O PSdeG, que pedía constituír un Consello da Memoria de Galicia, lamenta que os populares "abrazan as teses do negacionismo franquista", e o BNG di que "están cruzando todas as liñas vermellas na súa carreira cara áultradereita"
"Que nós teñamos constancia, tampouco sabemos a día de hoxe pola documentación que existe que houbera mortes na illa de San Simón salvo abusos do director daquel momento da prisión que foi pasado polo coitelo, o mesmo director da prisión porque trataba mal os presos".
Quen así se pronunciou este mércores no Parlamento de Galicia foi o deputado do PP José Luis Ferro Iglesias, negando os centos de mortes rexistradas no campo de concentración franquista da ría de Vigo documentadas por diversos investigadores, moitas delas precipitadas polas condicións insalubres en que os golpistas mantiñan os presos políticos. O popular reduciu a represión alí producida a "abusos" do director do complexo.
O pronunciamento do deputado popular sobre a illa de San Simón produciuse no debate dunha proposición non de lei presentada polo PSdeG para instar a Xunta "a constituír, de forma consensuada cos grupos políticos con representación parlamentaria, o Consello da Memoria Democrática de Galicia" como órgano de debate e asesoramento nesa materia ao abeiro da nova lei estatal. Tras a defensa da iniciativa por parte da deputada socialista Paloma Castro e a adhesión á mesma do nacionalista Luís Bará, o popular Ferro Iglesias tentou xustificar a negativa do seu grupo a apoiala argumentando supostos "estereotipos, prexuízos ou sambieitos" sobre o PP.
O popular defendeu tamén que a Xunta "colabora" para localizar foxas mentres o Goberno de Sánchez "busca dividir os españois", aínda que o Executivo galego se limita a transferir os fondos que o Estado envía para estes labores
Ferro Iglesias asegurou que "o PP é un partido democrático", que no Parlamento "xa se produciron varias condenas do réxime franquista". Tamén que a Xunta "colabora" para a identificación de foxas -faino fuxindo de aparecer nas fotos e limitándose a transferir os fondos que recibe do Goberno de España- mentres que o Goberno de Pedro Sánchez "busca dividir os españois".
Nesa liña, o deputado popular engadiu que o Goberno galego "aínda non ten constancia oficial" da iniciativa estatal para protexer o Pazo de Meirás e a illa de San Simón como 'lugares de Memoria Democrática'. Foi a continuación cando reduciu a represión no segundo deses lugares a "abusos" do seu director, como se pode comprobar no vídeo dispoñible na web do Parlamento de Galicia e no vídeo que acompaña estas liñas, tirado do sinal institucional do lexislativo galego.

As palabras do deputado popular provocaron a reacción de PSdeG e BNG. Paloma Castro lamentou "que o PP teña abrazado hoxe no Parlamento as teses do negacionismo franquista". Pola súa banda, o nacionalista Luís Bará tentou sen éxito que o presidente da comisión do Parlamento, o tamén popular Julio García Comesaña, lle dese a palabra para desmentir a Ferro Iglesias. A súa compañeira Montse Prado criticou que os populares "non teñen vergonza, están cruzando todas as liñas vermellas na súa carreira cara a ultradereita".