A presión social, mediática e política fai que PPdeG e Xunta comecen a moverse á procura de vías para botar os herdeiros de Franco do Pazo de Meirás. Pero só un chisco. O pleno do Parlamento de Galicia tiña este mércores na súa orde do día dúas proposicións ao respecto. A primeira, rexistrada o 5 de setembro polo PSdeG, apostaba por que a Xunta se unise a institucións como a Deputación da Coruña e os concellos coruñés e sadense, xa implicados na reclamación, e xuntos procurar como "reverter" o edificio "no pobo de Galicia". A outra, incorporada en vía de urxencia polo PP o pasado día 11, defendía o encargo dun estudo ao respecto e que o fixese a Xunta en solitario. Esta segunda, malia ás negociacións previas, foi a que saíu adiante.
Despois de que o pasado agosto a Deputación coruñesa, os devanditos gobernos locais e entidades de defensa da memoria histórica constituísen a Xunta Pro-Devolución do edificio espoliado polo ditador en 1938, a socialista Concepción Burgo defendeu conformar unha "comisión especial" e "aberta" que, dixo, sería "compatible" con ese foro xa existente. Nel, defendeu, as entidades locais e o Goberno galego analizarían "a fondo" xunto a persoal experto "o expediente orixinal" da entrega do pazo a Franco co obxectivo de procurar a reversión sen "o pagamento dun só euro" e, en caso de non ser posible, "analizar os cambios lexislativos que teñen que darse para acadalo.
O PSdeG defendía que a Xunta se unise á Deputación coruñesa e aos concellos da Coruña e Sada para recuperar Meirás
"É necesario que atopemos entre todos unha solución a esta anomalía democrática", defendeu Burgo. A súa proposta recibiu emendas por parte de En Marea e BNG para incorporar aspectos como a petición de reconverter Meirás nun espazo dedicado á lembranza das vítimas do golpe e a ditadura e mais de Emilia Pardo Bazán, antiga propietaria, así como para sumar unha declaración política pola ilegalización da Fundación Francisco Franco, á que a familia encomendou a xestión das visitas ao recinto.
A iniciativa socialista incorporou emendas de En Marea e BNG para pedir a ilegalización da Fundación Franco e a conversión do pazo nun centro de memoria histórica
O texto do PSdeG non tivo ningunha emenda do PP, que defendeu a través de Pedro Puy a súa propia proposta para despois amosarse disposto a retirala sempre e cando Burgo non aceptase as achegas do resto de grupos da esquerda. "Condenamos a Fundación Franco, pero o Parlamento non está para ilegalizar unha fundación e que nos pronunciemos paréceme arriscado; como demócrata non entro nese xogo", defendeu antes de lembrar que a entidade franquista existiu mentres gobernou o PSOE no Estado e coa coalición de PSdeG e BNG en Galicia, Executivo que promoveu a conversión de Meirás en Ben de Interese Cultural para forzar a súa apertura ao público.
O texto aprobado polo PP en solitario pide "un estudo xurídico, en colaboración coas universidades" sobre as vías para a devolución
Tras a correspondente negociación a deputada socialista acadou unha transacción con En Marea e BNG, que renunciaron a parte dos seus textos. A proposición final reclamaba a constitución da comisión para estudar o xeito de que os Meirás deixen de ostentar a propiedade, pero tamén un "rexeitamento da xestión por parte da Fundación Franco das visitas", a petición "ilegalización" da entidade, a conversión de Meirás nun centro de "divulgación" da memoria histórica e da obra de Pardo Bazán e, adicionalmente, a adhesión do Goberno galego á Xunta Pro-Devolución xa constituída.
Ante o acordo da esquerda o PP reclamou a votación por puntos para unirse só ao primeiro, pero Burgo defendeu integramente o texto transaccionado, que recibiu o "non" dos conservadores. A continuación o pleno votou o texto popular, segundo o cal a Xunta realizará "un estudo xurídico, en colaboración coas universidades galegas" para "analizar a posibilidade e mecanismos que, respectando a legalidade vixente, permitan incorporar ao patrimonio público a propiedade" de Meirás, "actualmente en mans dos herdeiros legais de Francisco Franco, xefe do Estado español durante os 40 anos da ditadura" e sen que "dita incorporación (...) implique un novo custo para o pobo de Galicia, que xa o asumiu no ano 1938". A iniciativa foi aprobada en solitario polo PP e a oposición abstívose.