Nunha das últimas visitas guiadas no Pazo de Meirás, as estatuas de Isaac e Abraham seguían alí, na capela. Os Franco locen e amosan con orgullo as dúas figuras orixinarias do Pórtico da Gloria, logo propiedade do conde de Ximonde, mercadas en 1948 polo Concello de Compostela e en mans da familia do ditador desde hai máis de 60 anos tras unha suposta adquisición da que non hai documentación ningunha. Este pasado luns arrincou en Madrid o proceso xudicial polo que o consistorio santiagués reclama a titularidade das esculturas ante os herdeiros do xeneral fascista, que insisten nas artimañas para dilatar e atrancar calquera solución.
Os netos do ditador alegaron nun primeiro momento que non podían ser os demandados por non ter aceptado aínda a herdanza da súa nai
A demanda municipal foi presentada hai máis dun ano contra Carmen Franco, falecida en decembro de 2017. Ante o seu pasamento, a querela foi redirixida cara aos seus herdeiros, os sete netos do ditador, que alegaron que non podían ser os demandados porque non aceptaran aínda a herdanza. Esa foi a cuestión previa que este luns se tiña que dilucidar no Xulgado de Primeira Instancia número 41 de Madrid, logo de que os denunciados advertiran de que o destinatario da querela debía ser Luis Felipe Utrera-Molina, fillo do ex-ministro franquista e testamenteiro universal da herdanza de Carmen Franco.
"Unha estratexia dilatoria, unha trapallada", definiu Martiño Noriega, alcalde de Santiago."Din que non aceptaron aínda a herdanza pero xa puxeron á venda o Pazo de Meirás e outras propiedades en Asturias e Madrid", engade Xoaquín Monteagudo, letrado do Concello, respecto da artimaña. Non é a única. Comezada esta vista previa o luns, a xuíza pregunta ao avogado dos Franco sobre as noticias de que un dos herdeiros tería transmitido a unha sociedade mercantil a súa participación nas esculturas. Ante a sorpresa da maxistrada, confirmou esa operación ademais de aclarar que, obviamente, os fillos tiñan aceptado xa a herdanza de súa nai.
O avogado dos Franco advertiu á xuíza de que un dos herdeiros vendeu a súa parte das esculturas á súa propia inmobiliaria
Foi Francisco Franco Martínez-Bordiú quen anunciou hai un mes á Xunta a súa intención de vender a unha das súas empresas --a inmobiliaria Pristina-- a parte que lle corresponde do Pazo de Meirás, comunicación á que lle obriga a Lei de Patrimonio Cultural por ser o inmoble un Ben de Interese Cultural (BIC). Nesa operación de traspaso da parte da súa herdanza á súa sociedade mercantil engadiu, segundo dixo o seu letrado, a parte que lle corresponde das esculturas do Mestre Mateo, propiedade agora de seis fillos de Franco e dunha empresa con sede en Madrid, co neto do ditador como administrador único e cuxos activos ascenden a uns 18 millóns de euros.
A xuiza viuse obrigada a atrasar de novo o proceso, até o 19 de novembro, tras o anuncio dos Franco da venda de parte das estatuas
Con sorpresa e enfado, a xuíza viuse obrigada a atrasar de novo o proceso até unha nova vista o vindeiro 19 de novembro. Antes, preguntou ao avogado dos Franco como non se advertira antes desa operación de venda nin se demostrara documentalmente, algo que deberá facer en catro semanas. "Iamos preparados para discutir sobre a aceptación ou non da herdanza e atopámonos con isto, sen previo aviso e sen achega documental ningunha", conta Monteagudo, que aclara que non se pode "fiar" das afirmacións do letrado da familia do ditador, que terá agora que demostrar o manifestado.
Esculturas de Abraham e Isaac, o pasado mes de setembro no Pazo de Meirás / CC-BY-SA Praza Pública
No fondo, como engade o letrado do Concello de Compostela, a cada vez máis clara evidencia dunha estratexia "dilatoria" que intenta agochar o feito de que os Franco "non teñen documento ningún que acredite a adquisición das esculturas". A súa estratexia limitarase, agás sorpresa, a defender a súa titularidade en base ao tempo que as figuras levan no seu poder.
A demanda municipal remontase á compra das figuras por parte do goberno local da época en 1948 por un total de 60.000 pesetas para que pasasen a formar parte "do patrimonio artístico desta cidade". A documentación achada polo Concello así o acreditaría. O consistorio mercoulle as pezas ao conde de Ximonde, Santiago Puga, nun acordo que implicaba indemnizar con 400.000 pesetas o propietario ou os seus herdeiros se deixaban de ser patrimonio público.
O Concello de Santiago achega a documentación achada que acreditaría a compra das esculturas ao conde de Ximonde
As pezas, detalla o texto da demanda, foron situadas na escalinata principal da casa do Concello, no Pazo de Raxoi, e alí as atoparon Franco e a súa dona cando, no ano Xacobeo de 1954, visitaron a cidade o 25 de xullo para participar na ofrenda ao Apóstolo e inaugurar o antigo hospital como Parador Hostal dos Reis Católicos. Carmen Polo amosou ante o daquela alcalde compostelán, Enrique Otero, un "interese insistente" nas esculturas, "suxerindo de forma inequívoca que pasasen á súa posesión".
Aínda que non existiu "formalidade ningunha" nin ningún acordo formal ao respecto, o certo é que o rexedor --no contexto da súa condición de subordinado do réxime ditatorial, evidencia a demanda-- deu en "compracer" a petición dos Franco. As históricas esculturas foron enviadas ao Pazo de Meirás e despois, á Casa Cornide da Coruña. Na súa seguinte aparición pública, na Exposición Internacional de Arte Románica celebrada en Santiago en 1961, xa apareceron como "cesións" do ditador e a súa esposa.
O Concello santiagués solicita ao xulgado que condene os Franco a devolver as esculturas para quedaren expostas no Museo da Catedral
As estatuas, sempre en propiedade dos Franco desde aquela, formaron parte dunha exposición no Pazo de Xelmírez, continuidade da que houbo no Museo do Prado entre novembro de 2016 e marzo de 2017, sobre a obra do Mestre Mateo. Ao finalizar, volveron ao Pazo de Meirás, onde permanecen ben á vista de calquera visitante que acceda á propiedade. O Concello santiagués solicita ao xulgado que condene os Franco a devolver as esculturas para quedaren expostas no Museo da Catedral.
"Foi unha usurpación ou roubo de patrimonio público para unha familia particular e nun contexto de ditadura política", di Noriega
Pero antes, os Franco insisten nas súas "estratexias dilatorias", como denuncia o alcalde compostelán, Martiño Noriega, que aínda así cre que unha vez iniciado o proceso "pódese esperar unhas semanas máis" no intento por demostrar que o que ocorreu con Abraham e Isaac "foi unha usurpación ou roubo de patrimonio público para unha familia particular e nun contexto de ditadura política".
Para fontes xurídicas implicadas no proceso, esta táctica dilatoria dos Franco é "infantil". "A suposta vantaxe de gañar tempo no proceso non compensa o prexuízo da súa imaxe pública, é incomparable", din. Todo nunha primeira vista na que a maxistrada fixo ver con claridade o seu enfado pola estratexia seguida pola familia do ditador.