A demanda que o Estado acaba de presentar contra a familia Franco para esixirlle a recuperación do Pazo de Meirás volve deitar luz sobre as artimañas, manobras e presións que o réxime fascista e os seus homes de prol en Galicia levaron a cabo para un espolio que ten nas Torres o seu principal símbolo.
Barrié de la Maza é un dos impulsores da Junta Pro Pazo para a adquisición de Meirás e figura clave entre as elites franquistas que colaboraron no "macroespolio" dos Franco
O documento clave achado pola Avogacía do Estado no Arquivo Histórico de Protocolos da Coruña demostraría a existencia de dous contratos para a adquisición do Pazo, o último deles “fraudulento” e simulado en 1941 para encubrir a doazón e compra que a Junta Pro Pazo del Caudillo fixera xa tres anos antes para a xefatura do Estado. O obxectivo dos Franco era evitar que o inmoble se integrase no Patrimonio Nacional tras a lei aprobada en 1940 que regulaba a cesión destes bens ao público. E lograr, como así fixo, que as Torres pasasen á súa propiedade particular malia que en 1938, como demostra a escritura agora atopada, se pagasen máis de 400.000 pesetas aos herdeiros de Emilia Pardo Bazán tras unha recolleita entre ameazas, coaccións ou deducións de nóminas de funcionarios e de orzamentos municipais.
Unha figura é esencial en ambos documentos: Pedro Barrié de la Maza, conde de Fenosa, antigo dono do Banco Pastor, máximo dirixente da extinta Fenosa ou de Astano e un dos principais financeiros do bando fascista na guerra civil. A súa sinatura, representando a Franco, aparece no contrato de compravenda simulado de maio de 1941 onde, segundo os avogados do Estado, se creou “artificiosamente a aparencia” de que o ditador adquiría o Pazo por un prezo de 85.000 pesetas.
Tres anos antes, o Pazo xa fora mercado á familia de Pardo Bazán por esa Junta Provincial Pro Pazo, impulsada en 1937 polo gobernador civil da Coruña, Julio Muñoz, e polo propio Barrié de la Maza. Nela, adiñeirados persoeiros ou destacados militantes fascistas como Rivero de Aguilar, José María Marchessi, José Luis Bugallal, Joaquín Barcia Goyanes, José Casteleiro, Jacobo López Rúa ou os alcaldes franquistas Alfonso Molina e Álvarez de Sotomayor. Este último, o quinto rexedor designado en plena guerra tras o asasinato de Suárez Ferrín, viaxara a Donostia para acordar alí a venda de Meirás. Así o recoñecía un tenente coronel do exército fascista nun informe reservado no que aludía á "rapidez" coa que se levaran a cabo as negociacións para evitar que se lles “adiantasen” outras provincias coa “mesma idea”, tal e como recolle o informe histórico-xurídico que encargou a Deputación da Coruña.
Barrié era dono do Banco Pastor, que naquela altura procuraba executar o aval dun crédito da campaña do Estatuto do 36 asinado por galeguistas xa asasinados
Superáronse as 400.000 pesetas tras unha campaña que o franquismo defendeu como de doazón para un agasallo pero que diversos documentos revelan como coaccións, ameazas, espolio de terras ou conxunto de patrullas encabezadas pola Falange. A propia Junta Pro Pazo dirixíase aos concellos para indicar como “visitar persoalmente” a cada veciño. Nunha época de dura represión, con mortos nas cunetas, milleiros de asasinados e a guerra aínda por rematar.
Foi, xa que logo, esa Junta Pro Pazo quen impulsou a recollida de cartos, encabezada por Barrié, dono do Pastor, a entidade que neses mesmos anos procuraba executar o aval dun crédito da campaña do Estatuto de 1936, asinado por dirixentes galeguistas asasinados. Os golpistas detectaron "importantes sumas" dedicadas "ao desmembramento da patria" e tentaron sacalas dos bancos.
