Co inicio do proceso para ser declarado Lugar de Memoria Democrática "rescátase do silencio e do esquecemento un escenario singular da represión franquista", destacou o secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez
Xa está en marcha o procedemento para declarar a Illa de San Simón como Lugar de Memoria Democrática, un proceso que se suma ao iniciado no Pazo de Meirás este martes. Cadrando coa publicación no BOE deste mércores, o secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, visitou esta mañá o espazo que fora utilizado polos golpistas como campo de concentración. Fíxoo canda a comisionada para o programa 50 anos de España en Liberdade, Carmina Gustrán; a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e outros cargos.
Na súa intervención na propia illa, Fernando Martínez destacou que coa incoación do expediente de Lugar de Memoria "rescátase do silencio e do esquecemento un escenario singular da represión franquista", lembrando que máis de 5.600 presos pararon por este campo de concentración e que máis de medio milleiro morreron aquí.
Martínez subliñou que a declaración constitúe "un acto de xustiza e reparación cara a todas aquelas persoas que sufriron persecución e represión en San Simón" e afirmou que o Goberno do Estado "asume o compromiso de manter vivo este espazo como símbolo de memoria democrática, para as xeracións presentes e futuras".

O campo de concentración estivo aberto entre outubro de 1936 e o 15 de marzo de 1943 e por el pasaron máis de 5.600 presos
Pola súa banda, a comisionada do programa 50 anos de España en Liberdade, Carmina Gustrán, lembrou que "a illa de San Simón foi un dos principais campos de concentración de presos republicanos procedentes de toda españa, sometidos a condicións inhumanas que provocaron centenares de mortes por fusilamentos, fame e enfermidades". E subliñou que "isto era o franquismo, o poder cruel e omnímodo da ditadura, fronte ao que hoxe celebramos 50 anos do principio do seu fin e o inicio dun horizonte de esperanza e cambio para o noso país".
5.600 prisioneiros, 517 mortes documentadas na illa
Na resolución que inicia o procedemento para súa declaración como Lugar de Memoria Democrática destácase o uso de San Simón como "colonia penal na que os sublevados recluíron a presos republicanos chegados nun primeiro momento da provincia de Pontevedra e de toda Galicia, e posteriormente doutros lugares da xeografía española, especialmente desde Asturias". Un "campo de concentración carceraria" que estivo aberto entre outubro de 1936 e o 15 de marzo de 1943 e polo que pasaron máis de 5.600 presos.
Están documentadas "máis de 517 mortes ademais das que se produciron por paseos e fusilamentos". Porén, en xaneiro dende o PP afirmouse non ter "constancia" de que "houbera mortes na illa de San Simón"
O campo pasou por distintas fases, unha primeira na que serviu para acoller temporalmente a presos republicanos procedentes do resto da provincia antes de ser paseados por grupos falanxistas ou executados despois da celebración de xuízos militares. Entre 1937 e 1939 pasou a acoller a enormes continxentes de prisioneiros procedentes das frontes de Asturias e Euskadi, chegando a apiñarse na pequena illa máis de dous mil presos nalgúns momentos. Entre 1939 e 1943 San Simón pasou a coller a prisioneiros chegados dende todo o Estado.
O texto publicado no BOE destaca que "a pesar das boas condicións que presentaba a illa con respecto a outros penais, o número de mortos que houbo nela foi especialmente elevado". Sinálase que "as malas condicións de vida, o amoroamento e a fame cebáronse cunha poboación recluída maioritariamente por encima dos 60 anos" e detállase que se téñense contabilizadas "máis de 517 mortes ademais das que se produciron por paseos e fusilamentos".

