O Estado recoñecerá o Vello Cárcere de Lugo como Lugar de Memoria Democrática

O delegado do Goberno de España en Galicia, a subdelegada en Lugo e o alcalde da cidade atenden explicacións sobre a antiga prisión, este 16 de abril no Vello Cárcere © Goberno de España

A antiga prisión lucense pasou de referencia nos avances no tratamento das poboación reclusa a finais do século XIX a espazo de terror tras o golpe de 1936, se converteu "nun dos principais lugares de represión política en Galicia", salienta o Goberno de España

Nos anos 80 do século XIX o daquela novo cárcere de Lugo abriu como unha instalación avanzada no tratamento das persoas presas. A súa estrutura seguindo o modelo do panóptico, con celas individuais, luz natural e outras medidas hixiénicas, supuxo un avance que freou de vez tras o golpe de 1936

Daquela a cadea lucense virou en espazo de terror, con máis dun milleiro de presos políticos amoreados nun espazo concibido para apenas 140 persoas. Polas súas celas insalubres pasaron multitude de persoas represaliadas, dende cidadanía anónima ata cargos moi significativos na cidade durante a II República a comezar polo alcalde, Francisco Lamas, ou o director do hospital, Rafael de Vega, a quen sacaron do cárcere para asasinalo.

A subdelegada Olimpia López, o delegado Pedro Blanco e o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, no espazo do Vello Cárcere que reproduce os nomes dos presos políticos que foron recluídos alí © Goberno de España

O recinto funcionou como prisión ata 1981, cando abriu o centro penitenciario de Bonxe. Seguiu durante un tempo acollendo algúns servizos municipais ata que o Concello de Lugo, nun complexo procedemento, logrou facerse co total da propiedade que compartía con outros municipios do partido xudicial (Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Outeiro de Rei e Pol) para convertelo nun espazo de cultura e memoria. Dende 2017 o Vello Cárcere é un espazo cultural de referencia na cidade, coa represión franquista padecida dentro dos seus muros sempre presente, e agora será tamén Lugar de Memoria Democrática recoñecido polo Estado.

No Vello Cárcere de Lugo unhas 5.000 persoas padeceron "situacións de extrema dureza con persecución, torturas e condicións inhumanas". Dende hai unha década funciona, rehabilitada, como centro de memoria e cultura do Concello

A finais de 2025, ao fío das primeiras declaracións en Galicia desta figura contemplada na Lei de Memoria Democrática -o Pazo de Meirás e a Illa de San Simón-, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, presentou formalmente ante o secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, e mais a comisionada do programa gobernamental España en libertad: 50 años, Carmina Gustrán, unha petición que vén de recibir o visto e prace. Así o confirmou este xoves o delegado do Executivo en Galicia, Pedro Blanco, nunha visita ao edificio acompañando ao rexedor.

O Vello Cárcere de Lugo, evoca Pedro Blanco, foi "un dos principais lugares de represión política en Galicia" tras o golpe do 36. Alí unhas 5.000 persoas padeceron "situacións de extrema dureza con persecución, torturas e condicións inhumanas". O mantemento no lugar "da memoria democrática dende unha perspectiva pedagóxica e cidadá", salienta, é clave para transmitila especialmente ás xeracións máis mozas, "explicar o que ocorreu, evitar que se banalice e impedir que caia no esquecemento".

Olimpia López, Pedro Blanco e Miguel Fernández, na exposición permanente do Vello Cárcere sobre a represión alí vivida © Concello de Lugo

Para o alcalde lucense, o inicio deste expediente -que o Goberno de España prevé ter concluído o vindeiro maio- é "un paso fundamental para seguir dignificando un espazo que fala da nosa historia e do compromiso de Lugo cos valores democráticos". O Vello Cárcere, salienta Fernández, é "hoxe un espazo vivo, que promove a reflexión crítica sobre o pasado e contribúe a construír unha sociedade máis xusta e libre". 

Convertelo en Lugar de Memoria, resalta, "permitirá reforzar a súa programación e proxección, ademais de abrir novas oportunidades de financiamento e divulgación". "Cando hai diálogo e cooperación, os proxectos avanzan", agradece. Unirase así ao Pazo de Meirás, a San Simón e á cidade de Ferrol nunha declaración ao abeiro da Lei de Memoria á que tamén aspiran outros espazos significativos no noso país, caso de varios puntos clave da cidade da Coruña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.