O BNG, "convencido" de que Goretti Sanmartín pode ser a vindeira alcaldesa de Santiago

Goretti Sanmartín e Ana Pontón, flanqueados por Iago Lestegás e Míriam Louzao, integrantes da candidatura do BNG compostelán, este 23 de maio no mitin central da campaña CC-BY-NC-SA BNG

"Parecía incrible" hai poucos anos, manifestou este martes a candidata do BNG á alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, para se referir á asistencia que aglutinou o seu mitin central de campaña na céntrica Praza de Cervantes, a Praza do Pan, e ao feito de falaren en termos de aspirar ao bastón de mando. Nun serán de intensa axenda política e de lecer na capital galega -por exemplo, á mesma hora Compostela Aberta tamén xuntaba os seus partidarios no mitin central de campaña e o Obradoiro disputaba o derradeiro partido da temporada no Fontes do Sar-, o Bloque logrou unha notable concorrencia ante a que manifestou a súa convicción de poder lograr a alcaldía.

"Non teñades ningunha dúbida, Goretti será alcaldesa", afirma Pontón no mitin central do Bloque en Compostela

"Estou completamente convencida", afirmou Míriam Louzao, número dous da candidatura de Sanmartín, antes de dar paso ao discurso de Ana Pontón, que principiou evocando os anos nos que chegou á cidade como estudante. A vida social, comercial e cultural daquel tempo, afirma a portavoz nacional do Bloque, foi esmorecendo. Pero "non teñades ningunha dúbida, Goretti será a alcaldesa que vai abrir un tempo novo de esperanza" porque "é a muller capaz de construír un Santiago en grande". Esa, afirmou, é a cidade que pode "recuperar o pulso" e na que, engadiu, quere que medre a súa filla.

Inicio do mitin central do BNG en Santiago cara ao 28M, este 23 de maio na Praza de Cervantes da capital galega CC-BY-NC-SA BNG

Como vén sostendo nos últimos días, os cálculos que realiza o Bloque para ter tantas esperanzas postas nunha cidade onde actualmente conta con só 2 dos 25 edís da corporación municipal -tras ter algo menos de 5.000 votos hai catro anos- pasan polos resultados obtidos neste concello nas últimas eleccións galegas (algo máis de 14.000 votos) combinados co previsible descenso do PSdeG local e un eventual arrastre de parte do voto que en 2019 foi a CA. Estes factores, engadidos ao perfil da candidata, cren, poden derivar en sorpresa o domingo á noite.

Os cálculos do BNG pasan por lograr reter o groso do electorado que votou por Pontón en Santiago nas eleccións galegas e mais arrastrar electorado do PSdeG e CA en 2019. Economía, vivenda ou regulación do turismo, exemplifica Sanmartín, centrarían algunhas das súas primeiras medidas se logra o bastón de mando

"Hai que mobilizar e sumar no BNG todos os composteláns e compostelás que queren abrir un tempo novo", alentou Pontón, antes de que Sanmartín resumise tamén o devandito cálculo. "Se recibimos os mesmos votos que nas pasadas eleccións galegas, estamos en clara disposición de facer historia", augurou antes de peir poio para ir "contra a inercia e a decepción". Outras formacións políticas xa tiveron "a súa oportunidade" e non o lograron, defende, e ela vese capaz de intentar "con todas as forzas" construír "un futuro diferente".

Un pacto de "reconstrución cos sectores económicos", mellorar a conexión das parroquias rurais a través do transporte público, fomentar a creación de emprego, culminar a operación Peleteiro garantindo que inclúe "vivendas de protección oficial" ou accións municipais para mellorar o acceso á vivenda, resaltou, serían as súas primeiras medidas como alcaldesa nun Concello que, di, tamén interviría en maior medida para regular o turismo e protexer os usos residenciais e o comercio tradicional da zona histórica . Porque "un concello con calidade de vida conducirá tamén a un turismo de calidade".

Santiago, concluíu, é "unha cidade de referencia para millóns de persoas no mundo, a capital de Galiza e unha das capitais culturais e patrimoniais" de Europa. E "unha cidade así precisa dun goberno ambicioso e coas ideas claras". En público e en privado, en pleno silencio demoscópico, no Bloque reiteran que Sanmartín pode ser alcaldesa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.