A demanda civil que propón a comisión para recuperar Meirás abre a porta a indemnizar os Franco

Vista do Pazo de Meirás © Turismo de Galicia

Que o Estado presente unha acción reivindicatoria, a través dunha demanda civil, na que se argumente que o Pazo de Meirás foi usado como espazo institucional durante máis de 30 anos e que debe formar parte da propia Administración. É a proposta xurídica que lanza a comisión de expertos impulsada pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, para estudar a incorporación do inmoble propiedade da familia Franco ao patrimonio público. 

O informe propón que o Estado presente demanda civil argumentando que o Pazo foi espazo institucional durante máis de 30 anos e que por "forza de uso" vira en patrimonio público da Administración

A fórmula é apelar á "demanialización", termo técnico que indica que un inmoble vira en público pola "forza do uso". Con este argumento pretende esta comisión que a Administración Xeral do Estado reclame xudicialmente as Torres, aínda que a proposta supón tamén que os herdeiros do ditador poidan ser compensados economicamente por posibles gastos de mantemento das Torres desde a data na que faleceu Franco, o 20 de novembro de 1975. 

O completo informe foi presentado este luns en Santiago por varios dos seus redactores, que explicaron que esa indemnización só sería posible unha vez que haxa sentenza firme a favor do Estado e logo dunha liquidación do inmoble e a comprobación deses supostos investimentos. A idea é que a través da demanda civil se declare o "carácter do inmoble como ben de dominio público afecto á Xefatura do Estado" e que, xa que logo, se condene aos Franco a "reintegrar a posesión á Administración xeral do Estado".

A proposta supón que os herdeiros do ditador poidan ser compensados por gastos de mantemento nas Torres desde a morte de Franco

Ao mesmo tempo, o Estado debe solicitar tamén que se canceln as inscrición rexistrais contraditorias co pronunciamento, aquelas contrarias a que as Torres pertencen ao patrimonio público, e que se expida un mandamento ao Rexistro da propiedade de Betanzos para que se incriban os bens inmobles como bens demaniais do Estado.  Sería o de primeira instancia de Betanzos o xulgado competente para presentar a a demanda e a última instancia antes de sentenza firme é o Tribunal Supremo. 

No informe impulsado pola Xunta traballou unha comisión de expertos, presidida polo catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela Xosé Manoel Núñez Seixas, durante máis de seis meses e dela forman parte tamén a Consellería de Cultura, a Deputación e o Concello de Sada. Precisamente, o municipio onde se asenta o Pazo presentou un voto particular ao mostrarse en desacordo nesa hipótese que expoñen as conclusións sobre a "liquidación" do inmoble, que os xuristas, con todo, ven unha hipótese posible. 

O Concello amósase en contra da conclusión cuarta, na que a comisión advirte de que a estimación da acción xudicial "determinaría a necesidade de liquidar os gastos e custos derivados da posesión do inmoble", entre o 21 de novembro de 1975 e a actualidade. "Prudencialmente", segundo os expertos, pódese cualificar a posesión por parte dos Franco como unha "posesión de boa fe", co obxectivo de que prospere pola vía desexada a demanda; con todo, e unha vez presentada, pasaría a considerarse "mala fe".

O Concello de Sada presentou un voto particular en contra da posibilidade de que a recuperación do Pazo supoña un gasto público

Para a administración local, os herdeiros do ditador "coñecían perfectamente" cal era a situación do Pazo tras o falecemento de Franco, polo que "non se podería falar de boa fe". Ademais, entende que "non pode asumir que se conclúa que a incorporación ao patrimonio público poida implicar un novo custo nin para o pobo de Galicia nin para as arcas públicas". Desde a Xunta asegúrase que esa posible indemnización valoraríase se a demadna prosperase. 

A proposta da comisión dá lugar a que "os posuidores teñan dereito ao abono dos gastos en que incorresen e que fosen necesarios para a conservación e mantemento do inmoble, así como os gastos útiles efectivamente realizados e que resulten probados". Pero tamén podería haber compensacións entre as partes do procedemento de liquidación, como consecuencia do uso anterior a 1975.

"No caso de que nunha eventual liquidación do Estado posesorio resultase un saldo favorable aos actuais posuidores do inmoble, esta sería notablemente inferior ao seu valor de mercado ou ao prezo que habería de satisfacerse como xusto prezo expropiatorio se se considerase de causa de utilidade pública ou de interese social que habilitase a seguir este procedemento de privación singular da propiedade", advirte o documento.

Interior do Pazo de Meirás, cun busto de Franco e símbolos da ditadura na entrada / CC-BY-SA Praza Pública

Sada aposta por que "conflúan" o informe da Deputación e da Xunta

Malia todo, o concelleiro sadense Francisco Montouto, representante na comisión, aclara que están "satisfeitos" en xeral co informe malia esta diferenza e confía en que este documento acabe "confluíndo" co elaborado a iniciativa da Deputación da Coruña e que certificaba a nulidade da compravenda do inmoble para os Franco, instando a Patrimonio Nacional a recuperar as Torres. Con todo, ese organismo xa advertira, cando dependía do Goberno de Rajoy, que non reclamaría o ben. 

O informe, xunto co voto particular e os anexos documentais, está xa en posesión da Consellería de Cultura, que o fará chegar ao Parlamento de Galicia. Nel, como advirte o profesor de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago Emilio Grandía, compróbase como até 1941 non hai documentos que acrediten a posesión dos Franco. Ademais, aclarou as dificultades para atopar documentación do Pazo, pero o que non impide que se demostre como as expropiacións forzosas e baixo ameazas ao ditador facíanse "en calidade de xefe do Estado", tal e como figura no rexistro da propiedade, ou que se usase de maneira institucional durante as vacacións de verán do ditador. 

Pola súa banda, o profesor de Dereito Civil da Universidade da Coruña José Manuel Busto Lago advertiu de que os máis de 30 anos de funcionamento do Pazo como residencia do xefe do Estado e os investimentos feitos son dabondo para argumentar a demanda civil, tal e como recolle o Dereito Civil. Ademais, aclarou que de incorporarse ao patrimonio do Estado, os herdeiros non teñen dereito a reclamar a propiedade aínda que xa pasasen tamén 30 anos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.