Tsunami da dereita, desfeita da esquerda. Derrubamento absoluto da práctica totalidade do poder institucional da esquerda e dos gobernos de coalición progresista. Este podería ser un bo resumo das principais análises mediáticas e mesmo partidarias que vimos escoitando, vendo e lendo dende a noite o pasado vinte e oito de maio sobre os resultados das eleccións municipais, que tamén foron autonómicas nunha decena de territorios.
Estas consideracións son, en boa medida, certeiras para moitos puntos do Estado, moitas autonomías, moitos concellos. Pero encaixan dificilmente en Galicia. O PP gañou cinco puntos en votos a respecto de hai catro anos, certo. E protagonizou unha das sorpresas da noite ao lograr a maioría absoluta na Deputación de Pontevedra que perdera hai dous mandatos, certo tamén.
Repasamos os resultados do 28M co foco en lugares significativos polas maiorías ás que deron lugar as urnas e, sobre todo, porque mantiveron unha dinámica propia que, como os resultados galegos en xeral, non encaixan no 'tsunami' da dereita debuxado para o conxunto do Estado
Tan certo como que o groso do poder nas principais institucións locais galegas vai seguir na banda da esquerda. Nalgúns casos, con mudanzas, noutras, con escasísimas variacións, pero na esquerda, fundamentalmente no PSdeG e no BNG ou viceversa. Neste episodio número 50 do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, repasamos os resultados do 28M en Galicia poñendo o foco nalgúns dos lugares que cremos máis significativos por como votou o electorado, polos xogos de maiorías aos que deron lugar as urnas e, sobre todo, porque mantiveron unha dinámica completamente propia, á marxe do cadro que estamos a ver pintado a partir do global dos datos do Estado e dunhas eleccións autonómicas aquí e acolá que en Galicia nin sequera existiron.
En todas as eleccións municipais en Galicia hai once cadeiras de poder que miden, en boa medida, o éxito ou o fracaso das forzas políticas: as sete alcaldías das sete principais cidades e as catro presidencias das deputacións. A esquerda tiña a maior parte destas cadeiras antes do 28M e vainas seguir tendo despois aínda que perde dúas: a alcaldía de Ferrol e, sobre todo, a presidencia da Deputación de Pontevedra.
Mentres, en Vigo segue imperando a maioría absolutísima de Abel Caballero, que malia descender en votos perde só un edil e queda con 19 de 27. Na Coruña, a socialista Inés Rey sae reforzada, gaña dous edís (de 9 a 11) e pode revalidar a alcaldía pactando cun BNG á alza nunha corporación da que desaparece a Marea
Detémonos en Santiago, onde Goretti Sanmartín será alcaldesa polo BNG, e debullamos o resultado da gran batalla de Lugo, onde PSdeG e BNG revalidarán os gobernos do Concello e da Deputación malia á forte aposta do PP provincial
O Bloque, precisamente, experimentou un avance significativo en votos, case cinco puntos. Vai manter a alcaldía de Pontevedra aínda que cede a primeira posición tras unha perda de dous edís en beneficio do PP. E a esa alcaldía vai poder sumar case con total seguridade a de Santiago con Goretti Sanmartín, outra das principais noticias do 28M, unha nova convulsión no mapa municipal da capital galega que abordamos polo miúdo con David Reinero, xornalista de Praza.gal.
Santiago foi unha das sorpresas dun 28M no que unha das batallas clave en Galicia era Lugo, tanto o Concello da cidade como a Deputación. Ambas institucións estiveron gobernadas no último mandato por PSdeG o BNG e nas dúas o PP leva períodos moi longos de tempo sen tocar poder: dende 1999 no caso municipal e dende 2007 no provincial. O PP de Elena Candia apostou moi forte e estivo a piques de logralo, pero non o conseguiu por unha marxe moi estreita na Deputación e algo máis ampla na cidade da Muralla.
Para entender un pouco mellor o que sucedeu , neste episodio do Fálase tamén imos ata Lugo para saudar a Marta Veiga, xornalista e excelente coñecedora da política e da sociedade lucense. Con ela analizamos quen perdeu e quen gañou, como afecta o resultado ao futuro político de Candia e á proxección da alcaldesa, a socialista Lara Méndez, e de quen previsiblemente continuará como tenente da Alcaldía, o nacionalista Rubén Arroxo.
Tamén debullamos o sucedido no axustadísimo reconto nunha mesa electoral da capital lucense e mais no Concello de Castro de Rei. Ambas foron clave para que finalmente a Deputación se mantivese na esquerda tras varias horas da noite electoral nas que o PP a deu por gañada.
Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.