Pontón chamou este luns en Ourense a votar "masivamente" o BNG e o candidato á alcaldía, Luís Seara, para acabar co "esperpento" de Jácome e "facer dimitir a Baltar nas urnas" logo dos escándalos que arrodean o alcalde e presidente da Deputación nas últimas semanas.
Nun ateigado mitin en Ourense, a portavoz nacional do BNG advertiu da "dexeneración democrática" que supón na cidade e na provincia o "caciquismo 2.0" e as polémicas de Baltar e Jácome, polo que chamou a "encher as urnas de papeletas do BNG" o 28M. "Hai que votar masivamente a Luís Seara porque con ese voto masivo ao Bloque imos pór fin ao disparate deste desgoberno municipal e imos abrir un tempo novo para devolverlle á cidadanía de Ourense un concello coa dignidade que merece", asegurou.
Ademais, Pontón acusou a Feijóo e Rueda de mirar para outro lado ante o que definiu como "esperpento" tras o "abrazo da vergoña" entre o PP e o alcalde "letal", en referencia ás palabras do actual líder do PP estatal sobre Jácome. "Todo para que Baltar seguise ocupando a poltrona da Deputación", insistiu.
Pontón advirte de que haberá alianza de Jácome con Baltar se o PP o precisa para manter a Deputación: “A alternativa é votar, encher as urnas coa papeleta BNG"
“Cantas multas máis do Fitipaldi Baltar conducindo o coche oficial da Deputación tendes que seguir pagando os veciños e as veciñas de Ourense? Canto tempo máis van estar Feijóo e Rueda calados e mansos como cordeiros ante un presidente do PP en Ourense convertido nun perigo para as persoas? Canto tempo máis ten que soportar Ourense un PP enlamando o prestixio desta cidade e desta provincia?”, interpelou Pontón.
Porque Pontón, segundo advertiu, está convencida de que haberá alianza con Jácome se Baltar o precisa, aínda a custa de "volver sacrificar a cidade catro anos máis" e que, igual que fixo Feijóo no 2019, Rueda mirará para outro lado, “porque o PP é unha gaiola de grilos na que Rueda é quen menos manda, como vai dirixir Galiza quen nin é capaz de dirixir o seu partido?”, preguntouse.
“A alternativa é votar, encher as urnas coa papeleta BNG, porque todas as persoas que levan Ourense na cabeza e no corazón, que lles doe ver o que o PP está facendo coa súa cidade, teñen no BNG e en Seara a súa opción de futuro”, dixo. E animou a "expresar nas urnas toda a carraxe e indignación con aqueles que usan as institucións como se fosen súas”.
Seara: "Temos que escoller entre a corrupción política que leva tanto tempo instalada neste concello ou a rexeneración política que representa o BNG"
Pola súa banda, o candidato á alcaldía ourensá Luís Seara cualificou a situación de “emerxencia política e social”. "Temos que escoller entre a corrupción política que leva tanto tempo instalada neste concello ou a rexeneración política que representa o BNG”, asegurou.
“O BNG ten un proxecto transformador, non nos limitamos ser meros xestores, senón a transformar a realidade para mellorar a calidade de vida das persoas, como facemos alí onde temos responsabilidades de goberno, un proxecto que, ademais, vai devolverlle a autoestima ás veciñas e veciños e permitiralles recuperar o orgullo perdido en todos estes anos. O noso proxecto transformador sobre tres alicerces: Ourense verde, Ourense creativo e Ourense feminista”, concluíu.