O novo caso Baltar segue a medrar. Mentres José Manuel Baltar aínda está pendente de xuízo polo presunto delito contra a seguridade viaria cometido ao conducir o coche oficial a 215 quilómetros por hora o pasado 23 de abril, Radio Ourense - Cadena SER vén de revelar que esa non foi a única infracción cometida ao volante do vehículo institucional nesa mesma xornada polo presidente da Deputación e do PP de Ourense.
Apenas unha hora antes de ser interceptado en Zamora por ir a 215 km/h, o presidente da Deputación e do PP ourensán foi captado a 173 km/h na mesma autovía en Allariz, segundo revela Radio Ourense
Segundo a información publicada pola emisora ourensá este luns, menos dunha hora antes de que un radar captase o coche oficial que conducía Baltar a 215 por hora na A-52 ao seu paso por Asturianos (Zamora) en sentido Madrid, outro radar xa o cazara a 173 por hora na mesma autovía á altura de Allariz. Ese exceso de velocidade, indica, foi captado por un radar veloláser, cunha fotografía que amosa a propia información. En ambos tramos, a velocidade límite é de 120 quilómetros por hora.
O punto quilométrico concreto desta primeira infracción en Allariz, indica Radio Ourense, foi o 210. O da segunda, revelada inicialmente por elDiario.es, foi o 66,9. A primeira aconteceu ás 17:44 e a segunda, ás 18:38. Dado que percorreu 143 quilómetros en 54 minutos, o resultado sería unha velocidade media de 158,89 quilómetros por hora nunha vía na que rexe unha limitación xeral de 120 quilómetros por hora, na que actualmente hai varios tramos en obras e que ten, como destaca a emisora, "varios túneles con límite de velocidade a 100 km/h".
Tras transcender a primeira infracción, pola que está á espera do xuízo do día 31, Baltar atribuíra o exceso de velocidade a un "erro illado". A nova información acredita que conduciu a unha velocidade media non inferior a 158,9 km/h cando menos nos 143 quilómetros que separan ambos puntos
No caso do exceso de velocidade en Allariz, Baltar non chegaría ao limiar de 80 km/h que marca o delito contra a seguridade viaria, por superar en 53 por hora o límite da vía. Así, a sanción sería dunha multa de 400 euros e a retirada de 3 puntos do permiso de conducir, sempre e cando o barón do PP ourensán sexa formalmente identificado como condutor. Mentres que en Zamora foi parado pola Garda Civil, en Allariz isto non sucedeu.
Tras transcender que conducía a 215 km/h o coche oficial, José Manuel Baltar atribuíu o seu exceso de velocidade a un "erro illado". Nunha carta de desculpas remitida a varios medios, asegurou que acontecera "nun momento de despiste acontecido nunha longa recta da A-52, sen referencias de ningún tipo".
A infracción anterior e o tempo que tardou en percorrer o devandito treito acreditaría, daquela, que superar os límites legais de velocidade foron unha conduta sostida no tempo, cando menos nesa viaxe. E tamén, como mínimo, noutras dúas nas que posteriormente admitiu ter multas aos mandos dese mesmo vehículo oficial.
O 'barón' ourensán confiou en que os seus excesos ao volante do coche oficial non terán custo electoral o 28M mentres comparte actos de campaña con Rueda, que vén optando polo perfil baixo na crítica á súa "conduta inaxeitada"
Este luns, despois da publicación da segunda multa -primeira no tempo-, un portavoz oficial da Deputación de Ourense asegurou que nin ao presidente nin á institución "lles consta a notificación da infracción administrativa que recolle esta mañá un medio local". "En caso de recibir esa notificación e unha vez comprobados os datos oportunos, tramitarase polas vías debidas e será abonada polo condutor do vehículo", agrega.
Polo presunto delito cometido á altura de Zamora, Baltar foi citado a un xuízo rápido que primeiro manobrou para adiar e no que despois esquivou a condena acolléndose ao mecanismo legal que permite transformar o proceso noutro ordinario no caso de non existir conformidade coa pena proposta pola Fiscalía, neste caso 6 meses de multa e retirada do carné por un ano. A cuestión pasou deste xeito ao xulgado do penal de Zamora que o citou para o día 31 deste mes de maio.
Agás que triunfen os recursos formulados polo seu avogado, a vista celebrarse tres días despois dunhas eleccións municipais nas que Baltar di confiar en que os seus excesos ao volante do coche oficial non terán custo electoral ningún. Así o afirmou antes dun dos diversos mitins que xa leva compartido na campaña co presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, que vén optando polo perfil baixo na crítica á súa "conduta inaxeitada".
BNG e PSdeG volven esixir a dimisión e apelan a Rueda e Feijóo
Ante a noticia de que na mesma viaxe conducindo o coche oficial Baltar transgrediu a normativa de tráfico en máis dunha ocasión, tanto o BNG como o PSdeG reiteraron as súas esixencias de dimisión e apelacións aos líderes galego e estatal do PP, Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo. "Cantas custas nos custa cada viaxe de Baltar?", pregúntase a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen cuestiona "canto tempo máis van estar mirando para outro lado Rueda e Feijóo" mentres o seu barón ourensán supón "un perigo público"."
"A cidadanía pode e debe botar fóra este señor o 28 de maio"
O voceiro do Bloque na Deputación, Bernardo Varela, pon ademais o foco en que o popular "mentiu descaradamente" no pleno da institución cando foi preguntado ao respecto. "A dimisión é a única solución, os escándalos teñen que rematar", sinala o nacionalista, quen non obstante "lembra" que "a cidadanía pode e debe botar fora este señor" votando o vindeiro domingo. Neste mesmo sentido, Pontón anima a "facelo dimitir nas urnas collendo a papeleta do BNG".
Por parte do PSdeG o seu secretario xeral na provincia de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, tamén pon o foco en que queda "acreditado que Baltar mente de xeito consultivo", ademais e ser "un perigo ao volante". "Xa non ten xustificación" que continúe na presidencia da Deputación e do partido, coida. "Debe dimitir de xeito inmediato" e "de non ser así, instamos a que Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo o destitúan nas súas funcións". Caso contrario, cre, "a falta de honorabilidade tinguirá tamén as siglas" do PP a nivel galego e estatal.