Os principais historiadores e investigadores de Galicia sobre o tempo no que a Illa de San Simón foi cárcere e campo de concentración franquista responden aos representantes do PP, "e nomeadamente ao presidente da Xunta", Alfonso Rueda, logo de que puxesen en dúbida o número e mesmo a existencia de mortes e asasinatos neste illote da ría de Vigo.
"A verdade non se debate", reza o manifesto asinado por doce historiadores, en resposta a Alfonso Rueda, que evitou corrixir o deputado do seu partido, José Luis Ferro, tras negar ter "constancia" de que "houbese mortes" de presos políticos da ditadura na Illa de San Simón e logo pedir desculpas. "Este tipo de debates hai que deixárllelos aos historiadores", dixo o presidente da Xunta, que asegurou que o único que estivera en cuestión no Parlamento foi o "debate concreto do número de vítimas", non que "en San Simón houbo represión".
Agora no manifesto, difundido pola Iniciativa Galega pola Memoria, unha ducia de investigadores da represión franquista na illa advirten de que as declaracións do deputado do PP e mais de Rueda son "de extrema gravidade" polo que supoñen de "negación da verdade histórica e banalización do acontecido nunha das máis duras e crueis prisións franquistas".
As persoas investigadoras da represión en San Simón cren "de extrema gravidade" as palabras de Ferro e Rueda pola "negación da verdade histórica e banalización do acontecido"
Así, e en relación ás palabras do presidente da Xunta, sinalando que deixaba ás persoas historiadoras o debate sobre as vítimas mortais na illa de San Simón, insisten en que "a verdade dos feitos non se discute nin se debate".
Para os e as investigadoras, as declaracións dos populares son "unha nova pinga na actitude militante do PP contra a memoria histórica, que xa se viu amosando en múltiples ocasións: na súa negativa a desenvolver en Galiza políticas públicas baseadas no dereito á verdade, á xustiza e á reparación; no desmantelamento por parte da Xunta gobernada polo PP de proxectos como Nomes e Voces centrados na investigación sobre a represión franquista en Galiza; e na conversión da Illa de San Simón nunha especie de parque temático no que teñen cabida todo tipo de actividades organizadas por empresas privadas (festivais musicais, buscas do tesouro, obradoiros de ioga, festas de halloween...), co que iso supón de banalización e mercantilización dun espazo de memoria, e por tanto de ofensa cara ás vítimas, ás súas familias e á sociedade no seu conxunto".
Os e as investigadoras censuran "unha nova pinga na actitude militante do PP contra a memoria histórica" e lembran que "está máis que acreditada e demostrada" a represión en San Simón
Os investigadores advirten de que "está máis que acreditada e demostrada a represión extrema, a crueldade, as torturas, os traballos forzados, as extorsións, o terror que sufriron os presos da Illa de San Simón e do barco Upo Mendi".
Xa que logo, lembran que os investigadores Gonzalo Amoedo e Roberto Gil recollen no libro Episodios de terror durante a guerra civil na provincia de Pontevedra. A illa de San Simón os nomes de 482 persoas mortas na illa, especialmente nos anos 1940-1941-1942. Ademais, lembran, Xoán Carlos Abad Gallego, no artigo La isla de los muertos. Vida y muerte en la colonia penitenciaria de San Simón (Instituto de Estudos Vigueses, 2001) incrementa as mortes documentadas na illa entre 1936 e1943 a 517, unhas cifras que, aseguran, "non recollen a totalidade xa que a documentación que existe é incompleta ou de difícil acceso".

No manifesto recórdase que o Proxecto Nomes e Voces recolle tamén casos de "reos que morreron polas condicións padecidas no cárcere por fame e enfermidades" e advirten que San Simón "foi unha especie de corredor da morte para ducias de presos aos que foron buscar para ser fusilados diante dun pelotón militar ou sacados de noite por grupos falanxistas e da garda cívica para ser asasinados impunemente nas estradas dos concellos da contorna".
Así, o manifesto remata reclamando que a Illa de San Simón "sexa declarado Lugar de memoria histórica democrática ao abeiro do previsto na lei 2022 de memoria democrática, tal como solicitou o pasado mes de xullo de 2024 o movemento memorialista galego a través da Iniciativa Galega pola Memoria". Segundo as previsións, esta declaración será efectiva no vindeiro mes de agosto, previsiblemente a través dun acto público, como se deu a coñecer a través da publicación do programa da iniciativa España en libertad. 50 años, do Goberno central.
O manifesto pide declarar xa San Simón como 'Lugar de memoria histórica', que se prohiban actividades ofensivas cara ás vítimas e un programa estable de actividades
Os asinantes demandan, ademais, que se recupere a consideración de San Simón como Illa da Memoria, que se elabore "un plan de usos tendo en conta a súa consideración de BIC, no que se prohiba expresamente o desenvolvemento de actividades ofensivas cara ás vítimas", e que "se organice un programa estable de actividades de investigación, divulgación, homenaxe e aproveitamento pedagóxico relacionado coa condena da ditadura franquista, a defensa dos valores democráticos e antifascistas, a posta en valor da solidariedade e da resistencia antifranquista e o coñecemento das vidas e os ideais das persoas que sufriron violacións de dereitos humanos no campo de concentración de San Simón".
As persoas historiadoras e investigadoras que asinan o manifesto son Xoán Carlos Abad Gallego, Xosé Álvarez Castro, Xosé María Álvarez Cáccamo, Gonzalo Amoedo, Montse3 Fajardo, Juan Antonio González Pérez, Iria Morgade, Eva Mejuto Rial, Xosé Manuel Núñez Seixas, Dionisio Pereira, Clara María de Saá Quintas e Matías Rodríguez da Torre.