O xulgado número 41 de Madrid vén de dar a razón, en primeira instancia, á familia Franco no xuízo no que ao Concello de Santiago reclamaba a propiedade das estatuas do Mestre Mateo. No ditame deste venres, a xuíza Adelaida Medrano desestima "integramente" a demanda da corporación compostelá.
Contra a sentenza, á que tivo acceso Praza.gal, cabe interpoñer recurso de apelación nos vindeiros 20 días, unha medida que será levada a cabo polo Concello. O ditame chega poucos días despois dun xuízo, celebrado hai unha semana, no que a familia do ditador teimou en reclamar a propiedade das esculturas malia non achegar documento ningún. Pero nin iso pareceu relevante para a maxistrada.
O Concello amosa a súa "fonda insatisfacción" por unha sentenza que desestima "integramente" a súa demanda e que será recorrida
A sentenza, segundo aclaran fontes municipais, deixa no Concello unha "fonda insatisfacción". Ademais, outras fontes xurídicas destacan a "sorpresa" que lles provocou comprobar que o ditame fose emitido tan só cinco días hábiles despois da vista oral. "Nun asunto de tal complexidade, semella pouco tempo", insisten.
A xuíza basea a súa desestimación da demanda en diferentes aspectos e tira do principio de usucapión, xa que logo, da posesión pacífica, pública, continuada e non interrompida dun ben. E os Franco pasaron de longo dos seis anos de posesión que se especifican neste caso, ao ter pasados xa 63 desde que se fixeran coas esculturas.
A maxistrada é contundente cando di que "non concorren os requisitos necesarios para a viabilidade da acción reivindicatoria dado que a parte actora non identificou os bens cuxa titularidade reclama, como tampouco o seu carácter de bens demaniais". Ademais, engade o feito de que, aínda nunha suposta identificación, "a titularidade dos bens tería sido adquirida pola demandada conforme ao dereito por medio do instituto da usucapión", polo que "a acción reivindicatoria tería quedado prescrita ao consumarse esta última".
A xuíza aclara que o Concello non identificou os bens nin o seu carácter demanial, polo que as pezas son dos Franco por "usucapión" e "a acción reivindicatoria" queda así "prescrita"
Un dos argumentos de Adelaida Medrano, esperado polos servizos xurídicos do Concello, foi precisamente a "pasividade" da corporación municipal á hora de reclamar as estatuas ao facelo "63 anos despois" de que pasasen a mans dos Franco.
Tamén cuestiona a maxistrada que o Concello identificase correctamente as pezas e que se correspondesen as que teñen os Franco coas compradas pola administración local. Todo malia que a documentación e probas achegadas nese aspecto foron obra dun catedrático de Arte especialista na Catedral de Santiago.
Ademais, tamén asegura que o Concello non deu demostrado que as esculturas foran efectivamente entregadas polo Conde de Ximonde ao Concello e cuestiona que poidan ser consideradas un ben de dominio público.
No ditame, a maxistrada considera que, logo de examinar os documentos achegados, as estatuas "nunca tiveron o carácter de bens de dominio público por adscrición a un determinado uso ou servizo público", como defendía o Concello, xa que non se puido acreditar que as pezas "tivesen estado no seu poder". "A simple compra non as fai de dominio público, senón a adquisición unida a un destino de uso ou de servizos públicos", di a xuíza, que considera que "ese extremo non quedou probado nin tan sequera de forma indiciaria".
A xuíza entende que o Concello non puido demostrar nin a entrega efectiva das esculturas, nin a súa identificación, nin tan sequera que fosen un ben de dominio público imprescriptible
Alude tamén á "pasividade do propio Concello" á hora de reclamar as estatuas e que durou, destaca, "63 anos", en referencia ao período de tempo no que terían estado en propiedade dos Franco tras seren espoliadas. "O argumento da súa natureza como bens de dominio público imprescriptibles é o único dos posibles para soster xuridicamente esta acción reivindicatoria", di, así como de "tratar de evitar as consecuencias que o transcurso do tempo causa na adquisición dos dereitos".
O xulgado entende que o Concello non achega documentación suficiente máis aló do expediente administrativo nin nada que probe "a entrega efectiva das estatuas ao Concello tras a adquisición e a decisión municipal sobre o seu emprazamenteo para dar inicio á súa condición de bens de uso ou servizo público".
"Preocúpanos que a sentenza sexa a escusa para non reclamar o Pazo de Meirás"
Desde o BNG, a súa portavoz nacional, Ana Pontón, denuncia que a sentenza é unha mostra de que "a xustiza defende os privilexios do franquismo". “O risco que temos é o dunha xustiza entregada á defensa dos privilexios do franquismo, é o que nós preocupa e hai que denunciar un proceso xudicial que nunha semana intenta pechar unha reivindicación que ten tras de si unha reivindicación democrática tan forte e que está fundamentada desde o punto de vista legal”, destacou.
“Non pode ser que a xustiza defenda os privilexios do franquismo, e preocúpanos que isto poida ser utilizado como escusa para non reclamar a propiedade do Pazo deMeirás", insistiu Pontón.
Nada máis coñecerse a sentenza, Compostela Aberta advertía nas redes sociais que chegarán "ata onde haxa que chegar para recuperar as estatuas e memoria e a dignidade". "Sabemos que o inimigo é poderoso. Décadas de impunidade e silencio non caerán dun día para o outro, menos cando a ultradereita se rearma nas rúas e nas institucións", dixo.