O PP gaña as eleccións pero a esquerda suma máis edís, cun aumento notable do nacionalismo, que pasa de 2 a 6, e un retroceso do actual rexedor, o socialista Bugallo, que dimite tras empatar co BNG pero con menos votos
A candidata do BNG, Goretti Sanmartín, pode ser a primeira muller alcaldesa de Santiago de Compostela na historia da cidade. As eleccións municipais gañounas este 28M o PP, con preto do 38% dos votos, que lle deron 11 concelleiros, pero as formacións de esquerda suman máis edís, 14, e entre elas o BNG adiantou en votos por primeira vez o PSdeG, o que daría a Sanmartín a alcaldía.
A formación nacionalista tamén obtivo o seu mellor resultado nunhas municipais na capital galega, con máis do 23% dos votos, cinco puntos máis que en 1999.
O actual alcalde, o socialista Xosé Sánchez Bugallo, que hai catro anos retornou á alcaldía obtendo preto do 35% dos votos, caeu desta volta por baixo do 22% e retrocedeu de 10 a 6 concelleiros. Os mesmos concelleiros obtén o BNG, catro máis que hai catro anos, pero logra máis votos totais, por riba do 23%. O resultado levou ao socialista a anunciar na mesma noite electoral que dimite e non tomará posesión da acta de concelleiro.
Na esquerda tamén hai que sumar outros dous concelleiros de Compostela Aberta (9% dos votos), que con María Rozas como a súa nova candidata perde tres a respecto dos cinco que obtivera hai catro anos, cando deixou a alcaldía Martiño Noriega.
O popular Borja Verea acada preto do 38% dos votos pero os seus 11 edís son menos que os 14 que suma a esquerda malia a caída socialista de 10 a 6
As tres forzas de esquerda suman así 14 concelleiros, polos 11 do PP encabezado por Borja Verea, que mellora os resultados que a súa formación obtivo hai catro anos sumando tres concelleiros máis pero sen lograr igualmente a maioría absoluta que lle daría a alcaldía, que en compostela só logrou entre 2011 e 2015. Os populares pasan do 29% dos votos de hai catro anos a preto do 38%.
Estes son os resultados dunhas eleccións que en todo caso mobilizaron a menos votantes que as de hai catro anos, cunha participación do 61,8%, 4,85 puntos por baixo da de 2019.