A Xunta di "non estar para dar diñeiro á familia Franco" tras pagarlle 50.000 euros en seguridade

Terreos arredor do Pazo de Meirás CC-BY E. Dans

O voceiro parlamentario do PPdeG matizou esta mesma semana a liña oficial do seu partido na polémica que arrodea o Pazo de Meirás. Rematada a estadía vacacional da familia de Francisco Franco no edificio despois de lle encomendar a xestión das visitas á fundación dedicada a honrar o ditador e un día antes de que membros do BNG ocupasen simbolicamente o inmoble, Pedro Puy dixo ver "razoable" que o histórico recinto retornase a mans públicas. Con todo, evitou comprometer accións concretas da Xunta ao respecto. E o Goberno galego desbota impulsar iniciativa ningunha para recuperar este Ben de Interese Cultural (BIC) para o patrimonio público. A Consellería de Cultura aclara que a lexislación vixente só permitiría a compra ou expropiación e que "Galicia non está para darlle diñeiro á familia Franco". 

Pedro Puy matizou a liña oficial do PPdeG e cre "razoable" que o Pazo volva ao público e ve "interesante" crear unha comisión para impulsar a devolución

Nin catro meses despois de que o PP rexeitase no Parlamento cuestionar o réxime de propiedade do Pazo ao botar atrás unha iniciativa de En Marea que propoñía unha modificación legal a partir dun acordo no Congreso, Puy admitiu que debía "evitarse a toda costa" a anunciada apoloxía do franquismo no inmoble e mesmo que "o razoable sería voltalo ao público". E aclarou que, malia ser legalmente "propiedade dos herdeiros do ditador", ten "un vicio na súa adquisición", outorgada "en plena guerra civil" e mantida grazas á "férrea ditadura".

Puy ve "interesante" a "proposta" lanzada polo voceiro do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, quen insta a abordar xa a reversión ao público de Meirás a través dunha "comisión" integrada pola Xunta, a Deputación da Coruña e o Concello de Sada para "analizar o expediente orixinal" da entrega do Pazo a Franco que deixe sen efecto aquel "acto ilexítimo" e poña a propiedade nas mans "do pobo de Galicia". Cuestionado o departamento de Cultura por esta posibilidade e pola posibilidade de impulsar mudanzas lexislativas, a resposta é única: "No actual marco lexislativo, o Pazo de Meirás só pode pasar a ser propiedade pública a través da súa compra ou da súa expropiación. E a Consellería entende que Galicia non está para darlle diñeiro á familia Franco". 

Busto de Franco no Pazo de Meirás Dominio Público @rubencela

A Xunta "negociou" cos Franco tras unha batalla xudicial e financiou os gastos de apertura do Pazo ata 2013 con máis de 50.000 euros

Pero Galicia xa lle deu cartos aos proxenitores do ditador. Foi hai algúns anos e con Feijóo xa en San Caetano. Esgotada a vía xudicial aberta pola familia de Franco para evitar abrir as portas do Pazo ao público, finalmente foi obrigada ao cumprimento da lei de patrimonio cultural e a Xunta, a garantilo. Para facelo, tal e como admitira daquela a Consellería de Cultura, optaran pola vía da "prudencia" e da "negociación". O inmoble acabou abrindo en marzo de 2011, pero previo pagamento da Xunta. Como informou Praza.gal, ata finais de 2012 foi a Xunta a que sufragou os gastos das visitas mediante dous convenios e unha engádega que chegaron a sumar un total de 53.713 euros.

En virtude daqueles pactos, a familia Franco "garantía a apertura" nos devanditos catro días e o Goberno asumía "os custos derivados" das visitas e mais comprometíase a "facerse cargo da cobertura dos danos materiais que se puidesen producir (...) mediante a contratación dunha póliza de seguro". Ademais, e tras a intervención do Valedor do Pobo, a Xunta dera en revelar que o convenio implicaba algunhas excepcións á obriga xeral de cumprir o réxime de visitas. Unha delas, que non se realizasen "durante os días en que a familia" se atopase "aloxada no pazo, pola imposibilidade de garantir a seguridade da mesma".

Acordos da Xunta coa familia de Franco para abrir Meirás, aos que se sumou unha achega adicional de 9.500 euros CC-BY-NC-SA Praza Pública

Foi no ano 2013 cando a Xunta deixou de poñer cartos para propiciar que os Franco cumprisen coa lei de patrimonio cultural e foi tamén dende ese ano cando comezaron os sucesivos incumprimentos que, en virtude da normativa actual -foi reformada en 2016-, suporanlles como moito unha sanción de 6.000 euros

Por outra banda, o alcalde de Sada vén de enviar unha carta ao presidente da Xunta, Núñez Feijóo, e ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, para pedirlles unha entrevista e trasladarlles e explicarlles o acordo plenario aprobado polo Concello de Sada o pasado día 12 de agosto, no que se volve reclamar a xestión do Pazo para o municipio, se solicita un estudo para analizar a posible devolución do inmoble e se rexeitan as declaracións da Fundación Francisco Franco, de quen se pide a ilegalización. 

O alcalde, Benito Portela, aclara que a solicitude de entrevistas vén dada "polas últimas noticias e acontecementos sobre a situación do Pazo de Meirás que xerou unha gran alarma social e constatou que existe unha amplía demanda social que esixe que sexa recuperado para o patrimonio público". O rexedor trasladará a Feijóo e Rodríguez a necesidade de que sexa o Concello de Sada quen xestione ás visitas ao BIC Pazo de Meirás así como recabar da Xunta de Galicia "o necesario apoio institucional para todas aquelas iniciativas encamiñadas á recuperación do inmoble". 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.