O Regulamento do Parlamento dá a Presidencia da institución a facultade de chamar á orde aos membros do lexislativo cando "proferiren palabras ou verteren conceptos ofensivos ao decoro da Cámara, dos seus membros, das institucións do Estado e de Galicia ou de caquera outra persoa ou entidade". Esta norma, de redacción aberta, deixa nas mans de quen preside cada sesión plenaria -por norma xeral, o titular da Presidencia, actualmente Miguel Santalices- a decisión de determinar se unha palabra ou frase ofende ou non, se vai contra o decoro ou o respecta. Esas expresións veñen de deixar de ser borradas da historia parlamentaria galega.
Nos últimos anos a aplicación do precepto do Regulamento que permite á Presidencia retirar expresións "ofensivas" ou contra o "decoro" implicaba que non aparecesen no Diario de Sesións, documento oficial concibido para "reproducir integramente" os debates
Cando a Presidencia interpreta que o "decoro" foi transgredido o Regulamento dálle no seu artigo 106.3 a facultade de "requirir o deputado ou orador para que retire as ofensas proferidas". Se a persoa no uso da palabra se nega a facelo o presidente pode chamala á orde formalmente, un apercibimento que se é repetido tres veces pode acabar en expulsión do pleno. Ese mesmo artigo outorga ao presidente unha función máis: a chamada á orde implica a retirada da expresión en cuestión e ademais pode ordenar que esas palabras "non consten no Diario de Sesións", documento oficial ao que o mesmo Regulamento dá a función de "reproducir integramente, deixando constancia dos incidentes producidos, todas as intervencións e acordos".
Un problema para transcribir un debate propiciou que o Servizo de Publicacións da Cámara propuxese mudar o criterio e transcribir as palabras retiradas, pero destacadas graficamente; a Presidencia aceptou
Nos últimos anos -cando menos, dende o mandato de Pilar Rojo como presidenta- a orde de que as palabras retiradas "non consten" veu sendo literal. Así, quen percorra os Diarios de Sesións das últimas lexislaturas atinxidos por este precepto quedará sen saber, por exemplo, que dende as bancadas da oposición se dirixiron ao PP expresións como "clan", "corrupto", "machista" ou "este tío", que un deputado cualificou os recortes sociais como "saqueo ao pobo galego" ou que un membro da Cámara se dirixiu a outro como "mentireiro". Pero esa práctica vén de cambiar.
Fontes parlamentarias consultadas por Praza.gal confirman que un problema para transcribir un debate celebrado hai unhas semanas -paso previo á súa plasmación no Diario de Sesións- propiciou que o departamento da Cámara que se encarga deste labor, o Servizo de Publicacións, propuxese un cambio de criterio. Tras investigar o xeito de proceder doutros parlamentos consideraron máis adecuado que as palabras retiradas por ir contra o "decoro" fosen igualmente transcritas, pero sinalando que foron obxecto dunha retirada e distinguíndoas graficamente mediante corchetes e letra cursiva . A proposta foi trasladada á Presidencia que, confirman as fontes consultadas, deu o seu visto e prace.
Os servizos da Cámara investigaron os modelos seguidos noutros parlamentos para propoñer o novo sistema, semellante ao que tamén se aplica no Congreso
O novo sistema xa está a aplicarse, como pode observarse nalgún dos últimos exemplares do Diario de Sesións. É o caso do correspondente ao pasado 24 de outubro, cando o presidente Santalices deu orde de retirar as expresións lanzadas polo deputado do PP Moises Blanco, quen no marco dun debate sobre política forestal considerou que "algúns responsables políticos" da oposición "podería parecer" que "estivesen desexando" que se producisen incendios forestais. A acusación foi transcrita e así poderá ser recuperada no futuro, pero figura destacada tipograficamente e coa advertencia de que se trata dunha "Expresión retirada do Diario de Sesións polo señor presidente ao abeiro do artigo 106.3 do Regulamento". O Diario de Sesións recupera, deste xeito, integramente a súa función.
Este xeito de transcribir expresións retiradas xunto coa advertencia de que isto sucedeu é moi semellante ao que tamén se aplica no Congreso dos Deputados. Así, por exemplo, cando o pasado mércores a presidenta da Cámara Baixa, Ana Pastor, ordenou a retirada dalgunhas das palabras do deputado de ERC Gabriel Rufián, isto non implicou que non consten no Diario de Sesións correspondente a ese pleno. As verbas reprobadas -"fascistas" e "golpistas"- figuran na transcrición, pero con cursiva e corchetes e mais, neste caso, cunha nota a rodapé que indica a retirada.