0 Gardados para despois

Feijóo nega que o PP estea condenado por corrupción e só admite “graves erros de control”

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


“É evidente que no PP se produciron graves erros de control, e por iso hai un ex-tesoureiro condenado e varios alcaldes condenados” pero “non hai ningunha condena ao PP por corrupción”. Así se pronunciou este mércores o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, principal aspirante á sucesión de Mariano Rajoy á fronte do PP, cando foi preguntado por toda a oposición no Parlamento de Galicia pola condena do seu partido no caso Gürtel e como esta o salpica a el e polo seu propio futuro político.

O presidente evita responder as reiteradas preguntas sobre o seu futuro que lle formula a oposición, que lembra a súa amizade con Marcial Dorado e os casos de corrupción dos populares galegos

Sobre a corrupción, Feijóo centrou as súas réplicas no “ti máis” ao lembrar casos de corrupción ou irregularidades doutros partidos e sobre a súa posible marcha da Xunta a Madrid limitouse a dicir que volverá a someterse á próxima sesión de control quincenal do Parlamento galego: “Volverémonos ver o 20 de xuño”, dixo. Posteriormente, nunhas breves declaracións aos medios á súa saída da Cámara, Feijóo insistiu en que aínda non está convocado o congreso da sucesión de Rajoy e que non ten nada que dicir ao respecto.

Na sesión de control deste mércores os tres portavoces dos tres grupos da oposición, Luís Villares de En Marea, Xoaquín Fernández Leiceaga do PSdeG e Ana Pontón do BNG, coincidiron en preguntarlle a Feijóo canto tempo vai seguir sendo presidente da Xunta e afeándolle a inestabilidade para Galicia que supón a súa indefinición. Do mesmo xeito, a oposición lembroulle diversos casos de corrupción do PP galego e En Marea e BNG salientaron especialmente a súa amizade de anos con Marcial Dorado, condenado por narcotráfico.

Feijóo relativizou a sentenza do caso Gürtel e cualificouna como “provisional” á espera de que o Tribunal Supremo se pronuncie sobre os recursos

“Non teño ningún reparo en dicilo, me repugnan e lamento as corruptelas”, dixo Feijóo, para quen “é evidente que no PP se produciron graves erros de control, e por iso hai un ex-tesoureiro condenado e varios alcaldes condenados”. Pero a continuación engadiu que “o que di a sentenza é que non hai ningunha condena ao PP por corrupción” senón que “puido beneficiarse dun delito sen ser coñecedor del, e por iso foi multado”. Hai dúas semanas Feijóo xa reducira o caso a que Bárcenas "non foi un tesoureiro moi exemplar e iso puido contaminar o PP". Fronte a ese debe, Feijóo presentou no haber as medidas impulsadas polo PP e dixo sentirse “orgulloso do bloque legal máis amplo contra a corrupción que se fixo en España”.

Feijóo tamén relativizou a sentenza do caso Gürtel e cualificouna como “provisional” á espera de que o Tribunal Supremo se pronuncie sobre os recursos que se presenten contra ela. Nesa liña, o presidente galego apelou a ter en conta só “sentenzas inapelables”, e lembrou a do caso Filesa de financiamento ilegal do PSOE hai máis de dúas décadas. A cada grupo da oposición Feijóo foille sacando casos dispares de corrupción ou de simples irregularidades de PSOE, BNG ou Podemos, integrante de En Marea. Fíxoo despois de que os tres grupos da oposición salientasen a implicación persoal de Feijóo en casos igual de dispares.

En Marea

Villares, formulando as preguntas a Feijóo / En Marea

Villares cualificou a Feijóo de “merlo branco que ten unha historia negra”, un “curriculum en b” que está a presentar ante a cidadanía “sen foto con Marcial Dorado”

O portavoz de En Marea cualificou a Feijóo de “merlo branco que ten unha historia negra”, un “curriculum en b” que segundo dixo está a presentar ante a cidadanía “sen foto, sen foto con Marcial Dorado”, sen dar explicacións sobre esa amizade cando xa era número 2 da Consellería de Sanidade nos anos 90 e sen aclarar agora “quen era o contacto na Delegación do Goberno que o informou desas fotos” en 2004, cando xa era conselleiro de Manuel Fraga. Villares dixo que Feijóo “oculta” tamén do seu curriculum os efectos das súas políticas de recortes -“oculta que existen cargos do Sergas investigados por homicidio imprudente” por demoras de medicamentos contra a hepatite-, o seu apoio ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no seu caso arquivado de acoso sexual, e casos de corrupción que veñen afectando ao PP galego como o Campeón ou o Pokémon, o primeiro deles cun ex-deputado e dous ex-altos cargos do PP de Feijóo condenados sen que a Xunta se persoase contra eles.

