A vicepresidenta do Parlamento tenta retirar unha mención a Franco como ditador: "Era ou non?"

Lara Méndez e Elena Candia, durante o tirapuxa deste 19 de decembro no Parlamento, e unha imaxe de Fraga como ministro da ditadura a carón de Franco CC-BY-NC-SA Praza.gal

A socialista Lara Méndez evoca o pasado franquista de Manuel Fraga, "sentado á dereita do ditador", e a popular Elena Candia advírtea coa retirada das súas palabras propiciando un tenso tirapuxa no pleno da Cámara

O pasado outubro a deputada do PP referiuse implicitamente a Pedro Sánchez como "ditador" durante un pleno do Parlamento. A resposta á insinuación por parte da socialista Lara Méndez acabou derivando nun agre enfrontamento da vicevoceira e secretaria xeral dos conservadores, Paula Prado, co presidente da Cámara, Miguel Santalices, aireando así a cada vez máis indisimulada hostilidade da dirixencia dos populares contra o xefe do lexislativo do seu propio partido.

Este 18 de decembro aquel episodio ecoou no Pazo do Hórreo noutro tirapuxa que acabou coa vicepresidenta da institución, Elena Candia (PP), tentando retirar unha mención a Francisco Franco coma o "ditador". Pronunciáraaa mesma parlamentaria do PSdeG no marco dunha lembranza do pasado franquista do ex-presidente Manuel Fraga, quen durante a ditadura ostentou cargos de tanta relevancia coma o de ministro de Información e Turismo.

Mencións de Lara Méndez a Franco como "ditador" e intento de retirada por parte de Elena Candia, este 18 de decembro no Parlamento CC BY-NC-SA Praza.gal | Imaxe: Sinal institucional Parlamento

O episodio comezou mentres a ex-alcaldesa de Lugo, contra quen Candia competiu nas municipais de 2023, defendía unha iniciativa sobre a reversión de terreos portuarios aos concellos, respondeu aos populares sobre o actual rol dos socialistas. O PSOE, confrontou, atesoura "145 anos de historia" mentres "vostedes tiveron que andar cambiando de nome ao seu partido; dende Partido Popular a Alianza Popular" e "os seus antecesores estaban alí, á man dereita do ditador".

Minutos despois, no transcurso doutro debate sobre as exencións fiscais a empresas que patrocinen o Xacobeo 2027, Méndez lembrou o "punto de inflexión" de 1993 nese ámbito, "época xa do señor Fraga, aquel que estaba sentado á dereita do ditador". Foi nese punto no que Candia, que presidía accidentalmente o pleno en ausencia de Santalices, a apercibiu para instala a retirar o termo aludindo, precisamente, ao precedente de outubro.

Manuel Fraga, como ministro da ditadura na inauguración dos novos estudios de TVE en 1964 ao carón de Francisco Franco © Imaxes do NO-DO

"Parece que lles molesta, pero é a realidade", sinalou Méndez ante as protestas da bancada do PP. "Non é que moleste, é que vostede retirou ese concepto noutro debate", repuxo Candia, ante o que a deputada do PSdeG tentou aclararlle que se refería especificamente ao xeneral golpista. "Non sei se me escoitou", cuestionou Méndez; "perfectamente"; retrucou Candia, quen a continuación lembrou a "facultade para retiralo" de quen preside o pleno.

Méndez deu en dubidar se Candia escoitara o que dixera e a popular retrucou que "perfectamente" nun episodio no que a nacionalista Montse Prado tamén lle afeou a conduta: "Pero Franco non era un ditador?"

Méndez non ocultou o seu estupor ante a advertencia de Candia, que tamén motivou as protestas da vicesecretaria segunda da Mesa, Montse Prado, do BNG. "Pero Franco non era un ditador?", cuestionou a nacionalista. "Pero non está falando de Franco!", interpretou Candia.

"Se cadra son eu a despistada e a idade xa me pasa mala factura; pero, Franco era un ditador, si ou non?", retomou Lara Méndez para aclarar de vez o dito. Finalmente, o apercibimento da tamén líder do PP de Lugo ficou en advertencia e a intervención de Méndez reflectirase no Diario de Sesións de maneira íntegra, sen o destaque tipográfico que dende 2018 acompaña as palabras formalmente retiradas pola presidencia, que dende aquela volveron deixar de ser borradas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.