O informe sobre Meirás "cambia o escenario": a Deputación instará a Patrimonio Nacional a recuperar o Pazo

Grandío, Formoso, Sanmartín e Ferreira, na rolda de prensa © Deputación da Coruña

Instar a Patrimonio Nacional a iniciar o proceso para a recuperación do Pazo de Meirás. Esa é a fórmula coa que a Deputación da Coruña buscará a reversión do inmoble propiedade da familia Franco, baseándose no informe histórico xurídico presentado este xoves, que "abre unha porta á esperanza" e concede "vías legais" e "moitas posibilidades" para que as Torres pasen a ser un ben público. 

A Deputación cre que o informe sobre o Pazo "abre a porta á esperanza" e ofrece "vías legais" e "moitas posibilidades" de recuperalo para o público

Así se manifestaron tanto Valentín González Formoso, presidente da Deputación, como a vicepresidenta, Goretti Sanmartín, na presentación do "sólido, contundente e rigoroso" informe coordinado polo historiador Emilio Grandío e o xurista Xabier Ferreira, ambos tamén presentes nun acto no que se advertiu de que as conclusións do documento fixeron que "mudase o escenario". Tanto que todos os presentes coincidiron no "optimismo" de cara a acadar un "consenso" entre as forzas políticas e as administracións galegas para reclamar a recuperación do Pazo en base á nulidade da súa transmisión aos Franco, que terían levado a cabo unha compravenda "ficticia" para evitar, precisamente, que o inmoble acabase en mans de Patrimonio Nacional, onde debería estar segundo aclara o estudo. 

De confirmarse esta fórmula, a pelota pasaría ao tellado do Goberno central, de quen depende Patrimonio Nacional, organismo público responsable dos bens de titularidade estatal procedentes da xefatura do Estado. De feito, a Deputación solicitará unha entrevista co presidente do consello de administración desta entidade para trasladarlle o informe e instalo a que, coa base dese documento, presente a demanda para que o Pazo acabe en mans públicas.

A Deputación trasladaralle a Patrimonio Nacional o informe que demostraría que a compravenda do Pazo foi "ficticia" 

Segundo Grandío e Ferreira, hai "indicios sólidos" que demostrarían a nulidade daquel contrato de compravenda asinado en 1941 que concedía a titularidade privada do inmoble ao ditador Franco, anos despois de que a súa familia o usase e de que lle fose donado "nun clima bélico e de represión". Aquel contrato "simulado", tal e como se indica no informe, tiña precisamente como obxectivo evitar que o Pazo se integrase no Patrimonio Nacional tras a lei aprobada en 1940 que regulaba a cesión dos bens do xefe de Estado ao público. De feito, o documento indica como daquela operación cifrada en 85.000 pesetas nunca se soubo dos cartos ou como se incluíu unha cláusula que esixía perder calquera dereito sobre o ben. 

"Se o contrato é simulado, pódese impugnar en calquera momento", advertiron, logo de aludir ao estudo, no que se certifica que o inmoble era empregado como residencia oficial do xefe do Estado e que, naquel contexto ditatorial, "había unha confusión absoluta entre o que era público e o que era privado". "Funcionaba como o palacio do Pardo; once meses alí e un en Meirás", engadiron.

A entidade provincial buscará consensuar unha moción para reclamar a Patrimonio Nacional que inicie o proceso e pedirá que a Cámara galega faga o mesmo

Con toda esta base documental, xurídica e histórica "sólida", a Deputación iniciará unha batalla civil e política. Primeiro, convocando xa para a proxima semana unha reunión extraordinaria da xunta de portavoces para consensuar unha moción que debería ser aprobada por unanimidade no pleno do 23 de marzo para instar a Patrimonio Nacional que inicie o proceso de recuperación do Pazo. Logo, solicitando unha entrevista cos respondables desa entidade para trasladarlles o informe, ademais dun encontro co presidente do Parlamento galego e cos grupos paralmentarios co obxectivo que desde a Cámara tamén se inste ao organismo oficial que vela polos bens públicos a que reclame o BIC (Ben de Interese Cultural) situado en Sada.

"Hai esperanzas en recuperar este BIC para o dominio público tras a lamentable a imaxe que durante décadas demos como país", di Formoso

"Toda a cidadanía galega ten agora esperanzas en recuperar este BIC para o dominio público tras a lamentable a imaxe que durante décadas demos como país", dixo con contudencia o presidente da Deputación, Fernández Formoso. "Debe coñecerse a verdade do acontecido, os estudos deixan patente que hai vías legais para recuperar o Pazo para a sociedade" afirmou, pola súa banda, Sanmartín, que agarda que “tanto polos datos que presentan os informes como por este consenso", Patrimonio Nacional sexa "sensíbel" coa proposta, dado que "o escenario cambiou e a solidez do informe deixa sobre a mesa esta posibilidade".´Pazo de Meirás

Pazo de Meirás / CC BY-SA Merce Blanco

A vía elixida pola Deputación semella ser compartida tanto polas formacións políticas como pola propia Xunta, ademais de pola comisión de expertos encargada polo Goberno galego. Con todo, a posta en venda do Pazo por parte dos Franco acelerou un proceso que agora se ve con optimismo. Fontes da Xunta pro Devolución do Pazo --reunida antes do acto para validar os acordos e integrada por 40 concellos, máis de 40 entidades civís, a propia Deputación e universidades-- advirten do "sólido" dunha fórmula que dificilmente será rexeitada por partido ningún, tampouco parece que polo PP.

Sanmartín agarda que o pretendido "consenso" político en Galicia faga que Patrimonio Nacional sexa "sensíbel" coa proposta

A negativa de Patrimonio Nacional a reclamar a propiedade pública da residencia con todos os datos xurídicos e históricos enriba da mesa non sería ben vista nin na propia Xunta, que xa manifestou a súa intención de apoiar calquera iniciativa por ese camiño, máis aínda cando se trata así de evitar un proceso xudicial moito máis complexo ou o pagamento polo inmoble á familia do ditador. 

O propio Feijóo, preguntado pola posible venda de Meirás, asegurou que dubida que sexa algo "serio" ou que "alguén queira comprar ese Pazo no momento no que se está a estudar a súa posible incorporación ao patrimonio público". 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.