"A veciñanza de Lugo primou un goberno progresista e de boas prácticas fronte á mala praxe e a crispación"

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, nun encontro con veciñanza dun barrio da cidade © Concello de Lugo

A socialista Lara Méndez volverá ser elixida alcaldesa de Lugo no mandato que comezará o vindeiro 17 de xuño coa constitución da nova corporación municipal, na que os 8 edís do PSdeG e os 5 do BNG volverán sumar maioría absoluta para investila sobre a base dun novo "pacto programático" que xa están a negociar ambas formacións tras uns comicios nos que as dúas ascenderon en votos e mantiveron representación malia a un pulo do PP que sumou os dous postos no pleno cos que contaba Ciudadanos. Despois dunha tensa campaña, Méndez asume que terá ante si unha oposición máis férrea que no anterior mandato, pero tamén di estar convencida de poder amosar aínda máis froitos dunha "transformación" da capital lucense baseada nun proxecto de esquerdas que "funciona". 

A de Lugo era unha das grandes batallas electorais do 28M en Galicia. Chegou a temer pola alcaldía nalgún momento da campaña ou da precampaña?

Eu sempre digo que a verdadeira enquisa é a do día das eleccións. Tiñamos certa tranquilidade polas sensacións e o apoio que a xente nos transmitía na rúa, dicíndonos que fixeramos un gran traballo e que estaban contentos coa transformación que xa se ve materializada na cidade. Iso daba tranquilidade.

O mitin co ex-presidente Zapatero semellou un punto de inflexión na súa campaña. Deulle, se cadra, un punto de electricidade ao PSdeG na cidade?

O ex-presidente Zapatero foi un gran presidente polo traballo que fixo, establecendo as liñas máis progresistas no eido lexislativo. Foi unha inxección de moral que sempre vén ben nunha campaña.

Nese mitin e noutros actos de campaña puxo moito o foco na importancia de que gobernen "as boas persoas". Por que o considerou relevante?

"Hai praxes que utiliza o PP e están constatadas, como a presentación de anónimos e a compra de vontades"

Púxose de manifesto na precampaña, na campaña e mesmo na post-campaña as malas praxes que ás veces se utilizan con fins electorais. Iso non debe primar se queremos poñer en valor o necesaria que é a política, como vimos na pandemia ou na crise de subministros. Iso faise dende as boas praxes e o bo comportamento e niso temos que ser exemplares. E hai praxes que utiliza o PP que están constatadas, como pode ser a presentación de anónimos, a compra de vontades cun desembarco da Xunta para os comicios en todos os eidos e tamén no económico, sacar proxectos como a Rolda Leste que levaban tantos anos en stand by... Non todo vale. A cidadanía xa é maior de idade, sabe discernir e primou continuar cun goberno progresista e de boas prácticas.

Como valora que a candidata do PP reclamase estes últimos días a vostede mesma e ao candidato do BNG un pacto para ser ela a investida como alcaldesa?

A cidadanía xa falou o día 28 e xa decidiu que goberno quere que siga na cidade. Escoitamos a cidadanía o día 28, que é a quen nos toca escoitar.

Agarda unha oposición máis dura neste mandato?

Espero que todas estas circunstancias a fagan reflexionar e non implante as malas praxes na oposición de Lugo. Eu considérome optimista e espero que fagan ese exercicio para mellorar e non instalen malas praxes que fixeron moitísimo dano á cidade. Ten que primar o interese colectivo da veciñanza por riba dos intereses persoais.

"É unha satisfacción que primen os feitos,  a transformación que fixemos en todos os barrios e a cidadanía discernise entre iso e a crispación que tentaron implantar. Non se pode tentar 'arrepañar' un puñado de votos co medo"

O PSdeG ascendeu, en termos globais, en torno a un milleiro de votos na cidade, con subas significativas nalgúns barrios mentres, por exemplo, o PP ascendeu de maneira relevante en parroquias do rural. A que o atribúe?

Eu quedo coa lectura de que en barrios onde tentaron xerar temor e confrontar a veciñanza foron barrios nós que nós subimos. É unha satisfacción que primen os feitos, as actuacións, a transformación que fixemos en todos os barrios e a cidadanía sabe discernir entre iso e a crispación que tentaron implantar. Non se pode tentar arrepañar un puñado de votos co medo, deben rectificar.

Nun contexto xeral do Estado no que ao día seguinte se falou en clave de tsunami da dereita polas perdas de poder institucional polo PSOE e outras forzas do esquerda en diversos concellos e autonomías, cre que en Lugo a veciñanza votou en clave máis local?

Independentemente de que ningún territorio é alleo ao contexto xeral, nós subimos. En Galicia só houbo dúas cidades na que subimos en votos, Pontevedra e Lugo; primou o traballo feito, a transformación e a acción política que estamos desenvolvendo. Aquí tivo máis efecto ese compoñente municipal.

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, no despacho da Alcaldía na casa do Concello © Concello de Lugo

Neste mandato a cidade vai ver rematadas obras agora en marcha, coma o remate da peonalización integral da zona intramuros... Que proxectos lle gustaría que fosen os emblemas do goberno local de aquí a 2027?

