O Consello da Xunta aprobou este venres a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) das nove esculturas do Mestre Mateo procedentes da desaparecida fachada occidental da catedral de Santiago. Sete delas atópanse en institucións públicas, como o Museo da Catedral de Santiago ou o Museo de Pontevedra, pero as dúas restantes, propiedade do Concello de Santiago, seguen en poder da familia Franco.
A declaración obriga aos herdeiros do ditador a permitir visitas catro días ao mes para ver as dúas estatuas que mantén no seu poder
A declaración BIC, aínda que non afecta á propiedade dos elementos patrimoniais, obrigará aos herdeiros do ditador a permitir que as dúas esculturas -que representan os profetas identificados como Abraham ou Xeremías e Isaac ou Ezequiel- sexan visitadas polo público cando menos durante catro días ao mes. Ademais, supón para eles o deber de garantir a súa protección e conservación. O Pazo de Meirás ten a consideración de Ben de Interese Cultural en virtude dun decreto aprobado no ano 2008 polo Goberno de coalición de PSdeG e BNG contra os que os Franco litigaron sen éxito nos tribunais.
O proceso para a declaración iniciouse en febreiro do pasado ano. Neste tempo, a tramitación do expediente non recibiu alegacións no período de información pública e, ademais, contou con informes favorables da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, do Consello da Cultura Galega e do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. Segundo estes informes, os elementos escultóricos acreditan o valor suficiente para ser declarados BIC e, desta forma, contan co máximo nivel de protección e tutela previsto na lexislación vixente.
A pasada semana Xunta e Concello de Sada uníronse á demanda do Estado para botar aos Franco de Meirás
Nos últimos dous anos o Parlamento de Galicia e o Congreso aprobaron por unanimidade peticións para que os herdeiros do ditador devolvesen estes bens aos seus lexítimos propietarios. Así mesmo, o Concello de Santiago presentou unha demanda xudicial para que as estatuas regresasen ao patrimonio público. Porén, o xulgado número 41 de Madrid desestimou "integramente" a demanda compostelá.
A pasada semana Xunta e Concello de Sada uníronse á demanda do Estado para botar aos Franco do Pazo de Meirás e a reversión da propiedade ao patrimonio público. Na súa demanda o Estado pide a nulidade da doazón de Meirás ao "autoproclamado Xefe do Estado", do posterior contrato de compravenda e da transmisión do Pazo aos herdeiros do ditador, para os que reclama a condena a devolver a propiedade
A resolución da Consellería de Cultura que iniciaba o proceso para a declaración BIC lembraba que "en 1948, o Conde de Ximonde vendeu ao Concello de Santiago as esculturas coa condición de que nunca abandonasen a cidade" e que "as esculturas estiveron na escaleira do Pazo de Raxoi ata que pasaron a mans particulares".
Nos últimos dous anos o Parlamento de Galicia e o Congreso aprobaron por unanimidade peticións para que os herdeiros do ditador devolvesen estes bens aos seus lexítimos propietarios
O 25 de xullo de 1954 Francisco Franco e a súa dona Carmen Polo visitaron Compostela para participar na ofrenda ao Apóstolo e inaugurar o antigo hospital como Parador Hostal dos Reis Católicos. Carmen Polo amosou ante o daquela alcalde compostelán, Enrique Otero, un "interese insistente" nas esculturas, "suxerindo de forma inequívoca que pasasen á súa posesión". Aínda que non existiu "formalidade ningunha" nin ningún acordo formal ao respecto, o rexedor accedeu á petición da esposa do ditador, enviándolle as esculturas.
Mentres, os netos do ditador retrucaron ante o xulgado que os seus avós mercaron as esculturas a "un anticuario" e negan que o Concello de Santiago chegase a mercalas, como acredita a documentación achada polo goberno local.