0 Gardados para despois

Feijóo revalida a Presidencia da Xunta entre ataques á oposición

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Ningún deputado que non fose do PP se achegou a estreitar a man de Alberto Núñez Feijóo este xoves cando, a falta dun cuarto de hora para as sete da tarde, foi elixido presidente da Xunta por segunda vez. O líder conservador recibía o apoio dos seus 41 escanos tras unha longa xornada parlamentaria na que foi, paulatinamente, perdendo a asepsia do ton xestor co que impregnou o seu discurso de investidura do martes, substituído no treito final do debate por unha baixada ao corpo a corpo coa oposición non exento de ataques. "Solicito o apoio desta Cámara no nome de Galicia" e non non do PP, veu dicir Feijóo antes da votación, nunha aposta pola identificación entre presidente e país da que estivo lonxe no resto da sesión.

Despois de asegurar, durante a mañá, non ter "interese" en acceder ao "podio das descualificacións", o que xa é presidente electo da Xunta repartiu ou, se cadra, tentou devolver con contundencia as andanadas que viña recibir, por esta orde, da banda dos voceiros de BNG, AGE e PSdeG. Con todo, a resposta non foi da mesma intensidade para todos. Mentres que de Pachi Vázquez chegou a solicitar "axuda" en diversos asuntos, como o impulso ao naval ou ao sector leiteiro, para Francisco Jorquera non aforrou desdén para valorar a súa aposta pola "autodeterminación" , debate que dá por "zanxado" xa que "vostede levábaa no programa e sacou o que sacou". Ademais, mantén, o pobo galego xa se "manifesta sobre o dereito de autodeterminación cada vez que hai eleccións e sempre di o mesmo, non á autodeterminación, si á Galicia constitucional".

"Solicito o apoio desta Cámara no nome de Galicia" e non do PP, veu dicir Feijóo

O reelixido xefe do Goberno apoia ademais o seu rexeitamento ás propostas nacionalistas na afirmación de que "España é unha nación dende hai 500 anos", a cal non pasou desapercibida nas bancadas da oposición. "Volve á escola!", retrucou dende o escano David Fernández, deputado de Alternativa Galega de Esquerda que recibiu a primeira chamada á orde da lexislatura por parte da presidenta da Cámara. Foi precisamente o voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, quen desenvolveu a intervención máis dura da tarde e quen tamén recibiu foi obxecto dun maior ataque por parte de Feijóo. "Non somos violentos, pero a xente vainos situar en estado de sitio e van saír por pernas de aquí", vaticinou Beiras. "Pídolle que non ameace a ninguén, porque isto non é un estado de sitio", repuxo o popular. "Non nos van desaloxar de aquí nunca, tentouno o 23 de febreiro de 1981 alguén e non o conseguiu nin o conseguirá xamais", argumentou entre entusiastas aplausos da súa bancada.

Coñecer "as orixes" e "chegar a fin de mes"

No que semella que será un avance do que está por vir ao longo da lexislatura, Feijóo esforzouse especialmente en sementar o enfrontamento con Beiras, empregando o seu discurso para tentar invertilo en forma de dardo dialéctico. Así, por exemplo, despois de que o histórico nacionalista ironizase con que o PP convertera o Parlamento se non nunha "cámara de gas", si nunha "cámara de tortura", o titular da Xunta especulou sobre as razóns polas que "lle gusta moito esta Cámara, porque cando eu ía á universidade vostede xa estaba". Ademais, ao seu xuízo, cómpre que "cada un" se pregunte "cales son as súas orixes e o que lle custou estar aquí; eu sei o que me custou a min e á miña familia e a outros, custoulles menos".

Jorquera observa o presidente "petrificado" na oposición ao bipartito e AGE non dubida de que representa "o franquismo sen Franco"

Á marxe do descenso máis ou menos buscado á area tirapuxa partidario, Feijóo procurou tamén pechar o círculo do debate de investidura rematándoo onde o comezou, isto é, cunha declaración de intencións de ton xerencial. Dende o Bloque, Jorquera obsérvao "petrificado no ano 2005", na oposición ao bipartito; AGE non dubida de que representa o "franquismo sen Franco" e o PSdeG augura catro anos máis de "contos". Pero o presidente mantén que non ten "máis vocación que Galicia", unha Galicia que "pague" e "saia adiante" malia os "agoreiros desta tarde", que "alimentan a desesperanza dun pobo". "Eu voume dedicar a alimentar a esperanza" mentres, como fai "un pai de familia", garante que a Administración autonómica "chega a fin de mes". 

A presidenta da Cámara leu o resultado da votación e os deputados e deputadas populares desfixéronse en aplausos cara ao seu líder mentres as bancadas da oposición ían ficando baleiras. Feijóo aínda tivo tempo para, xa nos corredores do Pazo do Hórreo, recibir os parabéns de compañeiros de partido, persoeiros máis ou menos recoñecidos e tamén da súa nai e da súa irmá. Comeza a segunda parte do retorno do PP ao poder.

Deputados do PP apláudenlle a Feijóo tras reelixilo presidente

Vázquez, visto a través das pantallas de televisión, no hemiciclo

Vázquez, nun intre da súa intervención

Beiras, captado pola TVG durante o debate

Feijóo, no seu escano rodeado de conselleiros

Pachi Vázquez, con Caamaño e Méndez Romeu

Jorquera, no Parlamento

Pachi Vázquez intervén durante o debate

Beiras diríxese a Feijóo, durante o debate

Pedro Puy, durante a súa réplica á oposición

Debate de investidura

O 29 de novembro o Parlamento reelixiu a Feijóo como presidente da Xunta, cos votos do PP e a oposición de PSdeG, AGE e BNG

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.