A viraxe da Xunta en Meirás: de pagar 50.000 euros polas visitas a secundar a demanda para botar aos Franco

Vista do pazo de Meirás e resumos dos convenios asinados coa Xunta cos Franco para abrilo CC-BY-NC-SA Praza Pública

A pasada semana, unhas doce horas despois de que transcendese que a Avogacía do Estado xa presentara ante un xulgado da Coruña a demanda para tentar recuperar o Pazo de Meirás, o presidente da Xunta matizaba o seu propio discurso para anunciar que, moi probablemente, o Goberno galego comparecería nesa causa xudicial. O Executivo do PPdeG culmina deste xeito unha obvia viraxe a respecto do complexo sadense empregado como propio polo ditador, no que o gabinete de Feijóo chegou a destinar ata 50.000 euros para sufragar os gastos das xornadas de portas abertas obrigadas pola lei que os Franco se negaban a facilitar.

A intervención da Xunta en Meirás remóntase ao ano 2006 cando, apenas seis meses despois de remudar o gabinete de Manuel Fraga, a Consellería de Cultura do Goberno de coalición de PSdeG e BNG iniciou os trámites para declarar o pazo como Ben de Interese Cultural (BIC), o cal traería consigo a obriga de abrilo ao público. Para facelo cumprían diversos trámites, entre eles a visita ao recinto por parte de técnicos da Consellería que dirixía Ánxela Bugallo. Os herdeiros do ditador litigaron contra a Xunta ata que non puideron evitar que, en decembro de 2008, fose promulgado o decreto que convertía en BIC a antiga residencia de Emilia Pardo Bazán.

A intervención da Xunta en Meirás remóntase ao Goberno de coalición de PSdeG e BNG, cando foi promulgado o decreto que o declarou BIC, obrigando á súa apertura. O gabinete de Feijóo negociou cos herdeiros para abrir o Pazo e pagou os gastos derivados das visitas ata 2013

Cando, en 2009, socialistas e nacionalistas perderon o Goberno fronte ao PP de Alberto Núñez Feijóo, quen dende a oposición receara abertamente do proceso, os Franco aínda batallaban nos tribunais para tentar impedir a apertura de Meirás. O novo Executivo do PP optara pola "negociación" coa "propiedade" ata lograr, en marzo de 2011, a apertura do pazo ás visitas. Pero previo pagamento.

Concretamente, a Consellería de Cultura sufragou os gastos da seguridade durante as visitas a través de dous convenios e unha engádega que chegaron a sumar un total de 53.713 euros. Os herdeiros de Franco comprometíanse a "garantir" a apertura nos catro días o mes obrigatorios por lei -a mesma que despois atrancarían en diversas ocasións- agás cando estivesen en Meirás de vacacións e a Xunta asumía "os custos derivados" das visitas e tamén asumía o pagamento "da cobertura dos danos materiais que se puidesen producir (...) mediante a contratación dunha póliza de seguro".

Acordos da Xunta coa familia de Franco para abrir Meirás, aos que se sumou unha achega adicional de 9.500 euros CC-BY-NC-SA Praza Pública

Dende 2013 a postura da Xunta e do PPdeG sobre Meirás comezou a virar: rematou o financiamento público das visitas e o Goberno galego accedeu a "estudar" as vías legais para tentar botar os Franco 

A posición da Xunta con relación a Meirás comezou a variar en 2013. Daquela deixou de poñer cartos públicos para sufragar a apertura obrigada por lei e os Franco optaron en varias ocasións por incumprir o réxime de visitas. Eses incumprimentos acabarían derivando no ano 2017 nunha multa de 4.500 euros euros ao abeiro da nova lei de patrimonio cultural.

Xa sen financiamento público os herdeiros do militar golpista encomendaron a xestión das visitas á Fundación Francisco Franco, que evidenciou a súa intención de utilizar esas xornadas de portas abertas para converter cada percorrido nunha oda ao ditador. Paralelamente, a postura política do Goberno e do PPdeG foi virando ata acceder a "estudar" como botar os Franco de Meirás, aínda que sen sumarse á Xunta Pro-Devolución do pazo que constituíra a Deputación da Coruña.

As pescudas das comisións de expertos e de investigacións en materia de memoria histórica foron claves para sustentar a demanda coa que o Estado tenta recuperar o Pazo, proceso no que a Xunta agora prevé comparecer

Esa aposta polo "estudo" dos xeitos para recuperar Meirás concretouse no informe da comisión de expertos creada co impulso do Parlamento e o aval da propia Xunta, traballo xurídico e histórico que se sumou ao emanado do encomendado pola Deputación coruñesa. Ambos documentos, conxuntamente coas profundas pescudas de colectivos de memoria histórica e investigadores como Carlos Babío e Manuel Pérez Lourenzo foron clave para sustentar a demanda da Avogacía do Estado e localizar o documento que pode acabar sendo determinante á hora de tentar demostrar ante a Xustiza a "fraude" de Franco para quedar con Meirás.

Con este pano de fondo Feijóo especificaba que os letrados da Xunta ven viable que o Goberno galego compareza no proceso xudicial iniciado polo Executivo central. A representación autonómica, di, tamén defenderá que o pazo é "dos cidadáns" porque foron quen o "pagaron" e non de "ningunha familia". Lonxe semella quedar, daquela, o tempo no que esa mesma familia rubricou co mesmo Goberno galego os acordos nos que os cartos eran cousa do erario.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.