creo que Manuel Vázquez a acosase. De feito, o argumento do acoso de Manuel Vázquez aparece despois de que comezase a defendela López de Ayala que, como dicía, era un home culto que puido pensar como estratexia da defensa presentala coma unha pobre Mariana Pineda. Pero é que non é só iso. Cando Antonia Cartelle e a súa comadre Carmen, por mediación de López de Ayala, conseguen entrevistarse cun vocal do tribunal para tentar interceder por Amada, o militar é claro: “Señoras, por mil vidas que tuviera Amada García, con esa gente de enemiga, tantas beatas falsas, mil una vida que tuviera también la perdería”.

"Hai un informe cheo de mentiras, sobre a “actuación revolucionaria” no distrito de Mugardos"

Hai un informe cheo de mentiras, sobre a “actuación revolucionaria” no distrito de Mugardos, centrado en acusar o médico Eduardo Sánchez, o alcalde Juan Prieto, o secretario José Tenreiro, a Elena Leira e a Amada García, a Ángel Rodós e a súa filla, a Antonio e Manuel Gallego Durán e a José Vázquez Mauriz e Ramón Ríos Sordo. Pois este documento, incluído na causa 42/1937 da Armada, fora redactado, segundo puiden saber por fontes fiables, polo tenente de artillería López-Sors, por Manuel Vázquez Fariña, por Esteban Cortizas Vilar, por outros dereitistas ou certas “damas pías” mugardesas. Houbo xente que tivo unha actitude mesquiña e que tentou prexudicar os acusados, da mesma maneira que houbo xente que tentou axudarlles.

"Tamén foron valentes e solidarios o alcalde de Pontedeume, os párrocos de Mugardos, de Meá e de Pontedeume, ou veciños de Mugardos e Ares"

López de Ayala foi reprendido e silenciado polo presidente do tribunal, que era o seu superior xerárquico. Tamén foron valentes e solidarios cos acusados o alcalde de Pontedeume, os párrocos de Mugardos, de Meá e de Pontedeume, ou veciños de Mugardos e Ares (coma Augusto Bayolo, Andrés Vilar, José Toimil, José Armada e Marcelino Agras), que sufriron ameazas de “procesamiento por falso testimonio” durante o consello de guerra por parte do presidente do tribunal e foron sancionados despois.

En resumo, por que molestaba Amada en Mugardos aos que tiñan o poder?

Amada milita en Socorro Rojo, na Asociación de Mujeres contra la Guerra y el Fascio, no “radio” comunista do PC en Mugardos, no Sindicato General Femenino… Como dixen, estivo presente no escenario nun mitin de Dolores Ibarruri, con Juan Prieto Balsa. O 16 de marzo do 1936 participa con Leonor Souto Varela, (do PSOE), Angelita Gelpi (de IR) e Juan Prieto Balsa nun mitin no cine Zárate, en Mugardos, organizado pola Fronte Popular en ‘Homenaje a la Mujer’.

O 11 de abril do 36 dá un mitin nunha parroquia, en San Xoán de Piñeiro, coa candidatura da Fronte Popular ao concello de Mugardos, para unhas eleccións que foron adiadas pola dimisión de Alcalá Zamora como presidente da República. O 14 de abril intervén en Mugardos nun acto conmemorativo do Día da República. O 1 de maio asiste á manifestación das organizacións sindicais de Ferrolterra coa famosa bandeira. Leva, si, unha bandeira coa fouce e o martelo, que non bordara ela, e encabeza unha “procesión cívica” desde diante da casa do Concello ata o Salón da Pedreira. Despois intervén nun mitin con Prieto Balsa e Juan Gallego.

"O Primeiro de maio leva, si, unha bandeira coa fouce e o martelo, que non bordara ela, e encabeza unha “procesión cívica” desde diante da casa do Concello"

Desta maneira, Amada García non foi nin unha pobre muller nin unha heroína. Foi unha militante, unha das protagonistas da militancia política de esquerdas e democrática na República, ata que lle cortaron a vida. Converteuse nun símbolo e foi mesmo considerada como unha mártir... Unha veciña contábame que lle rezaban, ata que a súa irmá lles explicara que non era unha santa… Amada García foi, en fin, represaliada pola súa militancia política e non por bordar unha bandeira.

"Amada foi, así, unha vítima máis da represión dos golpistas"

Amada foi, así, unha vítima máis da represión dos golpistas. A represión en Mugardos comparte as súas características básicas coa de todo Ferrolterra e coas peculiaridades sociolóxicas que lle corresponden a Mugardos, unha vila moi xerarquizada, coas clases sociais moi polarizadas. Arriba, -xa o explico no libro-, os rendistas, armadores, industriais, titulados -médicos, cregos, profesores, oficiais da armada e do exército-, e ao seu lado comerciantes e empregados en postos do estado.

Estas dúas clases sociais mandaran sempre en Mugardos. Mais tamén había moitos militares da Armada, e moitos obreiros do sector naval e pescadores, que se organizan a primeiros de século en partidos e sindicatos de esquerda. O que pasa na República é que aquelas normas que sempre se mantiveran foron cuestionadas e rotas. Os obreiros reivindicaban os seus dereitos... 

"O que pasa na República é que aquelas normas que sempre se mantiveran foron cuestionadas e rotas. Os obreiros reivindicaban os seus dereitos..."

Hai algo que soa raro en toda a historia. En decembro do 1936 o seu home, Gabriel Toimil, foi liberado no cárcere da “Escollera” do Arsenal de Ferrol. O mesmo día levantaron o arresto domiciliario a Amada. Pero a ela volveron detela e xa non a soltaron máis, ata fusilala. Mais a el liberárono e non volveron molestalo.                            

É chocante, si, que a el non lle pasase nada e que a ela a acabasen fusilando. Mais é moi difícil atopar datos que o expliquen. El era un home queimado, amargado, iso si podo afirmalo. Abandonou Ferrol e deixou a Gabriel coa familia da nai e á filla coa familia del. Marchou, déronlle un traballo cualificado no arsenal de Cartagena e non volveu ata que era maior, cando se xubilou. Fora detido, mais non lle pasou absolutamente nada máis, malia ser considerado tamén un tipo perigoso para a nova “orde”. Podería dicirse que foi vítima indirecta dunha situación que o desbordou.

"Podería dicirse que Gabriel Toimil Dopico foi vítima indirecta dunha situación que o desbordou"

No consello de guerra de Amada foron sentenciadas a morte outras 23 persoas, cinco a cadea perpetua, cinco a 20 anos, tres a 12 anos e seis absoltas. Despois a sentencia foi revisada e conmutaron 16 penas de morte e estableceron reducións de condenas a prisión. Amada foi executada con 7 compañeiros máis. Estivera no cárcere e no castelo de San Felipe con Elena Leira, que tamén era nai, pero a Elena conmutáronlle a pena de morte. Elena pertencía a unha coñecida familia de Pontedeume e conseguiu a conmutación, segundo todas as referencias recadadas, mediante un suborno. Así era...

Bernardo Máiz © Xan Rubia
Amada García Dominio Público Nomes e Voces

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.