A resolución destaca tamén que San Simón non só está asociado á morte e á represión franquista, senón que é tamén "un referente de resistencia e solidariedade" e detalla a acción das familias da contorna
Cómpre lembrar que o pasado mes de xaneiro o deputado do PP José Luis Ferro Iglesias, afirmou publicamente non ter "constancia" de que "houbera mortes na illa de San Simón", reducindo a situación a "abusos do director daquel momento da prisión". A intervención negacionista do deputado popular, que o presidente da Xunta se negou a rebater, foi respondida por historiadores, que acusaron ao PP e a Rueda de "negar e banalizar" a represión na Illa de San Simón e lembraron que está documentada a morte de centos de prisioneiros no lugar.
A resolución destaca tamén que San Simón non só está asociado á morte e á represión franquista, senón que é tamén "un referente de resistencia e solidariedade" e detalla a acción das familias da contorna, fundamentalmente mulleres de Cesantes, as coñecidas como "madriñas", "que atenderon a moitos dos presos levándolles víveres, roupa ou facendo de ligazóns coas súas familias, residentes noutros lugares das provincias galegas ou do resto de España".
Os usos permitidos na Illa de San Simón
Nos últimos anos asociacións memorialistas veñen denunciando o uso da Illa de San Simón como espazo para o desenvolvemento de actividades que poderían supor unha ofensa á dignidade das vítimas deste campo de concentración e as súas familias
A declaración, que sinala a obiga de "garantir a perdurabilidade, identificación, explicación e sinalización adecuada" do futuro Lugar de Memoria, subliña o feito de que San Simón é un espazo onde se cometeron crimes de lesa humanidade ou contrarios aos dereitos humanos. Nos últimos anos asociacións memorialistas veñen denunciando o uso da Illa de San Simón como espazo para o desenvolvemento de actividades que poderían supor unha ofensa á dignidade das vítimas deste campo de concentración e as súas familias, coma o festival Sinsal de música ou, máis recentemente, un obradoiro de bachata.
A resolución, aínda que non propón "medidas de protección específicas diferentes das medidas xerais de garantía de perdurabilidade" do espazo, lembra que "non se poderán realizar actos públicos" que supoñan "descrédito, menosprezo ou humillación das vítimas ou os seus familiares", nin sobre todo que "supoñan exaltación persoal ou colectiva da sublevación militar, a Guerra, a Ditadura ou dos seus dirixentes".

O texto conclúe "calquera intervención ou uso futuro do ben deberá desenvolverse con pleno respecto á dignidade das vítimas e ao espírito de recoñecemento e reparación que inspira a normativa de memoria democrática"
O texto conclúe "calquera intervención ou uso futuro do ben deberá desenvolverse con pleno respecto á dignidade das vítimas e ao espírito de recoñecemento e reparación que inspira a normativa de memoria democrática e a cualificación do ben como Lugar de Memoria Democrática". Esta redacción, algo xenérica, poderá ser concretada no futuro do desenvolvemento dun plan de usos do recinto.
Neste senso, a ex deputada de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, María Ortega (BNG), subliña que a resolución final da declaración "debe deixar moi claras, entre outras cousas, as restricións de usos para garantir respecto á memoria das vítimas". “O expediente non está nin moito menos resolto. Agardamos que as cousas queden ben atadas e que a resolución final inclúa un réxime de protección e conservación que aclare todo o que ten que aclarar, sobre todo, con respecto ao plan de usos deste lugar, que debe ser tratado con respecto, non como ata o de agora”, dixo.
A ex deputada de Memoria Histórica María Ortega subliña que a resolución final da declaración "debe deixar moi claras, entre outras cousas, as restricións de usos para garantir respecto á memoria das vítimas"
"San Simón deberá incluírse no Inventario Estatal de Lugares de Memoria e deberán implementarse actividades e iniciativas conmemorativas, didácticas e reparadoras", engadiu Ortega que, en calquera caso, amosou a súa "satisfacción" polo inicio da tramitación para que San Simón "por fin sexa declarada oficialmente lugar de memoria democrática, tal como o BNG, da man do movemento memorialista, reclamou publicamente dende o goberno da institución provincial durante a etapa do bipartito".
Pola tarde, o secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco desprazaranse ata o Concello de Lugo para seren recibidos polo alcalde, Miguel Fernández, e visitar xuntos O Vello Cárcere, espazo recuperado como centro de memoria.