Unanimidade no Parlamento para botar os Franco de Meirás

Vista do Pazo de Meirás © Turismo de Galicia

Un xesto político pouco habitual. Os votos dos catro grupos do Parlamento galego uníronse este mércores en torno a un pacto de mínimos cun argumento común: reclamar ao Goberno de España, Administración con competencias para facelo, emprender as accións legais que correspondan para botar a familia de Franco do Pazo de Meirás e procurar facelo, ademais, sen que isto implique compensar con diñeiro público aos herdeiros do ditador.

PP, En Marea e BNG chegaran ao pleno con cadansúa proposición non de lei e o PSdeG, pola súa banda, formulara emendas ás tres "co obxectivo de buscar un punto de encontro". Finalmente non saíu aprobado ningún deses textos, senón o resultado dunha transacción con acordos esenciais. Unha vez rematados os traballos da comisión de expertos da Xunta, que propuxo tentar a recuperación pola vía dunha demanda civil, o Parlamento insta o Executivo galego a "remitir urxentemente" toda esta documentación "á Administración Xeral do Estado" e anexar "a petición de que se realicen as accións legais" propostas para "reintegrar" o Pazo "ao ámbito dos bens de dominio público" estatal.

PP, En Marea, PSdeG e BNG acordan pedir ao Goberno de España que inicie xa a demanda civil proposta pola comisión de expertos que estudaron as vías legais para recuperar o pazo

Segundo o roteiro trazado pola unanimidade do Parlamento, en canto o Estado "exercite esa acción legal", a Xunta deberá incorporarse ao procedemento civil "como coadxuvante adhesiva", isto é, sumarse formalmente ao Goberno central na demanda civil. A unanimidade parlamentaria apoia, por último, que a "vontade" da representación política galega é que "a recuperación do Pazo de Meirás para o patrimonio público non implique un novo custo para o pobo de Galicia", toda vez que o xeneral golpista e a súa familia se fixeron con el a través de achegas económicas forzosas en 1938, en plena vaga de represión e asasinatos en territorio galego.

Escudo franquista e busto do ditador no interior do Pazo de Meirás / Praza Pública

Os argumentos dos grupos

Puy: "A unanimidade prexudica a quen está polo mantemento do legado do ditador"

A necesidade desta declaración política unánime -as proposicións non de lei non son vinculantes-, que ademais recoñece "o importante traballo realizado por historiadores e historiadoras, asociacións da memoria histórica" e institucións como as que compoñen a Xunta pro Devolución do Pazo,  foi aludida por todos os grupos durante o debate. Segundo o voceiro dos populares, Pedro Puy, "esta unanimidade beneficia a quen defende a reincorporación do Pazo de Meirás ao dominio público" e "prexudica a quen está polo mantemento do legado do ditador". "Contribuímos -agrega- a recoller os entullos do peor episodio da historia contemporánea de España".

En Marea e BNG salientan a necesidade de que os herdeiros do ditador non reciban ningunha compensación económica

Pola banda de En Marea o seu vicevoceiro, Antón Sánchez, tamén considerou unha cuestión de "responsabilidade" o apoio total da Cámara á recuperación dunha propiedade que "alberga unha historia negra de extorsión, de abuso, de violencia e de coacción". "Non foi un agasallo do pobo, foi un violento espolio" e por iso "a súa devolución gratuíta é un acto de xustiza". Unha vez recuperado, cre En Marea, o Pazo debería "poñerse ao servizo do pobo galego como un espazo de memoria democrática" e tornar en "exemplo da restitución democrática dos dereitos asoballados polo franquismo".

O PSdeG subliña que o Goberno de Pedro Sánchez "é sensible con este tema e defensor de impulsar a memoria histórica"

Na banda do PSdeG avánzase que a disposición do Goberno central será boa cara a este proceso. Despois de detectar "máis coincidencias que discrepancias" nos informes da Xunta e da Deputación coruñesa para procurar a devolución e tras constatar que "ninguén hoxe defende o legado de Franco nin do franquismo" no Paralmento, cómpre aproveitar a "oportunidade" de que o Executivo español "tras a chegada de Pedro Sánchez, é sensible con estes temas e defensor de impulsar a memoria histórica". 

Pola banda do Bloque a súa portavoz nacional, Ana Pontón, "sinala" o "cambio de actitude" do PP nun proceso no que se trata de desaloxar "unha familia ocupa" dun pazo "que xa pagamos a golpe de extorsión e desvío de fondos en plena ditadura". Por iso, salienta, "sería unha aberración calquera tipo de compensación aos herdeiros do franquismo". Pagar aos Franco por deixar Meirás sería, cre a líder soberanista, toda "unha labazada ás vítimas" da ditadura "e á dignidade deste pobo", algo "intolerable en democracia".

Xunta pro Devolución e 'os 19 de Meirás'

Ana Pontón e o resto do grupo do BNG, coas persoas ás que os Franco piden enviar á cadea pola protesta en Meirás

Practicamente ao mesmo tempo que o Parlamento acadaba este acordo unánime, a Xunta pro Devolución -que agrupa concellos e entidades da memoria histórica- reuníase na Deputación da Coruña tamén cunha mensaxe dirixida ao Goberno central. Nomeadamente, solicitou formalmente ao gabinete de Pedro Sánchez que "considere unha prioridade política" a recuperación do Pazo. Por iso farán chegar toda a documentación e informes xurídicos á vicepresidenta do Goberno central e ministra da Presidencia, Carmen Calvo, mais ao ministro de Cultura, José Guirao.

Estes acordos políticos prodúcense mentres continúa a pairar peticións de condena de ata 13 anos de cárcere para as 19 persoas que no verán de 2017 ocuparon simbolicamente Meirás para esixir a súa devolución. Representantes destes activistas, moitos deles militantes do Bloque, acudiron este mércores ao Parlamento, onde reclamaron o apoio dos grupos e rexeitaron a posibilidade de que os Franco poidan ser indemnizados.

Propaganda franquista sobre a incautación do Pazo de Meirás (1938) CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.