Rueda abre a campaña apoiando nun mitin a Baltar, que cre que o seu comportamento non terá custo electoral

Rueda no mitin en apoio do candidato do PP no Pereiro de Aguiar e de Baltar como candidato á Deputación de Ourense © @ARueda68

O presidente comparte mitin co barón ourensán horas despois dun novo adiamento, a despois do 28M, do xuízo por un delito contra a seguridade viaria por conducir o coche oficial a 215 por hora

A campaña electoral para as eleccións municipais do 28 de maio vén de comezar co presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, apoiando nun mitin no Pereiro de Aguiar a quen aspira a repetir como presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar. Fíxoo na mesma xornada en que Baltar volveu adiar o seu xuízo por delito contra a seguridade viaria por circular a 215 quilómetros por hora o domingo 23 de abril nun coche oficial. 

O popular ourensán rexeitou ser condenado por conformidade nun xuízo rápido nun xulgado de Pobra de Seabra e será agora xulgado nunha vista penal ordinaria en Zamora, pero será o 31 de maio, tres días despois dos comicios locais nos que aspira a que o PP obteña tantos concelleiros en toda a provincia como para poder manterse no cargo que herdou do seu pai hai unha década. Baltar di que non cre que o acontecido teña custo electoral.

Baltar e Rueda, co candidato do PP á alcaldía do Pereiro de Aguiar, Luis Menor, este 11 de maio CC-BY-SA PP Ourense

O comportamento de Baltar está a marcar xa a campaña das municipais e a salpicar directamente ao presidente da Xunta, que a primeira hora da tarde deste xoves foi quen confirmou, tras versións contraditorias, que o seu compañeiro de partido finalmente comparecera de forma telemática ante a xuíza de Pobra de Seara. “É bo, e o que procedía, e se está producindo”, dixo desde o atril de San Caetano, onde tamén xustificou que “se non houbo conformidade, é un dereito do señor Baltar e de calquera persoa”. 

Rueda leva días minimizando a importancia do comportamento de Baltar, quen hai un ano foi clave para garantirlle a sucesión de Feijóo tanto na Xunta como no PPdeG. Este mércores, no Parlamento, o presidente do Goberno galego vía amargado o primeiro aniversario da súa investidura cunha sesión de control que a oposición centrou na crise ourensá e na que se limitou a cualificar de “conduta inaxeitada” a actuación de Balar. E este xoves pola tarde o propio Rueda apoiaba a Baltar nun mitin na súa provincia.

Vehículo oficial usado por Baltar CC-BY-NC-SA Foto: PSdeG | Montaxe: Praza.gal

Preguntado horas antes por ese acto electoral, Rueda xustificou o mitin asegurando que ía para apoiar persoalmente ao candidato do PP no Pereiro de Aguiar, Luis Menor, que foi director xeral de Emerxencias e Interior cando el mesmo era conselleiro de Presidencia. “Se tamén está o presidente provincial, alí coincidiremos e seguro que tamén apoiará ao candidato”, dixo, obviando que Baltar participa activamente neste tipo de mitins cun papel tan protagonista como os candidatos locais xa que dos seus resultados dependerá que el mesmo repita como presidente da Deputación. [A batalla das Deputacións: parte do poder territorial da esquerda, en xogo no inicio do ciclo electoral].

Baltar di ter "absoluta tranquilidade" e fai ver que a súa estratexia de defensa pasa por argumentar que xa pagou a multa administrativa e polo tanto xa non pode ser sancionado na vía penal

E o propio Baltar encargouse este xoves de deixar claro o seu protagonismo ao responder ás preguntas que lle formularon os xornalistas á súa chegada ao mitin do Pereiro de Aguiar. Ante a cuestión de se considera que o acontecido pode ter "algún custo electoral", o presidente do PP e da Deputación de Ourense respondeu que el cre que "non". 

Baltar dixo ter "absoluta tranquilidade" e asegurou que mantén o seu "compromiso de colaboración coa administración de xustiza". Tamén fixo ver que a súa estratexia de defensa pasará por argumentar que xa pagou a multa administrativa que lle impuxo a Garda Civil e polo tanto non pode ser sancionado dúas veces polos mesmos feitos, agora na vía penal. Nada dixo sobre se considera ou non o seu comportamento "exemplar", como esixen os estatutos do seu partido.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.