O pasado 8 de febreiro, unha sentenza en primeira instancia daba a razón á familia Franco no xuízo no que o Concello de Santiago reclamaba a propiedade das estatuas do Mestre Mateo. A xuíza baseou a súa desestimación da demanda en diferentes aspectos e tirou do principio de usucapión, xa que logo, da posesión pacífica, pública, continuada e non interrompida dun ben. Argumenta que os Franco pasaron por moito dos seis anos de posesión que se especifican neste caso, ao ter transcorridos 63 desde que se fixeran coas esculturas e ata a súa reclamación. E obvia calquera tipo de excepcionalidade represora ou ditatorial do réxime franquista, nun ditame ao que o Consistorio presentou recurso esta semana e que chegou cargado de polémica.
“A autora da sentenza ten unha relación familiar coas altas xerarquías do réxime franquista e co propio xeneral Franco”
Á marxe do controvertido relato que achega a sentenza, hai máis datos que chaman a atención. A maxistrada que a asina é Adelaida Medrano Aranguren, con dous apelidos que lle “saltan” a calquera estudoso do franquismo e da ditadura en España. Así lles ocorreu aos investigadores Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago (USC), e Antonio Míguez Macho, doutor en Historia e investigador Ramón y Cajal tamén na USC. As sospeitas eran comprobables e así o fixeron a través de “datos e informacións de carácter histórico, contrastables e públicos”. “A autora da sentenza ten unha relación familiar coas altas xerarquías do réxime franquista e co propio xeneral Franco”, advirten. Tan fonda que "supón a creación dunha rede, dunha cultura, unha forma de entender os demais", aínda que iso non implique compartir ideoloxía aínda que si contexto.
Esta relación é demostrable, un feito, explican a Praza.gal. E a sentenza, tamén analizada por ambos, un texto "cargado de erros históricos graves" e cun relato histórico no que se fundamenta o ditame; un relato que "referenda a memoria e o discurso da propia ditadura" sobre o que pasou e, ao tempo, da propia memoria da xuíza, que non parece "percibir a diferenza entre as circunstancias dun réxime ditatorial e os dunha democracia". "Para ela é un continuo", explican.
Adelaida Medrano ten relación coas elites franquistas por ambas pólas. É neta por parte de pai de Carmelo Medrano Ezquerra, “golpista de primeira hora”, destaca Míguez Macho. Era capitán destinado en Melilla e un dos conspiradores na reunión que puxo en marcha o golpe de Estado. “Estaba alí aquel 17 de xullo ás 17 horas, momento indicado para o golpe, e tivo unha actuación que non foi un simple apoio, senón unha rebelión contra os seus superiores pistola en man”, engade Fernández Prieto.
En canto ao avó materno, Celestino Aranguren Bourgón, foi tamén militar golpista, fixo toda a súa carreira no réxime ditatorial, no que ascendeu a xeneral de División ou foi nomeado conselleiro militar do Consejo Supremo de Justicia Militar. Ademais, participou activamente na creación de Sofico (Sociedad Financiera Internacional de Construcciones), sendo un dos conselleiros, unha empresa na que participaban militares e maxistrados da época, quebrada en 1974 –dous anos despois da súa morte-- e provocando o maior escándalo financeiro do franquismo.
A xuíza Adelaida Medrano é neta de dous militares golpistas, un deles parte do Estado Maior de Franco durante a guerra civil, e filla dun capitán de Infantería durante o franquismo
A importancia destas figuras no golpe militar, na guerra civil e logo no réxime imposto, en especial do primeiro, foi tal que na voda dos pais da maxistrada, en 1962, atópanse como testemuñas a Salgado Araújo, curmán de Franco, Carrero Blanco, Alonso Vega ou Muñoz Grandes, recoñecidos “xerarcas da ditadura”. A hemeroteca e xornais como o ABC ou o propio BOE permiten comprobalo nas novas sobre o casamento.
Carmelo Medrano Ezquerra mantivo con Franco, como lembra Míguez Macho, “unha relación política de fidelidade manifesta que se traduciu no nomeamento dunha serie de cargos relevantes que el contestou con evidentes expresións de lealdade”. Traballou ao servizo do Estado Maior do ditador en Burgos, era quen lle facilitaba os partes de guerra, foi un dos comisionados que negociou a rendición do Exército Republicano e un dos asinantes do “parte de la victoria”, xusto debaixo da firma de Franco. Logo ocupará cargos asociados aos servizos de instrución do Estado Maior e será un dos impulsores do Ceseden (Centro Superior de Estudios de la Defensa Nacional), ademais de ser nomeado subsecretario do Ministerio do Exécito en 1964 e exercer como director da revista Reconquista entre 1957 e 1969.
O seu fillo, pai da xuíza, Carmelo Medrano Salto, mantívose inserido na carreira militar ao abeiro do franquismo. Comezou a carreira militar durante o franquismo e foi capitán de Infantería na década dos 60 ao igual que o seu cuñado, Félix Porras Blanco; ascenderá a xeneral e ocupará diversos cargos militares, ademais de exercer tamén de director da Revista Ejército Español.
“Fixo carreira militar dentro das estruturas centrais do Exército franquista e non hai constancia de ningún tipo de desencontro co réxime”, indica Míguez Macho, que insiste en que o relatado “son feitos históricos” tan comprobables como o feito de que a xuíza tiña publicado nos últimos cinco anos unha inxente cantidade de artigos na revista do Centro de Estudios Financieros ou que que unha das súas irmás sexa conselleira de Telefónica e outro directivo dun fondo de capital risco, Abraxa Integrated Financial Solution. Esta empresa está participada por Técnicas Reunidas, firma de Juan Lladó e na que exerce de xefe de Recursos Humanos Francisco Martínez Bordiu de Bucas, curmán dos netos de Franco.
“Non é que na familia haxa unha relación co franquismo, é que é cultural e antropolóxico. Son vodas, bautizos, enterros... Supón a creación dunha rede, dunha cultura, unha forma de entender os demais, que non implica que se herde ou non a ideoloxía”, engade Fernández Prieto.