"Galicia que le vio nacer, que oyó su voz el 18 de julio, que le ofreció la sangre de sus hijos y el tesoro de sus entrañas [...] asocia para siempre el nombre de Franco a su solar, en tierras del Señor San Yago, como una gloria más que añadir a su Historia". Era así como certificaba nun documento a Junta Pro-Pazo a doazón ao xeneral fascista do Pazo de Meirás. En marzo de 1938, o Concello da Coruña daba conta da "adquisición" do inmoble "para ofrecerlo como residencia veraniega a nuestro invicto Generalísimo y Glorioso Caudillo" e o gobernador civil envía un telegrama ao ministro Serrano Suñer para comunicarlle, "en nombre de esta ciudad y provincia", que as Torres viñan de ser "adquiridas por el pueblo coruñés para donarlo a nuestro Caudillo S. E. Jefe del Estado".
Un pergamiño, telegramas, referencias en prensa e unha viaxe do propio Franco certificaban a adquisición do Pazo para o ditador que agora ratifica o documento achado pola Avogacía do Estado
En decembro de 1938, o ditador Franco estampaba a súa sinatura no documento da Junta. “Acepto”. Viaxaba expresamente a Galicia a recoller aquel presente, unha visita que quedou retratada nas imaxes e os rostros da colección de fotografías que dixitalizou non hai moito a Biblioteca Nacional de España. Solemnizábase así a incautación do Pazo, que quedou plasmada nunhas fotos que ilustran o percorrido do ditador pola Coruña, Santiago, Sobrado dos Monxes e Meirás e que advirten dunha sociedade fervorosa nalgún caso, pero tamén atemorizada, afectada polas penurias da guerra e con olladas desacougantes.
Malia constar un pergamiño coa propia sinatura de Franco aceptando a doazón e as declaracións, comunicacións e textos analizados daquel 1938 nos que se documenta a doazón, nunca aparecera a escritura que certificase a compra, ese que a Avogacía do Estado atopou hai unhas semanas na Coruña. Mesmo o ditador recibiu nun solemne acto en Compostela o devandito pergamiño, un ano despois daquela visita, en decembro de 1939. "Acepto gustoso y exclusivamente por ser un obsequio de mis queridos paisanos", dicía respecto do agasallo. Non era tal.
Nin foi o único espolio. O ditador aumentou en 80.000 metros cadrados as súas propiedades fóra do Pazo en Meirás e mercou terreos en Sada ou Oleiros. Outros pazos históricos foron desmantelados tamén pola familia Franco, que é propietaria aínda das figuras de Abraham e Isaac do Pórtico da Gloria. Foi, como di o investigador Carlos Babío, un “macroespolio”.
"Era unha trama de favores, de favores mutuos a conta do erario público; lucráronse a aínda se lucran as elites”
En todas estas operacións durante a ditadura, os Franco valíanse da axuda das elites franquistas da Coruña e arredores. "Era unha trama de favores, de favores mutuos a conta do erario público; lucráronse a aínda se lucran as elites”, di Babío. E entre os protagonistas sempre presentes, Barrié de la Maza, que axudaba a que o ditador cumprise cos seus caprichos, como a Casa Cornide, na zona vella da cidade da Coruña. Foi adquirida polo banqueiro nunha poxa en 1962 á que só asistiran el e o xefe do Movemento e pagando menos de 45.000 pesetas. Logo, acabou en mans do xeneral fascista grazas á intervención do conde de Fenosa.
As consecuencias da cadea de favores, corruptelas e espolios do público teñen consecuencia en polémicas actuais, como o da relación entre os terreos da Solana e o Hotel Finisterre na Coruña, fonte de conflitos entre o Concello e a Autoridade Portuaria.
Armando Casteleiro Varela foi o impulsor da construción do complexo da Solana na que era a antiga praia do Parrote. Recibe a autorización das administracións en 1941 e abre as súas portas pouco máis dun ano despois. O empresario e nadador é irmán de José Casteleiro Varela, membro da Junta Pro Pazo. Ambos os dous, recoñecidos militantes fascistas na represión.
Logo, Casteleiro decidiu construír un hotel e formou unha sociedade na que entrou o empresario Aurelio Ruenes, o arquitecto Santiago Rey Pedreira e a división industrial do Banco Pastor, que tiña á fronte, outra vez, a Pedro Barrié de la Maza, designado procurador en Cortes por Franco desde 1946, e que acabaría por ser accionaista maioritario da sociedade que xestionaba o hotel e a Solana.