“A pregunta non é cando se vai a Madrid, a pregunta é cando vai dimitir, home”, espetoulle Villares. A resposta de Feijóo foi a de lembrar o seu pasado como xuíz antes de ser portavoz de En Marea e dicirlle que “vostede non pode volver a ditar unha sentenza en Galicia nin en ningún Estado de dereito”. “Pídame por favor que non convoque eleccións, vostede non sería candidato a nada”, rematou Feijóo a súa réplica a Villares.

PSdeG

Xoaquín Fernández Leiceaga, voceiro do PSdeG / PSdeG

Leiceaga preguntouse se Feijóo poderá en novembro "cantar como Marta Sánchez el que sigue aquí soy yo" e dixo que "hai aquí o que os americanos dirían un pato coxo, porque ten un tempo político limitado"

O portavoz do PSdeG lembrou que un dos condenados no caso Gürtel, Pablo Crespo, que foi secretario de Organización do PP galego, declarou que a caixa b do partido “estaba funcionando en Galicia ata cando menos 2006”, cando Feijóo chegou á presidencia da formación, e pediulle que aclarase “cando acabaron esas prácticas”. Leiceaga lembrou a Feijóo vellas peticións socialistas non atendidas como a creación dunha fiscalía anticorrupción en Galicia ou regular os grupos de presión.

Sobre o futuro de Feijóo, o socialista preguntouse se este poderá en novembro “cantar como Marta Sánchez el que sigue aquí soy yo” e dixo que “non se pode ser ao mesmo tempo militante de Galicia e máximo militante do PP”. “Hai aquí o que os americanos dirían un pato coxo, porque ten un tempo político limitado”, e preguntouse “como vai impulsar proxectos estratéxicos se o seu tempo son meses”. Feijóo respondeu a Leiceaga lembrando que el mesmo pode deixar de ser portavoz parlamentario se, como consecuencia de nomeamentos por parte do novo Goberno central socialista, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, entra na Cámara autonómica ao correr a lista electoral por Pontevedra na que é o seguinte.

BNG

Ana Pontón, durante a sesión de control / BNG

“Leva na mochila as fotos cun narcotraficante, a situación do PP é máis desesperada do que parece”, salientou Pontón

A portavoz do BNG reclamou a Feijóo que facilitase a fiscalización por parte do Consello de Contas dos “2.500 contratos asinados pola Xunta do PP con empresas da trama Gürtel” e volveu pedirlle explicacións por manter a Pablo Crespo como conselleiro de Portos de Galicia durante os máis de dous anos en que el mesmo foi o conselleiro de Fraga do que dependía ese ente público.

Sobre o seu futuro, Pontón dixo que Feijóo “leva na mochila as fotos cun narcotraficante, a situación do PP é máis desesperada do que parece”. Recordatorios similares desa amizade con Marcial Dorado lanzados posteriormente por Villares acabaron provocando un momento de tensión entre Feijóo e Pontón. Feijóo, como fai habitualmente nas sesións de control, estaba afeando o suposto protagonismo que pretende acadar o portavoz de En Marea cando, dirixíndose a el, dixo: “Parecíame que a señora Pontón estaba moi necesitada pero vostede aínda está máis”, sen indicar cal era esa necesidade. Uns segundos despois Feijóo pediu retirar esa expresión do diario de sesións e posteriormente Pontón reclamou sen éxito que o presidente da Cámara, o popular Miguel Santalices, o reprendese polo que considerou unha expresión “machista”.

Feijóo rematou a súa comparecencia cun especialmente longo aplauso da bancada popular que moitos dos presentes coincidiron en dicir que soaba a despedida

Previamente Santalices retirara por iniciativa propia do diario de sesións a afirmación de Pontón de que o PP foi condenado por corrupción e chamou á orde á nacionalista por dicilo. O popular asegurou que o avalaban os letrados do Parlamento, o que provocou que todos os grupos o convocasen para unha posterior reunión na que aclare os criterios para considerar que unha expresión debe ser retirada do diario de sesións. Nese diario non figurarán, xa que só o fan as palabras que pronuncian os deputados, o especialmente longo aplauso da bancada popular a Feijóo co que rematou a sesión de control deste mércores que moitos dos presentes coincidiron en dicir que soaba a despedida.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.