BNG e PSdeG centran na crise ourensá o Pleno do Parlamento mentres o presidente cualifica de “conduta inaxeitada” o presunto delito de seguridade viaria cometido por Baltar e culpa os socialistas de que Jácome sexa alcalde por non repartirse cargos co PP
O 10 de maio de 2022 Alfonso Rueda pronunciaba no Parlamento de Galicia o seu discurso de investidura para ser elixido dous días despois presidente da Xunta logo de que o principal barón do PPdeG, Manuel Baltar, lle dese o seu apoio como sucesor de Feijóo. Un ano máis tarde, este mércores 10 de maio Baltar e a crise no concello de Ourense foron os protagonistas na sesión de control ao Goberno galego.
BNG e PSdeG pediron a Rueda que actúe contra Baltar por circular a 215 quilómetros por hora cun coche oficial e reprocháronlle que Gonzalo Pérez Jácome, do que están a facerse públicas gravacións nas que presume de diversas presuntas ilegalidades, sexa alcalde de Ourense grazas ao PP. Pero a resposta do presidente da Xunta limitouse a cualificar de “conduta inaxeitada” a actuación de Baltar, que se enfronta a un xuízo penal por un presunto delito contra a seguridade viaria, e a culpar os socialistas de que Jácome sexa alcalde por non querer repartirse hai catro anos co PP ese cargo e a presidencia da Deputación.
“Permitir que o tándem Jácome-Baltar arrastre pola lama a imaxe de Ourense e de Galiza non é democrático, é unha vergoña”, di Pontón
Foi no comezo dunha xornada na que está prevista unha rolda de prensa de Jácome e na que a xuíza que xulgará a Baltar volveu citalo para este xoves "de maneira presencial ou telemática" despois de que non comparecese o luns e tras rexeitar a petición do seu avogado de anular as actuacións e suspender o sinalamento.
A pregunta que rexistrara para este mércores o BNG centrábase nas actuacións da Xunta en favor da rexeneración democrática, e con ese pé a portavoz nacionalista, Ana Pontón, puxo Ourense como exemplo de “vergoña”.
Pontón comezou criticando o control da CRTVG por parte da Xunta ou o silencio ante as reiteradas peticións de documentación da oposición no Parlamento, e acabou criticando que “desculpar que Baltar sexa cachado un domingo en coche oficial a 215 por hora tampouco é democrático, é unha vergoña”. “Permitir que o tándem Jácome-Baltar arrastre pola lama a imaxe de Ourense e de Galiza non é democrático, é unha vergoña”, incidiu a nacionalista, cualificando de “esperpento” a crise política en Ourense e culpando da mesma o PP. “Galiza non pode ter un presidente que xustifica feitos delitivos como os de Baltar”, sentenciou Pontón.
A resposta de Rueda comezou asegurando que o goberno de coalición de PSdeG e BNG que estivo á fronte da Xunta hai tres lustros respondía menos preguntas da oposición que o seu. E sobre o caso Baltar reprochou a Pontón que “dite sentenza” antes que a xustiza ao tempo que se dixo “avergoñado” de que haxa no BNG que non condene a invasión rusa de Ucraína.
Pontón lamentou que Rueda sexa “moi bravo co BNG pero moi manso con Baltar”, e dixo que se o presidente non é quen de “dirixir o PP e poñer orde, non está capacitado para dirixir Galiza”. Foi só na súa intervención final cando Rueda acabou dicindo que o de Baltar lle parecía “unha conduta inaxeitada”.
Luis Álvarez, portavoz do PSdeG, di que Baltar e Jácome son “dous homes e un destino” que foron “amparados antes por Feijóo e agora por vostede”
Na mesma liña discorrera previamente o debate co portavoz parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez. A súa pregunta estaba centrada nas políticas da Xunta cara aos concellos, e con ese pé acabou criticando que o modelo do PP ten un “exemplo paradigmático na provincia de Ourense”. Sobre Jácome o socialista lembrou que Feijóo o considerara “letal” para a cidade, “e así o é”, concluíu. O alcalde, xunto co presidente da Deputación, Manuel Baltar, son segundo Álvarez “dous homes e un destino” que foron “amparados antes por Feijóo e agora por vostede”.
A resposta de Rueda foi reiterar o vello argumento de Feijóo de que o PSdeG tivo na súa man a alcaldía de Ourense hai catro anos se aceptase darlle a presidencia da deputación a Baltar. A negativa dos socialistas xustificou e xustifica para os populares o seu pacto con Baltar para repartirse os dous cargos e manter a Jácome na alcaldía.