A asociación subvencionada pola Xunta para promocionar o San Xoán fai apoloxía do franquismo

Publicación no blog da asociación Meigas de Hogueras de San Juan CC-BY-SA Praza Pública

"1937. Por San Juan La Coruña lucía esplendorosa celebrando la toma de Bilbao por el Ejército Nacional". Este é o titular dunha publicación no blog da asociación Meigas de las Hogueras de San Juan, histórico colectivo organizador de diferentes actividades da festa do San Xoán na Coruña. A entidade, que recibe milleiros de euros de subvención cada ano por parte da Xunta para a realización de varios eventos, volve crear polémica, desta vez cun texto no que lembra a suposta "celebración" que na cidade se tería dado pola "toma por las fuerzas del Ejército Nacional de la ciudad de Bilbao" durante a festividade de San Xoán de hai 80 anos. 

O blog da asociación Meigas de las Hogueras de San Juan lembra a imaxe "esplendorosa" da Coruña "celebrando" a "toma de Bilbao" por parte do exército franquista

"En muchísimas galerías y balcones, además de banderas Nacionales rojo y gualda, se podían observar letreros con las inscripciones de ¡Viva a España!, ¡Viva Franco!, ¡Viva Mola!, realizadas con bombillas eléctricas de colores", destaca a publicación que lembra unha época, a da guerra civil, na que militantes fascistas asasinaron na comarca da Coruña máis de medio milleiro de persoas nunha brutal represión. 

Non é a primeira vez que esa asociación xera polémica polos comentarios profranquistas ou achegados a posicións de extrema dereita por parte dalgún dos seus dirixentes. Durante anos, a asociación Meigas de Hogueras de San Juan foi apoiada a través de subvencións polo Concello da Coruña, unhas axudas que eliminou o goberno local da Marea Atlántica pero que foron substituídas por convenios asinados entre a entidade e a Xunta de Galicia, que mesmo convidou este ano a representantes do colectivo á Feira Internacional de Turismo (Fitur). 

As subvencións que recibiu durante anos do Concello son substituídas agora por convenios económicos coa Xunta

Concretamente, o convenio de colaboración asinado entre a Axencia de Turismo de Galicia e as Meigas supera os 40.000 euros de achega para que a asociación realice diferentes actividades, como cartelería, folletos, revistas, concertos ou unha homenaxe á bandeira. Firmouse en 2017 pero tamén no ano anterior, logo de que o Concello rematase coa habitual colaboración e acordos económicos entre a administración local e este colectivo durante anos. En 2016, a Xunta concedera 18.000 euros a esta entidade para a realización dunha fogueira que non tiña a autorización municipal

O convenio entre a Axencia de Turismo e Meigas supón unha achega de máis de 40.000 euros para a asociación

O orzamento municipal daquel ano para as festas de San Xoán na Coruña reducírase en case 150.000 euros -ao pasar duns 350.000 a 200.000- ao suprimirse os 145.900 euros que recibira a asociación de Meigas de las Hogueras de San Juan para organizar as súas actividades. Ata daquela, a entidade era contratada polo Concello para que levase a cabo as súas actividades e recibía preto de 25.000 euros das arcas municipais, de onde se achegaban uns 90.0000 máis para a produción desas actividades, como a colocación de escenarios, o desfile de carrozas ou actuacións da banda municipal. 

Ademais, en 2015 sumáranselle outros 32.000 euros máis p ara conratar unha orquesta e montar unha verbena onde a asociacion Meigas instalaba dúas barras sen autorización municipal ou "laxa", como denunciara o concelleiro de Cultura, José Manuel Sande, que cualificara a situación como "bastante anómala" ao aobterse un lucro cunha actividade feita nun espazo público. 

Homenaxe á bandeira por parte da asociación Meigas © hoguerassanjuan.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.