"Corrupto", "machista", "este tío": as outras palabras prohibidas no Parlamento galego

Mesa do Parlamento, órgano reitor da Cámara encargado de ordenar e dirixir os debates © Parlamento de Galicia

A posible concorrencia de Alberto Núñez Feijóo no congreso no que o PP decidirá a remuda de Mariano Rajoy como líder do partido está a virar numerosos focos políticos e mediáticos cara a Galicia, tamén por parte de cabeceiras que adoitan ignorar habitualmente a política galega. Un dos episodios que máis interese e controversia suscitou nos últimos días foi a prohibición, por parte da Presidencia do Parlamento, de que os deputados afirmen que o PP é un partido "condenado por corrupción". O xefe do lexislativo, Miguel Santalices, apoia este veto nun informe xurídico que, di, pediu aos letrados da Cámara antes da última sesión de control, na que toda a oposición cuestionou a Feijóo pola sentenza do caso Gürtel, pero que evitou amosar a En Marea, PSdeG e BNG malia pedíreno reiteradamente.

Aínda que o contexto político e a propia petición específica dun informe tratado como secreto contribuíron a alargar o impacto político deste episodio, o veto a determinadas palabras ou expresións nos debates parlamentarios galegos non é novo e atinxiu xa a termos moi dispares, dende "corrupto" ata "ese tío". Ten a súa base no Regulamento do Parlamento e, sobre todo, nunha interpretación restritiva do mesmo que comezou a aplicar con acusado rigor a anterior presidenta da Cámara, Pilar Rojo, especialmente dende o inicio da segunda lexislatura con Feijóo na presidencia da Xunta, iniciada en 2012 nun contexto de tensión social e política crecente.

A prohibición á oposición de afirmar que o PP foi "condenado por corrupción" a partir dun informe que a Presidencia da Cámara evita amosar xirou os focos mediáticos cara a unha práctica habitual dende hai anos no Parlamento galego

A base xurídica destes vetos a determinadas palabras está no artigo 105 do vixente Regulamento parlamentario, que rexe as chamadas á orde por parte da Presidencia. Segundo este precepto os membros da Cámara reciben unha chamada á orde, entre outros supostos, "cando proferiren palabras ou verteren conceptos ofensivos ao decoro da Cámara, dos seus membros, das institucións do estado e de Galicia ou de calquera outra persoa ou entidade". Esta redacción é o suficientemente aberta como para que, en última instancia, dependa da persoa que presida cada sesión determinar se unha palabra determinada é ou non "ofensiva" ou transgrede o "decoro".

Luís Villares (En Marea), Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG) e Ana Pontón (BNG)

Se o presidente do Parlamento ou quen o substitúa na dirección dun pleno considera que se produce tal ofensa, o Regulamento ampárao no seu artigo 106.3 para "requirir o deputado ou orador para que retire as ofensas proferidas". Se a persoa que teña a palabra se nega a facelo, a presidencia pode chamala á orde por cada unha das negativas. Tres chamadas á orde equivalen á retirada da palabra e poden levar aparellada "a sanción de non asistir ao resto da esión". "Se o deputado sancionado non atender o requirimento de abandonar o salón de sesións -agrega o Regulamento- o presidente adoptará as medidas que considere pertinentes para facer efectiva a expulsión" e pode prohibirlle "asistir á seguinte sesión", entre outras medidas.

Palabras prohibidas, palabras borradas

Ademais das devanditas sancións ao deputado ou deputada que se exprese, a xuízo da presidencia, de xeito contrario ao "decoro", a aplicación do artigo 106.3 ten outra consecuencia que transcende os propios membros do actual Parlamento e queda fixada na historia da institución. Cando o presidente determina a retirada "das ofensas proferidas" o Regulamento facúltao para "ordenar que non consten no Diario de Sesións", o documento oficial que, segundo a mesma norma parlamentaria, debe "reproducir integramente, deixando constancia dos incidentes producidos, todas as intervencións e acordos".

Fragmentos do Diario de Sesións do Parlamento da actual e da anterior lexislatura con expresións retiradas por orde da Presidencia

O Regulamento faculta a Presidencia para que, unha vez retiradas as "ofensas proferidas", estas palabras non consten no Diario de Sesións, documento concibido para "reproducir integramente todas as intervencións"

A existencia desta norma e o rigor na súa aplicación provoca que nos últimos anos as transcricións dos plenos, fundamentalmente das intervencións da oposición -pero dalgunha do propio Feijóo e doutros membros do PP-, estean salferidas de ocos coa referencia "por orde do señor presidente, ao abeiro do artigo 106.3 do Regulamento, queda retirada esta expresión". Polo camiño quedan, por exemplo, palabras dirixidas dende a bancada opositora aos populares como "clan" ou "corrupto", pero tamén expresións como "atraco" para criticar determinados recortes económicos ou a consideración de que un cargo político é "machista". Tampouco consta, por exemplo, que na pasada lexislatura un deputado da oposición definiu os recortes sociais como "un saqueo ao pobo galego".

Quen, no futuro, desexe consultar os debates parlamentarios a través do Diario de Sesións ignorará que estas expresións foron pronunciadas e non saberá, daquela, a razón exacta pola que un deputado ou deputada recibiu unha chamada á orde coas consecuencias que correspondan regulamentariamente. En ocasións, no entanto, dáse a paradoxal situación de que a expresión contraria ao "decoro" é borrada pero permanece na transcrición o momento en que, dende a presidencia, se reproducen as palabras cuestionadas para reclamar, precisamente, que sexan retiradas.

Feijóo, no inicio dun pleno © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.