A Audiencia de Madrid recoñece que as esculturas do Mestre Mateo son do Concello de Santiago, pero seguirán en poder dos Franco

As dúas esculturas do Mestre Mateo en poder dos Franco ©

A nova sentenza deixa claro que as estatuas nunca puideron saír legalmente do patrimonio público

A Audiencia Provincial de Madrid desestimou o recurso presentado polo Concello de Santiago contra a sentencia ditada o pasado mes de febreiro por un xulgado de primeira instancia en relación coas esculturas do Mestre Mateo en poder da familia Franco. A sentenza mantén de momento as dúas estatuas en mans dos herdeiros do ditador, aínda que introduce novidades en relación ao polémico ditame emitido hai uns meses pola xuíza Adelaida Medrano.

Aquela sentenza recoñecía á familia Franco como propietaria lexítima das esculturas, sinalando a "pasividade" da corporación municipal á hora de reclamar as estatuas ao facelo "63 anos despois" de que pasasen a mans dos herdeiros do ditador. Tralo recurso do Concello de Santiago, a Audiencia de Madrid establece sen lugar a dúbidas que as estatuas son de propiedade municipal. Porén, desestima a reclamación presentada ao entender que non queda suficientemente acreditado que as estatuas do Mestre Mateo, adquiridas en 1948 polo Concello e declaradas Ben de Interese Cultural pola Xunta sexan as mesmas que están en poder dos herdeiros do ditador.

O Concello de Santiago está a valorar nestes momentos a conveniencia de apelar ou non esta sentenza, en base ás posibilidades coas que contaría un recurso no Tribunal Supremo, seguinte instancia xudicial.

A sentenza sinala que "a cuestión angular é a identificación das estatuas e a comprobación de se son aquelas que foran adquiridas no seu día polo Concello de Santiago ou ben se trata doutras"

A nova sentenza, a pesar de incidir igualmente na inacción do Concello de Santiago durante décadas ("é verdade que o Concello foi incapaz de determinar que foi o ocorrido coas estatuas a partir da adquisición das mesmas e non consta que fosen incorporadas de maneira máis ou menos permanente ao acervo do Concello de Santiago"), deixa claro que as estatuas nunca puideron saír legalmente do patrimonio público. O ditame conclúe que as esculturas "formando parte do patrimonio histórico serían imprescriptibles e limitadamente enaxenables", xa que só poderían ser vendidas a outras institucións públicas, de acordo coa Lei de Patrimonio Artístico da República, de 1933, vixente durante a ditadura.

Busto de Franco no Pazo de Meirás Dominio Público @rubencela

Con todo, a sentenza sinala que "a cuestión angular sobre a que pivota todo o procedemento é a identificación das referidas estatuas e a comprobación de se as mesmas son aquelas que foran adquiridas no seu día polo Concello de Santiago ou ben se trata doutras". Neste punto, o recurso presentado polo concello compostelán achegara un gran número de probas documentais, encabezadas polo informe pericial realizado por Yzquierdo Perrin, apoiado na descrición das estatuas realizada no seu día por Fermín Bouza Brey e publicada en 1933 no Boletín da Real Academia Galega.

O xuíz Pedro Pozuelo desbota o informe do perito e conclúe que "a descrición que se fai das estatuas resulta verdadeiramente parca, ambigua e carente de calquera precisión"

Porén, o xuíz Pedro Pozuelo desbota o informe do perito e conclúe que "a descrición que se fai das estatuas que foron transmitidas por medio de escritura pública resulta verdadeiramente parca, ambigua e carente de calquera precisión". Ademais, teima en dubidara das descricións realizadas por Bouza Brey e Yzquierdo Perrin (nas que se afirma que unha das estatuas ten unha pequena fenda), sinalando que esta fenda non aparece nas esculturas en poder dos Franco. Con todo, dende o Concello destácase que "unha atenta mirada a unha das esculturas reivindicadas revela que ten unha fractura lixeiramente diagonal á altura de media perna".

