Os Franco teñen a obriga, desde este xoves 5 de setembro, de amosar ao público as estatuas de Abraham e Isaac. Así se dispón na declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) destas esculturas --e das outras sete do Mestre Mateo procedentes da desaparecida portada exterior occidental da catedral de Santiago-- publicada este mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Os Franco deberán amosar ao público as esculturas un mínimo de catro días ao mes ou exhibilas nun lugar acordado un máximo de cinco meses en dous anos
A declaración BIC, proceso iniciado o pasado mes de febreiro e aprobado en xullo polo Consello da Xunta, non afecta á propiedade dunhas figuras que reclama o Concello de Santiago xudicialmente pero que se manteñen no poder da familia do ditador. No entanto, si obrigará aos Franco a “permitir a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente”.
De non optaren por esta opción, os herdeiros do xeneral fascista poderán acordar co Goberno galego unha alternativa: o depósito destes bens nun lugar “que reúna as adecuadas condicións de seguridade e exhibición durante un período máximo de cinco meses cada dous anos”.
A tal hora, se non houbo mudanzas nas últimas semanas, as esculturas que representan os profetas identificados como Abraham ou Xeremías e Isaac ou Ezequiel atópanse nunha das entradas do Pazo de Meirás, outro BIC propiedade dos Franco e cuxa obriga de ser aberto ao público un mínimo de días ao mes non é sempre cumprida. De feito, e logo de impoñerlle multas hai dous anos por irregularidades, a Xunta volveu abrir este verán un expediente para investigar os atrancos denunciados por varios visitantes.
Pouco antes, ademais, Xunta e Concello de Sada uníronse á demanda do Estado para botar aos Franco do Pazo e lograr a reversión da propiedade ao patrimonio público. Na súa demanda o Estado pide a nulidade da doazón de Meirás ao "autoproclamado Xefe do Estado", do posterior contrato de compravenda e da transmisión do inmoble aos herdeiros do ditador, para os que reclama a condena a devolver a propiedade.
As figuras atópanse no Pazo de Meirás, outro BIC propiedade dos Franco, aos que investiga a Xunta por se volveron incumprir as obrigas que implica esa condición
A declaración BIC das estatuas do Mestre Mateo supón tamén para os seus propietarios o deber de “conservalas, mantelas e custodialas debidamente e evitar a súa perda, destrución ou deterioración”, ademais de permitir o acceso ao persoal habilitado para a inspección, ao persoal investigador ou ao persoal técnico que encargue a Administración para realizar os informes necesarios. Neste caso, os Franco tamén poden optar pola alternativa de depositar nunha institución que indique a Xunta as estatuas durante un período máximo de dous meses cada cinco anos. Alén disto, deberá comunicarse “calquera dano ou prexuízo” que sufrisen as esculturas e que “afecte de forma significativa o seu valor cultural”:
A Xunta, ademais, terá “dereito de tanteo e retracto” no caso de que os Franco decidisen nalgún momento desfacerse das figuras e deberá tamén solicitar autorización para calquera traslado.
Todas estas condicións son aplicables tamén para as sete figuras restantes que non están en poder da familia do ditador pero que se atopan xa en institucións públicas, como o Museo da Catedral de Santiago ou o Museo de Pontevedra. As de Isaac e Abraham, como indica a propia declaración BIC, forman parte dunha “colección particular”, a dos Franco, malia que o Concello de Santiago atopou os documentos que certifican a propiedade municipal.
Os vínculos con Franco da xuíza que desestimou a demanda
Nos últimos dous anos, o Parlamento de Galicia e o Congreso aprobaron por unanimidade peticións para que os herdeiros do ditador devolvesen estes bens aos seus lexítimos propietarios. O Concello compostelán presentou unha demanda xudicial para que as estatuas regresasen ao patrimonio público, pero o xulgado número 41 de Madrid desestimou "integramente" a demanda do Concello, que recorreu e continúa coa batalla xudicial.
Investigadores da Universidade de Santiago, coñecida a sentenza, desvelaron os vínculos da xuíza que a ditou coa familia Franco e coa alta xerarquía franquista, ademais de denunciar un relato que "referenda a memoria e o discurso da propia ditadura".
Desde o Concello de Santiago, o seu alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, asegura que se levarán a cabo "todas as accións ao alcance para intentar recuperar a posesión deses bens", aínda que aclara que "todo dependerá do que digan os tribunais". Segundo o rexedor, o feito de que no recurso se incorporasen documentos dos anos 50, que non se achegaran e que certificarían a propiedade municipal, aumentan a "esperanza". "Preparámonos para gañar", aclarou.
A xuíza que deu a razón á familia do ditador sobre a propiedade das esculturas ten estreitos vínculos coas altas xerarquías do réxime de Franco
A resolución da Consellería de Cultura que iniciaba o proceso para a declaración BIC lembraba que "en 1948, o Conde de Ximonde vendeu ao Concello de Santiago as esculturas coa condición de que nunca abandonasen a cidade" e que "as esculturas estiveron na escaleira do Pazo de Raxoi ata que pasaron a mans particulares".
O 25 de xullo de 1954 Francisco Franco e a súa dona Carmen Polo visitaron Compostela para participar na ofrenda ao Apóstolo e inaugurar o antigo hospital como Parador Hostal dos Reis Católicos. Carmen Polo amosou ante o daquela alcalde compostelán, Enrique Otero, un "interese insistente" nas esculturas, "suxerindo de forma inequívoca que pasasen á súa posesión". Aínda que non existiu "formalidade ningunha" nin ningún acordo formal ao respecto, o rexedor accedeu á petición da esposa do ditador, enviándolle as esculturas.
Mentres, os netos do ditador retrucaron ante o xulgado que os seus avós mercaron as esculturas a "un anticuario" e negan que o Concello de Santiago chegase a mercalas, como acredita a documentación achada polo goberno local.