Nin guerra civil, nin ditadura, nin fascismo, nin réxime totalitario. Na visita ao Pazo de Meirás non escoitará nada diso. O guía que percorre as diferentes estancias, xardíns e terreos que conforman as propiedades dos Franco en Sada opta por usar, en numerosas ocasións, a palabra "generalísimo" para definir a Franco ou "guerra española" para referirse ao conflito desatado polo golpe de Estado de 1936. Tampouco palabra ningunha sobre o xeito na que o ditador se fixo co inmoble máis aló da alusión ao "notable" --Pedro Barrié de la Maza-- que impulsou o agasallo que a cidadanía tería feito ao antigo xefe de Estado.
O guía da visita a Meirás define a Franco como "generalísimo" e a guerra civil como "guerra española"
O percorrido polo Pazo remítese a explicacións históricas e artísticas das diferentes zonas e obras que garda e ao branqueamento da figura dun ditador que, a teor das explicacións do guía, podería pasar por calquera outro dirixente político ou destacado militar. Non estraña. O encargado das explicacións é membro da Fundación Francisco Franco (FFF), histórico ultradereitista coruñés e antigo guerrillero de Cristo Rey. Tamén impulsor da asociación Meigas de las Hogueras de San Juan, subvencionada entre polémica pola Xunta e difusora de apoloxía franquista nas súas publicacións en internet. Carlos Fernández Barallobre foi o elixido para exercer de guieiro cando a FFF anunciou que se faría cargo das visitas ás Torres de Meirás.
Foi a propia Fundación Franco quen avisara de que empregaría estas visitas guiadas para gabar a figura do ditador, ao tempo que a Xunta advertía de que estaría vixiante ante a posibilidade de que o Pazo se convertese nunha oda ao franquismo. Durante o percorrido que varios xornalistas compartiron este venres con cinco eurodeputados, o guía intenta evitar o eloxio pero obvia calquera crítica. "É a versión light", recoñece un historiador coñecedor do roteiro, que advirte de que as palabras virarían en maiores gabanzas se os visitantes non fosen, precisamente, políticos que pulan pola recuperación da Memoria Histórica.
O guía contratado pola Fundación Franco recoñece a súa "admiración" polo ditador e critica os intentos por devolver o Pazo ao público
Non ocorre o mesmo ao final da visita, nun ambiente máis distendido e fóra do gran grupo que entrou no Pazo. O guía recoñece a súa "profunda admiración por Franco", sinálao como "salvador da República do golpe de estado da esquerda en 1934" e asegura que "recolleu unha España ferida" para "colocala como décima potencia mundial". Considera que sobre o ditador hai "un estigma" e mesmo se atreve a recriminar aos políticos que sigan falando tanto del logo de máis de 40 anos da súa morte.
"Gustaríalle a vostede que lle quitasen unha propiedade privada da súa familia para facela pública?"
Non entende as críticas á súa figura e cre que o feito de que usase Meirás como residencia de verán e celebrase no Pazo os consellos de ministros permitiu que A Coruña goce agora da refinería, polígonos industriais, un porto, dúas residencias e "importantísimas obras". E indígnase cando requiren a súa opinión sobre as voces que piden a recuperación do inmoble para o patrimonio público. "Gustaríalle a vostede que lle quitasen unha propiedade privada da súa familia para facela pública? É moi fácil contalo agora, 80 anos despois, tomando unha cervexa, falar do que sucedeu en 1937, en plena guerra española, pero as cousas foron como foron", advirte.
Non é tan vehemente na visita no interior do Pazo, onde un garda de seguridade intenta evitar por todos os medios que se tiren fotos de calquera das estancias. Advírteo varias veces e chama á orde. Nin el, nin outro encargado do inmoble, nin o membro da Fundación Franco parecen afeitos a tanto visitante nin interese. Pero hai unha excepción coas cámaras dos teléfonos móbiles: a capela. Alí dentro ata os eurodeputados posan xunto ás esculturas de Abraham e Isaac que formaban parte da Catedral de Santiago e que reclama Compostela. "É unha provocación", di un dos expertos na historia do inmoble que acompaña a expedición.
A visita impide acceder a estancias do andar superior: "Son partes privadas; o que facía a Xunta era cousa súa"
Preguntado o guía sobre esa demanda de Santiago sobre as esculturas, Barallobre retruca: "Ese non é o meu labor, pregunten ao Concello". Tamén cando alguén lle advirte de que coas visitas organizadas pola Xunta incluíanse os cuartos da planta superior, agora vetados. "Son partes privadas; o que facía a Xunta era cousa súa", di respecto dun Ben de Interese Cultural (BIC) do que se obriga a abrir as portas ao público, unha encomenda que di que cumprirán mesmo en agosto, cando a familia do ditador chega a Meirás, malia que nos últimos anos sempre houbo atrancos.
Fachada lateral do Pazo de Meirás, durante a visita dos eurodeputados / CC-BY-SA Praza Pública
Non os hai para contemplar os numerosos cadros que representan a Franco. Con gorra carlista e camisa azul, con uniforme de xefe de Estado ou brazo en alto, realizando o saúdo fascista ás tropas en África e baixo a lenda "volverán banderas victoriosas", parte dunha estrofa do Cara al sol. O cadro preside a impresionante biblioteca que o ditador mandou construír no Pazo, que recibe os visitantes cun busto do xeneral fascista ante un enorme escudo franquista coa aguia de San Xoán. "Xa o usaron os Reis Católicos, non é franquista", di o guía.
Escudos hai máis. Da familia Pardo Bazán e da de Franco, este último incorporado posteriormente á fachada dun Pazo construído a finais do século XIX sobre as ruínas dun antigo edificio derrubado "polas tropas de Napoleón durante a Guerra de Independencia española". Nos xardíns, pezas traídas do Pazo de Dodro --algo ao que non se fai alusión-- e mesmo unha casa en miniatura, hórreo incluído, que fora regalada á filla do ditador sendo esta pequena. Ademais, unha pista de tenis, un camiño decorado con máis esculturas e varios ferrados de terreo. "Ampliouse de de tres a seis hectáreas". Tampouco se explica como.
"Entrar pola porta do Pazo é retroceder a unha ditadura, ao pasado", di Izaskun Bilbao, eurodeputada do PNV
"Entrar pola porta do Pazo é retroceder a unha ditadura, ao pasado", dicía a eurodeputada Izaskun Bilbao tras a visita. Nas paredes, moitas cabezas de cervos e mesmo dun búfalo, pinturas do propio Franco, bustos e recordos de Emilia Pardo Bazán. "E impronta galega", aclara o guía ao sinalar as cunchas de vieira ou cruces de Santiago que o ditador mandou colocar no teito da biblioteca.
Entre os visitantes, Juan Pérez Bello, neto dunha muller que, presionada polos franquistas en 1938, tivo que deixar a súa vivenda e as súas escasas leiras, pegadas ao Pazo, para permitir a ampliación dos terreos para a familia do ditador e entre o "terror", como lembraba, que a represión fascista estaba impoñendo en Sada e en toda a comarca. Diso tampouco se falou nada na visita guiada.