A propia Xunta acreditou durante o proceso da declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) que se trata das mesmas estatuas. Pero o ditame emitido polo xuíz Pozuelo desbota tamén a declaración efectuada pola Xunta, afirmando que "carece do carácter de informe pericial".

De forma sorprendente, a sentenza apoia as súas conclusións en que "o feito de que o réxime tivese un carácter ditatorial, non significa que as diversas corporacións municipais lle regalasen graciosamente calquera ben que o Xefe do Estado e a súa dona puidesen desexar"

Deste xeito, a sentenza conclúe que "aínda cando poida afirmarse que a Corporación Municipal demandante efectivamente puido adquirir tres estatuas (...) o que non logra acreditar é que a identidade desas estatuas sexa exactamente a mesma que as estatuas poseídas polos demandados".

De forma sorprendente, a sentenza apoia as súas conclusións en que "resulta estraño e verdadeiramente inconcibible que unha Corporación Municipal se desfaga dunhas pezas de tan notable importancia e se cedan sen constar en documento ningún nin tomar acordo municipal ningún". E, neste senso, o xuíz opina que "o mero feito de que o réxime instaurado no seu día polo referido Xefe do Estado tivese un carácter ditatorial, iso non significa que por ese só feito as diversas corporacións municipais e as diversas autoridades lle regalasen graciosamente calquera ben que o Xefe do Estado e a súa dona puidesen desexar". 

A sentenza emitida en febreiro sementara dúbidas mesmo sobre a propiedade das estatuas e foi moi criticada polo seu contido e polos vínculos da xuíza coas altas xerarquías do réxime franquista

Xa o pasado mes de febreiro o xulgado número 41 de Madrid deu a razón á familia Franco, sementando dúbidas mesmo sobre a propiedade das estatuas, sinalando a "pasividade" da corporación municipal á hora de reclamar as estatuas ao facelo "63 anos despois" de que pasasen a mans dos herdeiros do ditador. O Concello de Santiago recorreu a sentenza, rebatendo os tres principais argumentos da maxistrada, Adelaida Medrano.

O recurso de apelación facía unha crítica a tres dos argumentos da sentenza de primeira instancia: o que sinalaba que non quedara demostrada a entrega das estatuas ao Concello, o relacionado á identificación das pezas e o que apela ao principio de usucapión para determinar que as figuras pertencen aos familiares do ditador polo tempo transcorrido desde que están na súa posesión.

Ademais, os investigadores Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho denunciaron que a autora da sentenza "ten unha relación familiar coas altas xerarquías do réxime franquista e co propio xeneral Franco”. Medrano é neta por parte de pai de Carmelo Medrano Ezquerra, “golpista de primeira hora”.

Documentos achados polo Concello de Santiago sobre a adquisición das esculturas © Concello de Santiago

Hai dous anos o Concello de Santiago presentou a documentación que acreditaba que as esculturas son propiedade municipal

En setembro do ano 2017 o Concello de Santiago presentou a documentación que acreditaba que as esculturas son propiedade municipal, un documento notarial de compravenda do ano 1948, momento que en que o Concello as adquiriu por 60.000 pesetas. Nese documento condiciónase a venda a que as esculturas non saian do patrimonio municipal nin por enaxenación, doazón, concesión de depósito ou calquera outra figura, xa que en caso contrario debería indemnizarse ao vendedor con 400.000 pesetas.

Dende este mes de setembro, a familia do ditador está obrigada a amosar ao público as esculturas, en virtude da declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) destas esculturas -e das outras sete do Mestre Mateo procedentes da desaparecida portada exterior occidental da catedral de Santiago-.

A resolución da Consellería de Cultura que iniciaba o proceso para a declaración BIC lembraba que "en 1948, o Conde de Ximonde vendeu ao Concello de Santiago as esculturas coa condición de que nunca abandonasen a cidade" e que "as esculturas estiveron na escaleira do Pazo de Raxoi ata que pasaron a mans particulares".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.