"Imos poñer o foco na rehabilitación de barrios como A Milagrosa para buscar a habitabilidade e asentar poboación moza, dende as vivendas á renaturalización das contornas"

Máis alá de recuperar espazos e xerar espazos de renaturalización, que axudan a conseguir unha sostibilidade que ten que ser eixo vertebrador, imos poñer moito o foco na rehabilitación de barrios onde xa temos iniciado, como poden ser A Milagrosa e o Barrio Feixóo e despois outros lugares, para que haxa un equilibrio social en toda a cidade. As cidades evolucionan e deterióranse moito máis os barrios con máis asentamento ao longo do tempo; a xente moza busca vivenda onde a hai, moita trasladouse á zona sur e no norte quedaron moitas vivendas deshabitadas. Por iso buscamos a rehabilitación, para buscar esa habitabilidade e asentar poboación nova. E para iso hai que facer barrios atractivos, dende as vivendas á renaturalización das contornas. Este é un obxectivo clave.

Para isto cómprelle un acordo co BNG... As negociacións aínda non están pechadas, pero non sei se é posible avanzar se o goberno será ou non semellante ao anterior en canto á distribución de responsabilidades, alén de axustes puntuais...

"O pacto de goberno funcionou e cumprimos unha alta porcentaxe malia á pandemia. E cando algo funciona hai que darlle continuidade"

É un pacto que funcionou e que cumprimos unha alta porcentaxe, tendo en conta a situación que nos tocou vivir, moi vinculada á pandemia e que provocou que tivésemos que reorganizar prioridades. Aínda así, materializamos unha alta porcentaxe do acordo. E cando algo funciona, hai que darlle continuidade.

Alén dalgunha discrepancia na xestión diaria, o balance do acordo é satisfactorio?

Si. O que hai que medir é o cumprimento do acordo e este é altísimo. Agora toca volvernos sentar para volver fixar un acordo programático coa mesma correlación de forzas, que foi o que nos trasladou a cidadanía, e nese sentido haberá poucos cambios. Trátase de dar continuar a un proxecto que se iniciou hai oito anos en solitario e hai catro anos, cun pacto de goberno.

Nestes catro anos a Deputación volverá ter tamén goberno de esquerdas. Fálase de eventuais recomposicións na representación dos diferentes concellos dentro dese goberno. Lugo cidade ten que pesar máis?

Como alcaldesa sempre quero que Lugo teña peso en todos os lados. Trátase de que as institucións sexan útiles á cidadanía e traballaremos para conformar unha nova corporación que teña peso na cidade.

Lara Méndez, nun acto electoral da súa campaña xunto con Besteiro, Formoso e Tomé CC-BY-NC-SA PSdeG

Cando tome posesión faltará pouco máis dun mes para as eleccións xerais. Cre que poderá seguir formulando demandas para Lugo a un Goberno de España presidido por Pedro Sánchez nos vindeiros anos?

"Quero que siga un Goberno progresista [no Estado], temos obxectivos comúns e proxectos en Lugo que non poden verse paralizados"

Estamos nun contexto social e económico complexo. Nós traballaremos para acadar o mellor resultado posible; evidentemente, eu quero que siga un Goberno progresista, entre outras cousas porque temos obxectivos comúns e proxectos encamiñados que non poden verse paralizados. E desgraciadamente en Lugo xa vivimos como cando entrou un Goberno do PP no ano 2012 paralizaron a estación intermodal e non se investiu nada na mellora das infraestruturas en sete anos. Eu seguirei pelexando por esas demandas, fíxeno sempre con independencia de quen gobernase, pero nin a interlocución nin as respostas foron as mesmas.

Algunhas das demandas que vén expoñendo nos últimos anos teñen que ver con competencias da Xunta. Cre posible que dende 2024 as poida expoñer ante un Goberno de esquerdas?

Traballaremos para conseguilo, porque tamén vemos que cando se conformou un Goberno progresista na Xunta se notou na cidade de Lugo; en rehabilitación de vivendas, en melloras de infraestruturas, en dotacións sanitarias co avance do HULA... Cando hai un Goberno progresista, os avances son moito máis notables e palpables. Ese é o gran obxectivo que temos como partido, acadar as institucións para poder transformar.

Ese sería un goberno no que estea José Ramón Gómez Besteiro, veríao con bos ollos?

"De José Ramón [Gómez Besteiro] só podo falar ben, ocupe o lugar que ocupe sempre vai sumar. Tocará decidilo nos órganos do partido e da vontade persoal; en todo caso o gran obxectivo é gobernar"

De José Ramón só podo falar ben. Tiven a sorte de traballar con el oito anos na Deputación, se do seu compromiso e da súa bagaxe. Ocupe o lugar que ocupe sempre vai sumar; tocará decidilo nos órganos do partido e da vontade persoal. Cando un compañeiro ou compañeira dá un paso adiante é moi louvable, é é sempre meritorio. Veremos o devir dos tempos e quen será candidato ou candidata; en todo caso, o gran obxectivo é gobernar.

Polo momento, o Goberno galego é o do PP. Ten esperanzas no desbloqueo de demandas como a autorización da praia fluvial ou o Museo da Romanización ou considera que será complicado ata a fin do ciclo electoral?

Verémolo en breve. Xa temos solicitado o permiso para poder levar a cabo, este ano si, a zona de baño pública que o ano pasado paralizou a Xunta sen tentar chegar a acordos aínda que establecemos diferentes alternativas. Esa vai ser a primeira actuación na que veremos se hai un cambio coa veciñanza de Lugo ou van seguir na tónica de paralizar as infraestruturas que dependen da Xunta e aquelas que, malia ser proxectos do Concello, precisan permisos da Xunta. Teñen a oportunidade de amosar que van traballar coa prioridade da veciñanza de Lugo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.