En setembro de 2017 o Concello de Santiago achou a documentación que certifica que as esculturas do Mestre Mateo nas mans da familia de Franco son patrimonio municipal. Un mes despois, en outubro, o goberno compostelán demandou a filla do ditador, Carmen Franco, para instala a devolver as figuras que formaran parte da composición orixinal do Pórtico da Gloria. No mes de decembro do mesmo ano Carmen Franco morreu e o consistorio da capital galega tivo que reformular a demanda para dirixila contra os seus herdeiros, que veñen de responder o goberno que encabeza Martiño Noriega acusándoo de pretender roubar as pezas. Fano un escrito no que o seu avogado argumenta que as obras non foron espoliadas, senón mercadas a "un anticuario" polo xeneral golpista e a súa dona.
A documentación incluída na demanda detalla que o Concello mercou as esculturas en 1948 ao conde de Ximonde, Santiago Puga, para integralas no "patrimonio artístico da cidade". Así, sinalaba o texto, as representacións de Abraham e Isaac foron situadas nunha escalinata do Pazo de Raxoi ata que Franco e a súa esposa, Carmen Polo, visitaron Compostela o 25 de xullo de 1954, cando o ditador acudira a realizar a ofrenda ao Apóstolo na Catedral e a inaugurar o Hostal dos Reis Católicos. No seu percorrido pola Casa do Concello deuse un "interese insistente" de Carmen Polo polas esculturas, "suxerindo de forma inequívoca que pasasen á súa posesión". Non houbo "formalidade ningunha", pero o certo é que na seguinte aparición pública das figuras, en 1961 co gallo dunha exposición, xa apareceron como "cesión" dos Franco.
Os netos do ditador retrucan ante o xulgado que os seus avós mercaron as esculturas a "un anticuario" e negan que o Concello de Santiago chegase a mercalas, como acredita a documentación achada polo goberno local
O escrito formulado polos herdeiros ante o xulgado de instrución número 41 de Madrid -onde residen- como resposta á demanda compostelá, ao que tivo acceso Praza.gal, pretende desmontala reducindo os seus argumentos a unha "subxectiva, parcial, falsa e tendenciosa relación de feitos" que interpretan como parte dun "intento de substracción por parte do Concello de Santiago" duns "bens lexitimamente adquiridos". Porque, afirma, Franco e Polo mercaron as esculturas a "un particular a través dun anticuario". Ademais, o Concello de Santiago nunca "recibiu realmente as estatuas", teorizan nun contexto no que ademais dan en mofarse do catedrático de Historia da Arte da Universidade da Coruña que certificou a autenticidade das pezas, Ramón Yzquierdo: "naceu o mesmo ano da sinatura do contrato" que esgrime o Concello e "en modo ningún pode asegurar que se fixese certa e real a transmisión das estatuas", a mesma que foi formalizada ante notario.
O ditador e a súa comitiva, na Praza do Obradoiro o 25 de xullo de 1954 / Almeida-La Noche
O avogado reduce a demanda compostelá a unha "arenga política" dunha "mesquindade atroz" e nega que Carmen Polo espoliase as figuras porque "o señor Francisco Franco non o consentiría de ningún xeito"
O avogado dos herdeiros de Franco mófase dunha demanda na que apenas ve "arengas políticas intranscendentes" dentro dunha versión dos feitos dunha "mesquindade atroz". Ninguén, subliñan, pode "crer" que as esculturas fosen "agasalladas" a Carmen Polo. Para tentar demostralo resaltan que "o señor Francisco Franco non o consentiría de ningún xeito" e ademais "non hai nin un só exemplo na súa traxectoria como xefe do Estado que puidese traerse a colación". Adicionalmente, proclaman, "as autoridades municipais do momento, indudidablemente, tampouco o permitirían" porque se "exporían" ao "escarnio popular". Neste sentido, o letrado carga tamén contra o Concello por evidenciar na súa demanda de que os feitos sucederon durante unha ditadura con nula marxe de manobra por parte do Concello. O franquismo, defenden, era un "lexítimo Estado de Dereito".
Sobre esta base, a memoria dos netos do ditador -"lembran dende sempre ditas estatuas na casa", din- é tamén alegado como argumento nun escrito que defende que o Concello nunca chegou a pagar polas esculturas, que os Franco as adquiriron e que, de existir algún dereito público sobre elas, xa está prescrito. "Minte, minte que algo queda", reta o avogado da familia.
Queren "evitar un precedente"
"Os bens de dominio público non poden prescribir", defenderá o Concello santiagués no proceso xudicial, que comeza o 15 de outubro cunha vista preliminar
O da prescrición é, precisamente, un dos argumentos que o Concello de Santiago rebaterá no proceso xudicial, cuxa vista preliminar está fixada para o vindeiro 15 de outubro. Fontes municipais consultadas por Praza.gal detallan que o goberno local defenderá que a lexislación en materia de réxime local permite defender que "os bens de dominio público non poden prescribir" e que as esculturas foron mercadas polo Concello, precisamente, para incorporalas a ese dominio público. O equipo xurídico municipal aludirá tamén á lexislación en materia de patrimonio histórico vixente no momento dos feitos, a lei da II República que declarou "de interese histórico" todos os bens de máis de 100 anos, os cales "non podían ser obxecto de transmición por prescrición", como aluden os Franco.
No Pazo de Raxoi admítese, non obstante, que este é un caso "historicamente singular", un asunto "único" e de gran complexidade porque, por exemplo, é a primeira ocasión na que a un xefe do Estado lle son reclamados nos tribunais bens dos que se "apropiou" hai ducias de anos, exemplifican as mesmas fontes. Neste sentido, o alcalde da cidade, Martiño Noriega, lamenta que os herdeiros do ditador se aferren ás "escusas de malos pagadores" para tentar "opacar unha apropiación indebida" e tentar así evitar un "precedente" cara a outros contenciosos como o do Pazo de Meirás.