O Xulgado de Primeira Instancia número 41 de Madrid celebrou este venres o xuízo contra a familia Franco pola titularidade das estatuas de Abraham e Isaac do Pórtico da Gloria, logo da denuncia presentada polo Concello de Santiago para conseguir a devolución das figuras en mans dos herdeiros do ditador desde hai máis de 60 anos logo de que o Consistorio as adquirise en 1948.
O avogado dos Franco teima no xuízo en que a familia é a "lexítima propietaria" das esculturas pero non achega documento ningún que o acredite
Ningún dos descendentes dos Franco acudiu ao xulgado nunha vista oral na que o seu avogado teimou en que os herdeiros do ditador son os “lexítimos propietarios” tras adquirir as esculturas “a través dun particular”. Con todo, a defensa da familia do xeneral fascista confirmou que non ten proba documental ningunha desa suposta compra, tal e como alegaba e argumentou o Concello, que si achegou documentación que probaría a adquisición das figuras, que formarían parte do patrimonio público histórico-artístico da cidade.
“Estaremos satisfeitos cando a xustiza faga xustiza”, advertiu o alcalde compostelán, Martiño Noriega, á saída dos xulgados onde, di, “quedou demostrada a titularidade de dúas pezas do patrimonio histórico-artístico, que son propiedade do Concello de Santiago, para goce dos veciños e dos visitantes”. O rexedor, como dixo antes e despois da vista oral, confía en que a sentenza xere “un precedente” que permita recuperar o patrimonio “espoliado” pola ditadura, máis aló destas esculturas.
Na súa argumentación, a familia Franco insistiu, sen achegar proba ningunha, en que as esculturas lle pertencen porque foron mercadas a través dun anticuario a un particular, ademais de polo paso do tempo e a cantidade de anos que estiveron no seu poder. Segundo a súa versión, calquera reclamación tería prescrito xa e as figuras non poderían ser consideradas parte do patrimonio público histórico-artístico, senón súas e por mera tradición familiar.
O avogado do Concello de Santiago, Xoaquín Monteagudo, baseou a súa acción en desmontar con probas a defensa dos Franco, demostrando a titularidade das esculturas románicas con documentación e identificándoas, así como evidenciando a ausencia de calquera documento por parte da familia do ditador respecto da suposta propiedade das figuras.
O Concello achegou o contrato de compravenda e expedientes que acreditan a titularidade das figuras e espera que a sentenza "xere precedente" para recuperar o patrimonio espoliado polos Franco
“Fixemos un traballo documental intenso e unha exposición xurídica impecable”, engadiu Noriega, que espera que “a xustiza faga xustiza, dea a razón ao Concello e xere un precedente sobre o que foi un espolio do patrimonio de todas e todos ao longo dunha ditadura e en beneficio da familia dun ditador”.
O letrado da administración compostelá achegou copia da escritura pública co contrato de compravenda asinado polo alcalde Sarmiento Garra e o conde de Ximonde, Santiago Puga, que vendeu as figuras ao Concello en xuño de 1948 “para o patrimonio artístico da cidade” e condicionada a operación a que as figuras “permanezan indefinidamente no patrimonio municipal” Tamén do expediente administrativo previo á compra, baseado nun acordo plenario dun ano antes, no que se inclúen informes de expertos da época e polo que se aproba por unanimidade a adquisición das dúas estatuas “con destino a una plaza, un paseo o algún otro lugar estratégico de la ciudad”.
“Temos a escritura notarial de xuño de 1948, un documento público asinado polo daquela alcalde e o conde de Ximonde, así como documentación anterior con informes periciais ou dun famoso escultor compostelán... Non se pode pedir máis tendo en conta que son dos anos corenta”, explicou á saída da vista oral Monteagudo, que cre “claro” que a argumentación fundamental dos Franco é a prescrición e o paso do tempo. “Neste caso tan singular, non hai prescrición posible”, engadiu.
Xa que logo, o Concello argumentou que as figuras, xunto a outra terceira, foron adquiridas polo Concello e instaladas no Pazo de Raxoi. Ademais, e ante as posibles dúbidas sobre a identificación das estatuas coas compradas daquela, o letrado achegou un informe pericial de Yzquierdo Perrín, especialista en arte e na fachada medieval da Catedral. Nel, relata o itinerario das figuras, o proceso de adquisición e a súa aparición na exposición El Arte Románico, de 1961, así como no seu catálogo, onde se engade a anotación “Propiedad de Su Excelencia el Jefe del Estado”.
Os Franco din ser propietarios das esculturas por tradición familiar e polo paso do tempo e aseguran que as adquiriron "a un particular a través dun anticuario"
O perito Yzquierdo Perrín, que compareceu tamén no xuízo, aclarou que, entre 1948 e 1961, “en momento e por razón imprecisa”, as dúas figuras adquiridas polo Concello ao Conde de Ximonde “pasaron ao daquela Xefe do Estado”. “Non hai dúbida ningunha”, respondeu ao ser preguntado sobre se as figuras dos Franco son as mesmas que as adquiridas polo Consistorio. Monteagudo argumentou, tamén, que os Franco nunca se atreveron a negar con rotundidade a identificación das estatuas nin achegaron proba pericial contraditoria.
Yzquierdo Perrín lembrou tamén que na Corporación non hai traza ningunha de acordo ou resolución pola cal as estatuas pasasen a mans dos Franco e que durante a súa investigación nos arquivos municipais non achou “documento ningún” que acredite esa adquisición. Ademais, a acción do Concello insistiu en que a familia do ditador non foi quen de probar nunca a súa lexítima posesión máis aló de referirse á “tradición oral da familia” que indicaría que o ditador e a súa muller as adquiriron “a un particular a través dun anticuario”.
A hipótese máis probable, como lembrou Monteagudo, é que co gallo da visita de Franco e a súa dona a Santiago no ano santo de 1954, o daquela alcalde Enrique Otero, fíxolles chegar as estatuas polo desexo de “compracer ou gañar o favor” do ditador e sen adoptar acordo ningún, acto xurídico nin formalidade legal. “É unha historia inventada”, retrucou o avogado da familia do ditador durante o xuízo.
O letrado dos Franco argumenta que non aparece “ningunha fotografía” das esculturas entre 1933 e 1961 porque, di, “nunca estiveron” onde o Concello di. Ademais, contradí a teoría de que as estatuas foron un agasallo polo “capricho” de Carmen Polo. “Non son unha caixa de bombóns, son estatuas de granito moi pesadas”, asegurou á prensa tras rematar a vista oral.
O Concello lembrou no xuízo que non hai proba directa daquela entrega, algo obvio polo contexto social e histórico da época, pero considerou iso “irrelevante” ante unha consecuencia xurídica persistente: “A máis absoluta e radical nulidade e a imposibilidade de que produza ningún efecto xurídico favorable aos demandados”. Xa que logo, mentres o Consistorio achega o título de dominio, co contrato de compravenda en escritura pública e o expediente administrativo previo, a familia Franco non achega proba ningunha da propiedade e limítase a apelar á tradición familiar.
“As razóns xurídicas da familia do ditador están amparando os privilexios dunha familia que se beneficiou dun contexto de ditadura; teñen ese grao de indecencia e de pouca consistencia e esperemos que ese pacto de silencio con estes privilexios remate”, engadiu Martiño Noriega á saída dos xulgados.